José Ramón Gómez Besteiro será, con toda probabilidade, cabeza de lista do PSdeG pola provincia de Lugo ao Congreso nas eleccións xerais do 23 de xullo. Á espera da ratificación definitiva na Comisión Federal de Listas do PSOE -o venres 9- e no Comité Federal -o sábado 10- fontes socialistas consultadas por Praza.gal dan por seguro que o actual delegado do Goberno de España en Galicia será o rostro socialista na circunscrición lucense e apuntan un factor clave: é o preferido por Pedro Sánchez.
A preferencia de Sánchez por Besteiro encádrase no marco de buscar as opcións con maior potencial electoral en cada territorio ante o convencemento do aspirante á reelección de poder lograr unha nova maioría de esquerdas tras o 23X
Apenas tres meses despois de recuperalo para a primeira liña política como representante galego do seu Executivo, o líder do PSOE e candidato á reelección na presidencia encadra, segundo puido saber este xornal, a aposta por Besteiro tamén para o 23X nun marco xeral de buscar as opcións con maior potencial nas urnas en cada territorio. Sánchez, apuntan fontes consultadas, mantén o convencemento -mesmo por riba do que consideran parte dos seus equipos- de que é posible conformar unha nova maioría de esquerdas tras os comicios e por iso, ilustran, vai con todo.
A candidatura de Besteiro ao Congreso implicará a súa renuncia á delegación gobernamental e, como xa fixo nas semanas previas ás eleccións municipais do 28M, unha intensa campaña na súa provincia de orixe, na que xa foi secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación. Cabe agardar que o seu periplo como membro da Cámara Baixa sexa limitado no tempo, xa que son múltiplas as voces que dan por asegurado o seu rostro noutro cartel electoral, o do PSdeG para a presidencia da Xunta. Isto implicará a súa participación nunhas primarias que previsiblemente se celebrarán no outono e que, en calquera caso, pode compatibilizar co escano no Congreso.
A candidatura de Besteiro ao Congreso, que implicará a súa renuncia á delegación, chegaría escasos meses antes das primarias das que pode saír como aspirante socialista á Xunta
Coa cabeza de cartel por Lugo practicamente asegurada para Besteiro, todo apunta a que a candidatura socialista ao Congreso pola Coruña será liderada polo seu antecesor na delegación gobernamental e actual ministro de Sanidade, José Miñones. En Pontevedra, a preferencia dun dirixente clave como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, é o secretario provincial do partido e actual delegado da Zona Franca, David Regades.
Resta saber cal será a decisión para Ourense. Nesa provincia a situación política está nunha situación de especial efervescencia ante a posibilidade de que, cos xogos de maiorías xurdidos tras as municipais, poida chegar á súa fin o poder do PP de Baltar na Deputación, o que podería implicar unha presidencia socialista.
Actualmente, o PSdeG conta con 10 dos 23 escanos que Galicia elixe para o Congreso dos Deputados, tantos coma o PP. Outros dous -un por cada provincia atlántica- lográraos UP e o restante, o BNG pola Coruña. Se o electorado votase dun xeito semellante ao das municipais do pasado 28M, o PP tería lograría un escano máis ata chegar aos 11, o PSdeG perdería 2 ata quedar con 8 e o Bloque sumaría 3, ata un total de catro.