Madrid e Lisboa abrirán o luns tres novos pasos fronteirizos sobre o Miño tras case dous meses de reclamacións desde a raia

Protesta dos alcaldes e alcaldesas dos municipios galegos e portugueses da raia do Miño na ponte entre Salvaterra e Monçao, unha das tres novas que abrirán © Deputación de Pontevedra

As pontes de Goián, Salvaterra e Arbo poderán empregarse de luns a venres de 8 a 22 horas, paliando así algúns dos rodeos aos que se ve obrigado o persoal transfronteirizo

Hai case dous meses, coa reactivación progresiva da economía tras a paralización decretada polo coronavirus arredor da Semana Santa, todo tipo de colectivos e administracións dos municipios da raia entre Galicia e Portugal comezaron a reclamar aos respectivos gobernos centrais a apertura de máis pasos fronteirizos, limitados ata agora para os desprazamentos laborais ou outro tipo de excepcións contempladas a só os de Tui-Valença e Verín-Chaves, o que viña obrigando a dar longos rodeos ao persoal que a diario ten que desprazarse ao outro lado. A petición será atendida a partir do próximo luns, cando abrirán tamén as pontes de Goián (Tomiño)-Vila Nova de Cerveira, Salvaterra do Miño-Monçao e Arbo-Melgaço, pero o paso só estará permitido de luns a venres de 8 a 22 horas.

Ponte entre Arbo e Melgaço © Google

Unha semana despois de que España anunciase unilateralmente a apertura da fronteira o 22 de xuño e despois rectificase, os dous estados acordan agora manter o control de persoas ata o 30 de xuño

O anuncio da apertura de máis fronteiras para os desprazamentos laborais ou comerciais, entre outras excepcións, foi realizado este xoves ao mesmo tempo polo Ministerio do Interior español, a través do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e polo Ministério da Administração Interna portugués, que confirmou que os dous estados manterán o control de persoas nas fronteiras ata o 30 xuño, data coincidente coa intención do Goberno central español de que o 1 de xullo poida comezar a chegar turismo internacional. O anuncio prodúcese unha semana despois de que o pasado xoves España anunciase a apertura da fronteira o 22 de xuño e rectificase despois ante a sorpresa do Goberno luso.

Ademais dos tres novos pasos desde Galicia, no resto da fronteira entre os dous estados tamén abrirá a maiores dos que xa había o paso entre Miranda do Douro e a provincia de Zamora coas mesmas condicións, e previamente no caso galego xa se permitira o paso entre Calvos de Randín e Tourém pero cun horario aínda máis restrinxido, só os luns e os xoves de 7 a 9 e de 18 a 20 horas.

Malia o atraso na reapertura de pasos fronteirizos a respecto das demandas lanzadas desde a raia, este xoves o delegado do Goberno central valorou “a sensibilidade do Goberno de España e do Ministerio do Interior” 

Malia o atraso na reapertura de pasos fronteirizos por motivos laborais a respecto das demandas lanzadas desde a raia, este xoves o delegado do Goberno central valorou “a sensibilidade do Goberno de España e do Ministerio do Interior” e agradeceu a súa decisión. O comunicado da Delegación do Goberno sinala que “deste xeito fructifican tamén as conversas que o delegado do Goberno mantivo nas últimas semanas” coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Río Minho, que agrupa aos concellos das dúas beiras do curso baixo do río. Losada defende “favorecer a coordinación entre España e Portugal neste proceso para facilitar a comunicación, pero sempre garantindo a saúde das persoas”. Nada di o comunicado a respecto do papel do Goberno portugués na decisión conxunta.

Ponte internacional entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira © Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.