Dúas horas despois do seu anuncio, Maroto foi desautorizada por Moncloa, que reafirmou que as fronteiras permanecerán pechadas ata o 1 de xullo
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou este xoves a primeira hora que España reabrirá as súas fronteiras con Portugal e Francia o vindeiro 22 de xuño, adiantando este movemento, que en principio ficara adiado ata o 1 de xullo. Segundo as declaracións efectuadas a xornalistas estranxeiros, a apertura de fronteiras coincidiría coa finalización do derradeira estado de alarma e nun momento no que unha parte maioritaria do territorio do Estado español (comezando por Galicia) se atopará xa na Fase 4 do desconfinamento, ou na 'nova normalidade', con normas de prevención máis laxas.
Porén, apenas dúas horas despois Maroto foi desautorizada por Moncloa, que reafirmou que as fronteiras permanecerán pechadas ata o 1 de xullo. Nun comunicado, o Goberno español afirma que "tendo en conta os compromisos anunciados de reapertura do turismo internacional, a mobilidade internacional segura terá lugar a partir do 1 de xullo". E asegura que ao concluír o estado de alarma, o 21 de xuño, a única mobilidade que se abrirá totalmente será a "nacional".
O ministro de Negócios Estrangeiros, Augusto Santos Silva, afirma que o seu Executivo ficou "sorprendido" co anuncio, que “não se inscreve” na "cooperação estreita" existente entre os dous Gobernos para a xestión da fronteira
Con todo, o primeiro anuncio -moi agardado nas localidades da raia- fora xa recibido en Portugal con "sorpresa" e críticas, o que deixaba a súa viabilidade no aire. O ministro de Negócios Estrangeiros do Goberno luso, Augusto Santos Silva, afirmou en declaracións aos medios de comunicación que o Executivo ficou "sorprendido" coa declaracións de Maroto, pois o anuncio “não se inscreve” na "cooperação estreita" existente entre os dous Gobernos para a xestión da fronteira.
O ministro portugués deu a entender que a decisión española non fora comunicada previamente, polo que o Executivo luso xa solicitou "esclarecimentos" ao Goberno español. "Quem decide sobre a abertura da fronteira portuguesa é naturalmente Portugal e Portugal quer fazê-lo em coordenação estreita com o único Estado com o qual tem uma fronteira terrestre, Espanha”, sinalou Santos Silva.
![](https://praza.gal/storage/uploads/img-6703-cedce2a.jpeg)
O Goberno español afirmara que permanecería pechada ata o 1 de xullo
Aínda este martes, o ministro portugués de Administración Interna, Eduardo Cabrita, pechou as portas á posibilidade de que a circulación entre os dous países se puidese restablecer antes do 1 de xullo, por manter España aínda medidas de contención da enfermidade e por ser esa a data anunciada por Madrid para a apertura da fronteira.
14 concellos galegos e portugueses, dunha e doutra beira do Miño, levaron a cabo este mércores unha protesta para pedir a apertura de máis pasos fronteirizos
14 concellos galegos e portugueses, dunha e doutra beira do Miño, levaron a cabo este mércores unha protesta para pedir a apertura de máis pasos fronteirizos, sinalando que é “inxusto” que a fronteira que asume o 50% de todos os tránsitos en España e Portugal só teña habilitado un paso en Tui-Valença.
Destacaron que haberá maiores garantías de seguridade sanitaria se a circulación dos vehículos se fai a través de varias pontes en lugar de concentrar o tránsito en Tui-Valença. A directiva do AECT Rio Minho asegura que a solución é unha “simple cuestión de medios” para os estados español e portugués: poñer controis con garda civil e GNR nos pasos máis transitados.