A Audiencia de Ourense ratifica o arquivo da investigación penal polo falecemento por electrocución en 2017 dun traballador no interior do túnel do Corno porque "non se puido determinar a causa concreta de tal electrocución”
O Poder Xudicial vén de facer público un auto emitido o pasado 13 de xullo pola Audiencia Provincial de Ourense que permite coñecer un novo caso dun falecemento dun traballador nas obras de construción do AVE galego, neste caso electrocutado no interior do túnel dereito do Corno, en Laza, o 6 de novembro de 2017, cando o suceso non transcendeu. Con esta morte son xa 14 as documentadas e feitas públicas desde o comezo das obras da alta velocidade galega hai dúas décadas.
O auto agora coñecido da Audiencia de Ourense ratifica o arquivo da investigación penal do ocorrido en 2017 no túnel do Corno decidido a comezos deste ano por un xulgado de Verín “sen prexuízo das accións civís que, no seu caso, poidan corresponder”.
Segundo as resolucións xudiciais, “esgotadas as dilixencias de instrución pertinentes e útiles, e non obstante ter falecido o traballador por electrocución, o certo é que non se puido determinar a causa concreta de tal electrocución” e, polo tanto, a quen atribuír a posible reponsabilidade penal.
O auto recolle como a autopsia estableceu que “a orixe médica legal máis probable da morte é accidental en contexto de traballo” e que “a causa fundamental da morte é electrocución”, pero as investigacións policiais, da inspección laboral e dos peritos non puideron determinar a orixe logo de máis de tres anos de instrución penal.
A primeira morte nas obras do AVE galego, en 2008 ao derrubarse un viaduto no Carballiño, saldouse tamén sen responsabilidades penais
Esta morte por electrocución en 2017 agora coñecida non figuraba na recompilación que vén facendo Praza.gal desde hai anos dos falecementos de traballadores na construción do AVE galego que se van coñecendo cando son comunicadas polos servizos de emerxencias que acoden nun primeiro momento aos sucesos. A esas mortes que se van comunicando cando ocorren engadiu en 2019 o Goberno de España outras tres que cualificou como orixinadas por “causas non traumáticas”, o que xa elevaba a contabilidade ata as 13 mortes en 13 anos, entre a primeira rexistrada en 2008 ao derrubarse un viaduto no Carballiño, saldada tamén sen responsabilidades penais como a agora coñecida, e ata agora última producida hai dous anos ao ser atropelado un camioneiro no acceso ás obras da nova estación de Vigo.