A Xunta renuncia a parte do polémico corredor do Baixo Miño prometido por Feijóo tras o Prestige e ampliará carrís da estrada actual

Presentación da Xunta en Tomiño da "autovía urbana" en que converterá a estrada convencional que atravesa a vila CC-BY-SA Xunta de Galicia

Dos 25 quilómetros da nova vía están rematados 10, outros 4 quedaron a medio construír e o Goberno galego anuncia agora que dos pendentes 2 serán “autovía urbana” con rotondas e o impacto do resto concretarase “nos vindeiros meses”

“Autovía urbana” é a denominación que vén de dar a Xunta á ampliación de un a dous carrís por sentido, cunha rotonda na metade do recorrido, dun treito de só 2 quilómetros da estrada autonómica PO-552 que une Tui e A Guarda a carón do treito final do río Miño. Esa obra supón a renuncia a parte do polémico corredor do Baixo Miño, unha nova infraestrutura paralela á estrada actual prometida pola Xunta tras o afundimento do Prestige no marco do seu Plan Galicia cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial. Os atrasos, obstáculos e cambios de proxectos sufridos neste tempo pola nova estrada do Baixo Miño son similares aos experimentados por outras dúas infraestruturas que se comezaron a xestar pola mesma época, as autovías da Costa da Morte e do Morrazo, abertas anos despois do previsto.

Repaso histórico ao proxecto do corredor do Baixo Miño feito pola Xunta no que lembra a súa orixe no Plan Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta xustificou no seu momento a paralización das obras pola crise e a falta de cartos para acometelas

A denominada Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda comezou a ser deseñada en 2003 como alternativa a unha estrada convencional pola que hoxe circulan preto de 15.000 vehículos ao día. Pero década e media despois dos 25 quilómetros que ía ter só están en servizo, desde xullo de 2014 e tras o investimento duns 60 millóns de euros, os 10,2 quilómetros finais, entre A Guarda e Goián, no concello de Tomiño, nas proximidades da ponte internacional que conecta coa portuguesa Vila Nova de Cerveira. Tamén se iniciaron as obras no outro extremo da vía, nos seus 3,9 quilómetros iniciais nas proximidades de Tui, cuns 28 millóns de euros de orzamento, pero a comezos desta década os traballos quedaron a medias ao tempo que a Xunta argumentaba que coa crise non tiña cartos para acometer toda a nova infraestrutura.

Os trazados estudados para o treito intermedio do corredor, o máis atrasado, recibiron protestas dunha e outra veciñanza afectada que reclamaban que fose “polo río” ou “polo monte” en función dos intereses de cada quen 

Pero os económicos non foron os únicos problemas da nova vía do Baixo Miño. Os principais chegaron polo trazado escollido polo Goberno galego e o seu impacto, especialmente no seu treito intermedio de 10,5 quilómetros ao seu paso polo concello de Tomiño. A presenza do río Miño e da estrada convencional actual coas súas marxes moi urbanizadas só deixa dúas posibilidades para a nova infraestrutura. Ou entre as vivendas e o monte, onde afectaría a importantes espazos agrícolas e viñedos da denominación de orixe Rías Baixas na subzona do Rosal, ou entre as vivendas e o río, con impacto ambiental e efecto barreira. Un e outro trazado obtiveron sucesivas protestas dunha e outra veciñanza afectada que reclamaban que a nova estrada fose “polo río” ou “polo monte” en función dos intereses de cada bando. 

Trazados estudados pola Xunta para a nova infraestrutura ao seu paso por Tomiño, entre a vila e o monte ou entre a vila e o río Miño CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo o Goberno galego a que vén de lanzar agora é “a proposta de trazado que garante a viabilidade da actuación coa menor afección ambiental e social e maior accesibilidade”

Tras quedar aparcado durante anos, este martes a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desprazouse ata Tomiño para alí facer públicos parte dos seus plans para ese treito intermedio de dez quilómetros. Os 2,1 quilómetros máis occidentais, nas proximidades do treito xa en servizo, non terán novo trazado senón que se aproveitará a estrada convencional actual para engadirlle un carril máis en cada sentido e vías de servizo para convertela en “autovía urbana”. Ademais, na metade deses dous quilómetros esa “autovía urbana” estará interrompida por unha rotonda para facilitar a comunicación cos barrios veciños. A actuación, que agora a Xunta somete a exposición pública, custará uns 12 millóns de euros e segundo o Goberno galego é “a proposta de trazado que garante a viabilidade da actuación coa menor afección ambiental e social e maior accesibilidade”.

A Xunta adía a "os vindeiros meses" as solucións para o treito intermedio co trazado aínda pendente de definir e para o enlace do primeiro treito inacabado coa A-55 en Tui

Para os restantes 8 quilómetros do treito intermedio pendente ao seu paso por Tomiño, a conselleira avanzou que o seu polémico trazado será concretado “nos vindeiros meses”, cando será sometido novamente a avaliación ambiental. Tamén aos “vindeiros meses” remitiu Vázquez a construción por outros 20,5 millóns de euros do enlace que conectará o inacabado primeiro treito de 3,9 quilómetros, nas proximidades de Tui, coa A-55 Vigo-Portugal. Un enlace que tamén facilitará o acceso ao veciño polígono empresarial de Areas, construído a carón da autovía pero para chegar ao cal hai que dar un rodeo de máis de dous quilómetros.

Imaxes incluídas pola Xunta no documento a exposición pública no que se reflicte o estado inacabado do primeiro treito do corredor do Baixo Miño, nas proximidades de Tui CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.