Areas, estradas, pandemia, avarías e agora peregrinos: o declive sen fin do último transbordador do Miño

O transbordador 'Santa Rita de Cássia' que desde 1995 presta servizo entre A Guarda e Caminha © Câmara Municipal de Caminha

A Xunta impulsa un barco eléctrico de 12 pasaxeiros orientado ao Camiño Portugués da Costa ante a indefinición de reparacións pendentes no embarcadoiro da súa propiedade e da rendibilidade do ‘ferryboat’ propiedade de Caminha

O transbordador Santa Rita de Cássia, que desde 1995 comunica A Guarda e Caminha, non funciona desde o pasado outubro e non vai funcionar o próximo verán. Así o admite Portos de Galicia, cuxo embarcadoiro na beira galega do río Miño está avariado desde o pasado verán. O ente dependente da Xunta aínda ten pendente mesmo de deseñar como vai ser a reparación que require o peirao para que poida ser utilizado novamente por vehículos e non só por persoas. 

Sen os vehículos o transbordador, que vén de superar unha revisión por parte das autoridades portuguesas, é deficitario. Pero sen el Caminha e A Guarda quedaron sen comunicación directa para peóns, o que supón un obstáculo para o Camiño Portugués da Costa a Santiago. Así que á espera dunha solución para o “ferryboat” que non ten prazo, a Xunta ven de impulsar agora un barco eléctrico de 12 pasaxeiros orientado aos peregrinos. Unha competencia ou ameaza máis para un transbordador que leva case tres décadas sufrindo os efectos dos sedimentos do río, as novas estradas e pontes, avarías e mesmo unha pandemia que pechou as fronteiras e con elas o seu servizo.

Barco eléctrico para peregrinos entre Caminha e A Guarda impulsado pola Xunta, que ten pendente de reparar o embarcadoiro para o transbordador CC-BY-SA Xunta de Galicia

O ferry Santa Rita de Cássia é propiedade da Câmara Municipal de Caminha e funciona desde 1995. As súas últimas tarifas eran de 3,50 euros por turismo, 1,50 por pasaxeiro ou 2 euros por bicicleta ou moto, e ten capacidade para unha ducia de vehículos. Cando comezou a operar as viaxes por estrada entre Caminha e A Guarda, separadas pola desembocadura do río Miño, que nese punto ten pouco máis dun quilómetro de anchura, implicaban un rodeo duns 55 quilómetros pola ponte entre Tui e Valença, polo que o transbordador permitiu un notable aforro de tempo e cartos. 

A apertura en 2004 da ponte entre Goián, en Tomiño, e Vila Nova de Cerveira supuxo reducir o rodeo entre A Guarda e Caminha a só 25 quilómetros. Esa ponte implicou a desaparición do ferry Goián-Cerveira, pero o da desembocadura do Miño sobreviviu, aínda que non parou de perder usuarios.

A nova ponte e o desinterese dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa, o custo da operación e os condicionantes ambientais fixeron que se fosen adiando e separando no tempo as dragaxes periódicas necesarias para que a area que se acumula na zona non impida a circulación do buque. O servizo pasou así a operar só cando hai marea alta e con rodeos en lugar de cruzar o río en liña recta para evitar os principais bancos de area.

Por estrada as dúas vilas están separadas por 25 quilómetros, pero a comunicación polo río en ferry depende das mareas pola acumulación de sedimentos que España e Portugal son reticentes a retirar

Se hai unha década o transbordador aínda movía 200.000 persoas ao ano, en 2019 o último ano antes da pandemia da COVID, segundo o anuario estatístico do goberno portugués, foron 71.683 pasaxeiros, 16.548 automóbiles ou autobuses e 4.441 motos ou bicicletas. Como comparación, a cifra de automóbiles que moveu nun ano o ferry é similar á que empregan nun só día a ponte internacional entre Tui e Valença que enlaza a A-55 galega coa A3 lusa.

En 2014, ademais, a Xunta puxo en servizo o treito A Guarda-Goián da vía de alta capacidade do Baixo Miño, o que facilitou aínda máis a comunicación por estrada nesa zona. Os 25 minutos que se tardan en coche particular entre o centro da Guarda e o de Caminha dificilmente poden ter competencia cun transbordador cuxa viaxe dura apenas 10 minutos pero cuxas horas de saída cara a unha ou outra beira do río están condicionadas polas mareas, facendo que en ocasións funcione só polas mañás, ou só polas tardes, segundo decida a lúa.

Con estes condicionantes operaba o transbordador nos últimos anos ata que chegou unha pandemia que pechou varias veces e por varios meses a fronteira entre España e Portugal. E no verán do pasado ano, cando a COVID comezaba a deixar de ser un problema, apareceu a avaría do embarcadoiro do lado galego, competencia de Portos de Galicia. Acometeuse unha primeira reparación para permitir que os peóns puidesen seguir empregando o ferry, pero sen os vehículos o servizo supón perdas para a Câmara Municipal de Caminha que o opera.

Coincidindo co problema no embarcadoiro, e tras sucesivas avarías previas que ao longo dos últimos anos o mantiveron inactivo durante varias semanas, o transbordador foi sometido a finais do pasado ano a unha revisión e mantemento xeral para renovar o seu certificado de navegación. Esa operación xa rematou, segundo asegura o alcalde da Guarda, o socialista Antonio Lomba, pero Portos aínda non ten data para a reparación do seu peirao. 

Tras a reparación máis inmediata para permitir que puidese continuar o tráfico de pasaxeiros, o ente da Xunta vén de contratar aínda agora, máis de medio ano despois, a redacción do proxecto que decidirá como reparar o atraque, cun prazo de tres meses. E despois aínda haberá que licitar e contratar os traballos a executar. Así que desde Portos admítese que este próximo verán non vai haber transbordador e que en todo caso a súa prioridade é manter o servizo para pasaxeiros, cos vehículos en segundo plano, malia que son estes os que fan que o ferry resulte competitivo. 

Pero a suspensión dos servizos que prestaba o transbordador puxo en alerta aos concellos da comarca e ás empresas que viven do Camiño Portugués pola Costa. Algúns peregrinos seguiron cruzando o Miño grazas a servizos máis ou menos informais ou discrecionais prestados con outras embarcacións, pero o medo a que outros moitos poidan acabar desviándose por Tui e xa non retornar á costa senón continuar directamente cara ao norte polo Porriño fixo que comezasen a chegar as reclamacións á Xunta en busca dunha solución.

Nos extremos da imaxe, tirada desde o monte Santa Trega, os embarcadoiros da Guarda e Caminha, e o ferry facendo un recorrido non directo para evitar os bancos de area do río CC-BY-SA Praza Pública

Así que de xeito inicial a partir desta Semana Santa haberá un primeiro servizo para pasaxeiros prestado a través dun acordo entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas con dúas embarcacións, unha eléctrica e outra convencional. Suporá, di a Xunta, un custo de 12.000 euros e funcionará durante uns tres meses cun custo de 6 euros por persoa, moito máis caro que o ferry. Mentres, a Xunta convocará un proceso para prestar o servizo de xeito máis estable con outra embarcación eléctrica. O Goberno galego fala dunha capacidade de “doce persoas”, moi inferior á do ferry, pero o menor tamaño das novas embarcacións facilitará que non dependan das mareas e os bancos de area.

"A curto prazo a solución da Xunta válenos", di o alcalde da Guarda, que asegura que "a demanda de vehículos vai seguir existindo" e que "o que non ten sentido é deixar o ferry abandonado en porto"

“A curto prazo esta solución da Xunta válenos”, di o alcalde da Guarda, Antonio Lomba. O rexedor admite que o embarcadoiro para o transbordador “pode funcionar xa mesmo” para pasaxeiros, pero que o seu homólogo de Caminha transmítelle que así o barco non é rendible. “Da Guarda cara a Caminha aínda van pasaxeiros, porque alí o ferry chega ao centro da vila, pero de alí para A Guarda apenas só veñen peregrinos”, di Lomba. E non son poucos, xa que en 2019, último ano antes da pandemia, o Camiño Portugués da Costa rexistrou algo máis de 22.000 peregrinos.

O rexedor guardés asegura que desde Portugal se lle transmite o interese de manter o servizo de transbordador cunha nova licitación a medio prazo, e que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) que conforman os concellos das dúas beiras do río seguen buscando unha solución de comunicación a longo prazo, con estudos técnicos que definan se debe ser en barco, cunha posible nova ponte máis próxima á desembocadura que teña en conta as limitacións ambientais da contorna ou outro tipo de servizos.

O vicepresidente e máximo responsable de Turismo da Xunta, Alfonso Rueda, na embarcación eléctrica para 12 persoas CC-BY-SA Xunta de Galicia

A curto prazo Lomba cre que os novos servizos que pon en funcionamento a Xunta poden ser compatibles co transbordador. “A demanda de vehículos vai seguir existindo”, di, e salienta que os distintos tamaños e prestacións duns e outros buques suporán máis oferta e flexibilidade no servizo. Pero tamén admite que pode suceder que os novos barcos da Xunta acaben restando tanta pasaxe ao ferry que este xa non sexa rendible. 

Desde Portos considérase que coas novas embarcacións previstas por Turismo de Galicia e a reparación do embarcadoiro para pasaxeiros “o máis urxente está feito” e o resto de traballos programaranse para que afecten o menos posible a eses servizos a pé, isto é, evitando o verán como tempada alta. Así que a volta do ferry, se é que volve, terá que esperar, o que non acaba de gustar ao alcalde da Guarda. “Se funciona, o que non ten sentido é deixar o ferry abandonado en porto”. 

Desembocadura do Miño vista desde Vila Nova de Cerveira, cuxa ponte con Goián é a última antes de que o río chegue ao Atlántico CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.