A Comisión Europea inclúe expresamente na súa proposta a Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol, malia que as dúas últimas non chegarían ao seu propio criterio de ter máis de cen mil habitantes
Este martes a Comisión Europea presentou en público un futuro plan de apoio á mobilidade verde e eficiente que virá complementar deseños e investimentos previos da denominada rede transeuropea de transportes. A proposta da Comisión, que aínda debe ser debatida co Parlamento e o Consello Europeo, quere por un lado acelerar determinadas infraestruturas transfronteirizas, entre as que cita expresamente como exemplo o tren de alta velocidade Vigo-Porto, como avanzou este mércores Praza.gal. Pero agora ademais quere reforzar ás cidades como puntos de orixe e destino desas infraestruturas de transporte, polo que propón designar un total de 424 “nodos urbanos” nos que priorizar os investimentos comunitarios e aos que se esixirían plans e actuacións concretas en beneficio da mobilidade sostible.
No listado feito público pola Comisión Europea [aquí o PDF] eses “urban node”, dos que en toda Europa habería 424 e en toda España se identifican 48, serían en Galicia as cidades de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol.
A Comisión Europea propón revisar o regulamento da súa denominada rede TEN-T ou rede transeuropea de transporte que identifica as infraestruturas prioritarias para a UE para “reforzar o papel das cidades” como “facilitadoras vitais do transporte sostible, eficiente e multimodal”. Para iso quere que as consideradas nodos urbanos se doten de plans de mobilidade urbana sostible ou que “para 2025” conten con “centros de pasaxeiros multimodais, incluídas instalacións de estacionamento e transporte, para mellorar as conexións de primeiro e último quilómetro e mellorar as capacidades necesarias para a conectividade de longa distancia a través do ferrocarril e outros modos de transporte dentro e entre cidades”. Tamén quere que teñan “terminais de carga multimodais para garantir unha loxística urbana sostible”.
A Comisión Europea salienta o papel das cidades como “puntos de partida e destinos finais (“primeira e última milla”) para os pasaxeiros e mercadorías" que circulan polos grandes corredores europeos
A Comisión Europea insiste na idea de que as cidades “son os puntos de partida e os destinos finais (“primeira e última milla”) para os pasaxeiros e mercadorías que circulan pola TEN-T, así como puntos de transferencia dentro ou entre diferentes modos de transporte”. Para iso esixirá que os “nodos urbanos” se doten dos anteditos plans de mobilidade urbana sostible; recompilen e ofrezan datos de mobilidade, emisións, sinistralidade ou ruído; e desenvolvan centros intermodais tanto para pasaxeiros como para mercadorías. Unhas actuacións que van en liña coa senda tamén marcada a nivel estatal pola Lei de Cambio Climático, que entre outras cousas obriga a que todos os concellos de maís de 50.000 habitantes establezan "zonas de baixas emisións non máis tarde de 2023".
Segundo a propia Comisión, a súa proposta de nodos urbanos é de 424 “cubrindo de xeito efectivo todas as cidades con máis de 100.000 habitantes” ou, nas rexións nas que non existan cidades con esa poboación, “o nodo principal” desa rexión. No caso de Galicia só superarían esa poboación as cidades de Vigo, A Coruña e Ourense, quedando a moi pouca distancia, con máis de 95.000 habitantes, Santiago e Lugo. Porén, o listado feito público pola Comisión inclúe a Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol, esta última malia non superar os 70.000 habitantes, aínda que si superaría os 100.000 sumándolle a veciña Narón. Pola contra, no listado da Comisión non aparecen nin Lugo nin Pontevedra.
En zonas próximas a Galicia tamén se consideran “nodos urbanos” as cidades de Oviedo, Xixón, León, Barcelos, Braga, Guimarães, Porto e Vila Nova de Famalicão.