As dúas grandes infraestruturas colocaron a súa primeira pedra en 2001 e o remate do groso das súas actuacións ao longo dos próximos meses deixará aínda traballos pendentes
O 16 de febreiro de 2001, sen Manuel Fraga por estar convalecente dunha operación, a Xunta puña a primeira pedra da Cidade da Cultura. Cinco meses máis tarde, o 21 de xullo dese mesmo ano, con Fraga xa presente, José María Aznar colocaba a primeira pedra do AVE galego na liña do Eixo Atlántico. Vinte anos máis tarde, tanto a Xunta como Goberno central prevén dar por rematadas ao longo deste 2021 ambas as dúas actuacións, malia que nos dous casos queden aínda obras por realizar tras investir en dúas décadas preto de 350 millóns de euros no monte Gaiás e máis de 8.300 millóns nas liñas de alta velocidade Vigo-A Coruña e Santiago-Olmedo (en Valladolid, onde se une coa que comunica Asturias).
O AVE supuxo o investimento de máis de 8.300 millóns de euros e deixou 13 mortes na súa construción e 80 no accidente de Angrois, ademais de danos ambientais, pero aínda queda pendente un treito de 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense
Cando neste 2021 á fin entre en servizo a liña entre Galicia e a Meseta, nunha data xa só condicionada polas probas de seguridade unha vez que están rematados o groso dos traballos, o AVE deixará tras de si todo tipo de custos: 5.700 millóns de euros de investimento na liña Santiago-Olmedo e 2.600 no Eixo Atlántico, segundo estimou o Tribunal de Contas da UE; 13 obreiros mortos na construción das dúas liñas; ríos danados ou desaparecidos a cambio de multas ás construtoras do 0,003% das súas adxudicacións; e 80 persoas falecidas no accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013.
Para o futuro queda pendente non só a definición e mellora do resto da rede ferroviaria galega senón o propio remate da liña que o Goberno central vai dar por rematada. Porque aínda quedan pendentes, sen moverse unha soa pedra, 17 quilómetros entre Taboadela e a cidade de Ourense, un treito co seu deseño demorado hai anos que para a Xunta non era prioritario cando gobernaba o PP en Madrid e no que os trens de alta velocidade seguirán a circular durante varios anos pola vía actual adaptada.
A Xunta prevé rematar na primavera o denominado Edificio Fontán da Cidade da Cultura que substitúe o Teatro da Ópera nun complexo no que se executou dous terzos do proxecto previsto por Eisenmann hai dúas décadas e con obras de urbanización aínda pendentes
Tampouco a Cidade da Cultura estará rematada cando a Xunta a dea por rematada ao concluírse o denominado Edificio Fontán, calculado para a primavera. Ese sexto edificio do complexo levantouse en parte do espazo que orixinalmente ía destinado ao Teatro da Ópera e será ocupado agora por oficinas das tres universidades galegas e por un centro especializado en patrimonio cultural. Un edificio que permite a Feijóo presentarse á vez como paralizador e finalizador do proxecto ideado por Manuel Fraga e concretado polo arquitecto Peter Eisenmann que polo camiño primeiro aumentou de volume a respecto do seu deseño inicial e despois renunciou a un dos seis edificios previstos e recortou o tamaño e mudou o contido doutro.
O mantemento ordinario do Gaiás, sen ter en conta as actividades culturais que se organicen, supón uns 7 millóns de euros ao ano
Pero incluso cando se remate o Edificio Fontán aínda quedarán obras de urbanización pendentes en todo o complexo, que ten en marcha tamén a plantación do denominado Bosque de Galicia, e fundamentalmente a consolidación do seu modelo cultural, cun custo anual de mantemento ordinario do recinto, sen ter en conta as actividades culturais que se organicen nel, duns 7 millóns de euros. Gasto anual a sumar aos preto de 350 millóns de euros que xa supuxeron as obras no monte Gaiás por un soño de Fraga co que, segundo o Consello de Contas, o seu Goberno “abdicou da súa responsabilidade de xestión prudente e planificada dos fondos públicos”.