As dúas administracións reforzarán a estrutura e dotaran de carril bici un viaduto polo que cada día pasan máis de 9.000 vehículos, segundo cifras do Goberno galego
O próximo mes de marzo a ponte internacional sobre o Miño entre Salvaterra e Monção cumprirá 25 anos e este luns os gobernos galego e portugués, administracións titulares das estradas que chegan a ela desde as dúas beiras do río, acordaron no Porto impulsar conxuntamente a súa renovación estrutural e ampliación para dotala de carril bici.
A ponte entre Salvaterra e Monção, un dos cinco pasos internacionais sobre o Miño (xunto cos dous existentes entre Tui e Valença, a ponte Tomiño-Vila Nova de Cerveira e a Arbo-Melgaço) rexistra cada día, segundo datos da Xunta, o paso de máis de 9.000 vehículos entre dúas poboacións que, como o resto das galegas e portuguesas conectadas por pontes, comparten diversidade de servizos públicos.
Nun encontro celebrado este luns no Porto a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o vicepresidente da empresa pública Infraestruturas de Portugal, José Serrano Gordo, decidiron “iniciar a tramitación dun convenio internacional para a reforma da ponte e a súa posterior ampliación para instalar un carril bici”. No encontro participaron tamén a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o presidente da Cámara Municipal de Monção, António Barbosa.
Ademais das cinco pontes internacionais xa existentes sobre o Miño, están en proxecto outras dúas peonís entre Monção e As Neves e entre Vila Nova de Cerveira e Tomiño
Segundo informou a Xunta, o acordo permitirá acometer de xeito conxunto entre as dúas administracións, financiándoas ao 50%, obras de reforma estrutural na ponte por arredor de 700.000 euros. “Paralelamente, comezará a traballarse na redacción do proxecto construtivo para ampliar a estrutura e dotala dun carril bici”.
Xunto coa ampliación da ponte para vehículos entre Salvaterra e Monção, tamén están en marcha un proxecto para unha ponte peonil entre Monção e As Neves. Igualmente, os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira proxectan tamén outra ponte peonil entre os dous que complemente á xa existente para vehículos á altura de Goián.