Malia as reclamacións reiteradas, a raia foi a remolque durante os últimos meses das decisións dos dous estados para o resto das súas fronteiras
Máis dunha semana máis tarde que co resto de países europeos da zona Schengen de libre circulación de persoas, España e Portugal abriron este mércores a súa fronteira común, a máis antiga e longa do continente. Decidiron facelo con dous actos protocolarios presididos polos respectivos xefes de Estado e coa presenza dos xefes de Goberno, pero non o fixeron na propia fronteira senón nos castelos das localidades fronteirizas de Badaxoz e Elvas. Afastado dos focos, o principal paso fronteirizo, entre Tui e Valença, celebrou a súa propia cerimonia informal, cos alcaldes das dúas vilas retirando as barreiras que se ergueran na vella ponte metálica.
![](https://praza.gal/storage/uploads/portugal-b20b20e.jpeg)
Malia as reiteradas protestas de todo tipo de administracións e colectivos de Galicia e o Norte de Portugal facendo ver a interrelación diaria existente na eurorrexión, a raia foi a remolque durante os últimos meses das decisións dos dous estados para o resto das súas fronteiras. A ponte sobre o Miño entre Tui e Valença que conecta a autovía A-55 coa portuguesa A3, que por si soa suma arredor da metade do tráfico total entre os dous estados, foi xunto co da A-75/A24 entre Verín e Chaves un dos dous únicos pasos habilitados inicialmente entre Galicia e Portugal (nove en toda a fronteira) para a circulación de mercadorías, traballadores ou casos de primeira necesidade.
Os dous estados foron reabrindo aos poucos outros pasos fronteirizos no sur, pero non fixeron caso das peticións do norte ata case dous meses despois
Os dous estados foron reabrindo aos poucos outros pasos fronteirizos no sur, pero non fixeron caso das peticións do norte ata case dous meses despois, o 15 de xuño, cando habilitaron tamén as fronteiras de Goián (Tomiño)-Vila Nova de Cerveira, Salvaterra do Miño-Monçao e Arbo-Melgaço, pero cun horario restrinxido. Polo medio, España chegou a anunciar a reapertura total da fronteira para o 22 de xuño e rectificou ás poucas horas ante a sorpresa de Lisboa.
![](https://praza.gal/storage/uploads/dous-1b447a0.jpeg)
“Novamente Tui e Valença compartimos unha rúa común”
Finalmente toda a fronteira reabriuse para a cidadanía en xeral máis alá das excepcións anteriores a pasada medianoite e, con ela, a vella ponte metálica entre Tui e Valença, lugar elixido polas dúas vilas para escenificar o seu reencontro mesmo cunha conta atrás para a retirada das barreiras metálicas. “Novamente Tui e Valença compartimos unha rúa común”, salientaron desde o concello galego.
![](https://praza.gal/storage/uploads/protesta-salvaterra1-a3d7651.jpeg)