Besteiro confirma que se presenta as primarias do PSdeG para ser candidato á Xunta

José Ramón Gómez Besteiro no Parlamento este luns CC-BY-SA Praza.gal

"Podo confirmar oficialmente que estou en disposición de presentarme a ese proceso", asegurou no Parlamento, onde asiste como convidado ao último debate de política xeral da lexislatura

José Ramón Gómez Besteiro confirmou este luns que quere ser o candidato do PSdeG nas vindeiras eleccións galegas e que se presentará ás primarias que o comité federal socialista pon agora en marcha. "Podo confirmar oficialmente que estou en disposición de presentarme a ese proceso", asegurou en declaracións á prensa presente na Cámara ao comezo do debate de política xeral

O agora deputado socialista no Congreso non entrou a valorar se haberá máis candidatos nas primarias do partido. "Nin espero nin desespero", dixo ao ser preguntado por se espera que se presente alguén máis a este proceso, que lembrou que é colectivo e individual. 

Besteiro na tribuna do Parlamento durante o debate de política xeral CC-BY-SA Praza.gal

Besteiro asiste ao último debate de política xeral da lexislatura, que se celebra nun clima preelectoral. "É un final de ciclo", asegurou o socialista, que ve a Rueda "enfrontado con todo o mundo", en referencia ao Goberno do Estado, pero tamén aos concellos galegos. 

Regresou á primeira liña política como Delegado do Goberno seguindo o mandato de Pedro Sánchez a comezos de abril, apenas tres meses despois de recuperalo como representante galego do seu Executivo, o líder do PSOE apostou por el tamén para as eleccións do 23 de xullo. Xa como deputado no Congreso abriu a lexislatura cun discurso no que puido falar en galego por primeira vez na Cámara Baixa e agora forma parte do equipo negociador para acordar a investidura de Sánchez de novo como presidente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.