A aposta pola nova mobilidade volve impulsar a idea dun transporte marítimo entre A Coruña e Oleiros

O 'Rías Altas Dos', que une A Coruña e Oleiros nunha ruta turística CC-BY José Luis Cernadas Iglesias

Os Concellos da Coruña e Oleiros analizan conxuntamente a posibilidade de poñer en marcha un servizo de transporte marítimo entre ambas localidades. Seguindo o ronsel -e o impulso económico- das políticas da UE cara a unha mobilidade máis sustentable, e coa idea de restar vehículos da estrada nuns accesos a ambos núcleos habitualmente saturados, ambas administracións recuperan unha idea que non é nova. 

Os Concellos da Coruña e Oleiros estudan conxuntamente unha liña de transporte marítimo para unir ambas localidades

O tipo de transporte recuperaría -pero mellorado- un método que funcionou ata hai poucas décadas con lanchas tradicionais e que agora só se fai no verán e como atractivo turístico. Hai case vinte anos, en 2004, o Concello da Coruña anunciaba un estudo de viabilidade para recuperar o transporte marítimo e mesmo a posibilidade de subvencionar as empresas interesadas na concesión. En 2010 Portos de Galicia abría a posibilidade a poñela en marcha, ampliada ata Sada, no ano seguinte. 

Nada máis se soubo ata agora, cando ambos municipios parecen decididos a acompañar a aposta cada vez máis evidente pola mudanza na mobilidade que acelera a crise enerxética, a loita contra o cambio climático e a contaminación, mais tamén o impulso -tamén económico- que nese ámbito chega da UE.  

A liña de transporte marítimo podería unir A Coruña coas localidades de Mera, Santa Cruz e Santa Cristina, en Oleiros CC-BY-SA Google / Praza Pública

Ambas administracións confirmaron o "acordo" para estudar o transporte que uniría a dársena da Coruña, en pleno centro da cidade, con Oleiros, a través de atraques que se situarían en Santa Cristina, Santa Cruz e Mera. "Sacaríamos moitos coches da estrada; estou totalmente de acordo", dixo o alcalde oleirense, Ángel García Seoane, respecto unha opción que desde o seu Concello xa incluíran no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). 

Oleiros pon como "exemplo claro" da viabilidade da liña o servizo entre Cangas e Vigo, que une na mesma distancia localidades de semellante poboación

"Na actualidade só existe un servizo turístico que ofrece durante a temporada estival un percorrido circular pola costas de A Coruña e Oleiros. O fomento do transporte marítimo como unha alternativa eficiente que favoreza a mobilidade ten como obxectivo impulsar un transporte público alternativo á estrada que permita reducir o número de desprazamentos e a actual saturación de vehículos", explícase nun plan que lembra que ambas localidades estaban conectadas non hai tanto tempo mediante lanchas para transportar xente sobre todo ás praias. 

O PMUS de Oleiros pon, ademais, como "exemplo claro" onde mirarse "o servizo de transporte marítimo existente entre Cangas e a cidade de Vigo" e lembra que no ano 2019, previo á pandemia, "moveu case un millón de pasaxeiros que o usaron en gran parte por motivos laborais". A mesma liña, en 2021, pechou con máis de 600.000 pasaxeiros malia as restricións de mobilidade e sanitarias. 

As comparacións son acaídas, A liña marítima entre Vigo e Cangas percorre nuns 20 minutos unha distancia de 5,5 quilómetros, a mesma que separa o peirao de Calvo Sotelo coruñés e a localidade de Mera. Algo menos de distancia suporía a ruta a Santa Cristina ou Santa Cruz. No caso da asentada liña na ría de Vigo, une dous poboacións que xuntan máis de 320.000 habitantes, mentres que no da ría coruñesa suporían máis de 280.000, ao conectar o segundo municipio máis poboado de Galicia co décimo (uns 37.000). 

Vista aérea do porto da Coruña e da ría © Porto da Coruña

"É unha iniciativa bastante mellor máis beneficiosa que a pasarela sobre a ría da Pasaxe", di o alcalde de Oleiros respecto da proposta da Xunta

Con todo, hai diferenzas. Mentres Oleiros aposta claramente por un servizo de transporte para todo o ano, na Coruña non son tan contundentes e limitan polo momento a aposta ao verán e á conexión coas praias da comarca. O rexedor García Seoane advirte de que o plan, de concretarse, ha levar "tempo", aínda que a liña non requiriría concesión da Xunta ao estar liberalizado, pero si permiso de atraque nos peiraos. 

"O servizo debería dispor de embarcacións modernas e rápidas, que garantan a seguridade dos viaxeiros e con frecuencias adaptadas aos horarios de maior tránsito. Deberanse establecer franxas horarias de maior intensidade coincidindo co inicio e fin da xornada laboral, ademais de horarios especiais en tempada de verán cando a demanda podería incrementarse debido á afluencia ás praias", propón o PMUS de Oleiros, que advirte tamén do "requisito básico" de que a ambos lados da ría "existan pantaláns ou puntos de atraque adecuados, que no caso de Oleiros non existen na actualidade e que poderían dispoñerse nos núcleos de Mera, Santa Cruz ou Santa Cristina". "Sería interesante a execución de aparcadoiros disuasorios próximos que permitan a intermodalidade", engade.

"É unha iniciativa bastante mellor, infinitamente máis beneficiosa que calquera pasarela sobre a ría da Pasaxe", di ademais o rexedor oleirense sobre esa ponte para peóns e ciclistas que impulsa a Xunta e que custaría 8 millóns de euros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, defende que a pasarela "é un proxecto viable desde todos os puntos de vista, desde o técnico, medioambiental, de dinámica de litoral e económico" e contrapono ao da liña marítima, da que di descoñecer "os informes técnicos que acrediten que é un proxecto maduro e viable". "Resulta inviable e os que están falando disto, sábeno. Requiriría un investimento millonario", engade o PP de Oleiros. 

Mentres, o pasado sábado, a Marea Atlántica levou acabo un paseo en barco pola ría coruñesa reivindicando precisamente "unha aposta seria polo transporte público marítimo, integrado nos sistemas metropolitanos en tarifas e horarios", como "alternativa real aos 250.000 coches que entran cada día na Coruña". 

Acto da Marea Atlántica no 'Rías Altas Dos' que percorre a ría coruñesa CC-BY-SA Marea Atlántica

Pola súa banda, o delegado do Goberno, José Miñones, gabou a iniciativa da liña por barco, tamén por seguir o impulso á mobilidade sostible que marca o Executivo central. "Benvida sexa. Que se estude, ten que ser sustentable e se conseguimos que 20 ou 30 persoas deixen o coche na casa, é un plus"

O principal atranco estaría en adecuar os peiraos de Oleiros, instalando pantaláns ou puntos de atraque que non existen arestora. Os portos de Mera e Santa Cruz son de xestión autonómica, aínda que o Concello leva anos pedindo a transferencia. No de Santa Cristina, xa nada queda do antigo embarcadoiro. 

Un recente estudo da UDC apostaba por construír unha estación marítima no peirao de Calvo Sotelo

Na Coruña, ese problema non existe. Xa un estudo recente da Universidade apostaba por construír unha estación marítima no peirao de Calvo Sotelo, lugar de atraque dos cruceiros, que podería servir tamén para as futuras embarcacións da liña ata Oleiros. Tamén o Concello formulara esta posibilidade. 

Lanzada a idea, falta por ver se esta nova ruta marítima achega novas opcións de mobilidade nunha cidade con precarias conexións alternativas á estrada coa súa área metropolitana e as comarcas de Betanzos e Ferrolterra -cun tren lento e de escasas frecuencias- e con graves problemas de tráfico a diario. De feito, é con moita diferenza a urbe galega que rexistra máis tráfico nos seus accesos, con arredor de 200.000 vehículos diarios, uns 70.000 máis que Vigo. A Avenida da Vedra (Alfonso Molina) é a vía que soporta máis tráfico en todo o país, con máis de 120.000 coches diarios, a pesar da apertura da Terceira Ronda, que xa suma 30.000 vehículos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.