Isto é un exercicio de política ficción. Un xogo xornalístico axudado polas matemáticas que traza un escenario que, en rigor, nunca sucederá porque o votado o pasado domingo en Galicia foi a composición dos concellos -e, por extensión, das deputacións- e non a do Parlamento nin a das Cortes Xerais.
Tendo por diante a anterior advertencia, a extrapolación dos resultados do 28M en Galicia a unhas eleccións galegas -que aínda non teñen data- ou a unhas xerais -as seguintes, tras o adianto, o vindeiro 23 de xullo- amosan unha fotografía elocuente. Porque reflicten, entre outros aspectos, que a gran vaga da dereita en Galicia non foi tal malia á primeira posición do PP en votos e que o maior peso en sufraxios de PSdeG e BNG inclinarían ao seu favor tanto a Cámara galega como os escanos polas circunscricións de Galicia no Congreso.
Se repasamos os resultados provisionais -serán definitivos nos vindeiros días, nos recontos nas Xunta Electorais- das municipais do 28M nas catro provincias e os aplicamos usando o método D'Hondt ao reparto de escanos no Parlamento galego (25 na Coruña, cadanseus 14 en Lugo e Ourense e 22 en Pontevedra), o resultado é unha maioría de esquerda mesmo máis folgada que a obtida en 2005, a última vez en que o PP foi desbancado da Xunta.
Se o electorado votase nunhas eleccións galegas exactamente igual que o fixo nas municipais, o PP quedaría tres escanos por baixo dunha maioría absoluta que si lograría a suma de PSdeG e BNG malia á entrada de DO nese hipotético Parlamento
Se o electorado votase nunhas eleccións galegas exactamente igual que o fixo nestas municipais, os populares quedarían con 35 escanos, tres por baixo da absoluta e sete menos que os que lograron nas eleccións galegas de 2020. O PSdeG, pola contra, experimentaría un gran avance e encabezaría a alternativa con 26 escanos -ten 14- que, xunto aos 13 que tiraría o BNG (ten 19), poderían pé a un Goberno sustentado en 39 escanos. O lexislativo completaríao un escano de Democracia Ourensana, formación que hai catro anos incluíu o compromiso de non presentarse ás eleccións galegas no pacto co PP co que obtivo a alcaldía ourensá.
Con este hipotético reparto, a dereita só tería a maioría dos escanos na circunscrición ourensá: 7 do PP e 1 de DO fronte a 4 do PSdeG e 2 do BNG. Na da Coruña, a que decide un terzo do Parlamento (25 escanos), os populares encabezarían con 12 pero socialistas e nacionalistas sumarían 13, con 8 e 5, respectivamente. En Lugo, dereita e esquerda empatarían (7 do PP por 5 socialistas e 2 nacionalistas) e en Pontevedra, a primacía da esquerda sería clara: 9 escanos do PSdeG e 4 do BNG fronte a 9 do PP.
PSdeG e BNG terían a maioría nos escanos do Congreso malia ao avance do PP
Tamén nas eleccións xerais a representación da esquerda pesaría máis que a dereita, aínda que cun reparto máis axustado que nos últimos comicios, os do 10 de novembro de 2019. Daquela, o PP quedara con 10 dos 23 escanos que as circunscricións galegas achegan ao Congreso, os mesmos que o PSdeG -ao que adiantara lixeiramente en votos-. Completaran o cadro 2 representantes de En Común (Unidas Podemos) e o escano do BNG.
O PP tería un escano máis por Galicia que en 2019, o PSdeG perdería 2 e o BNG gañaría 3
Se realizamos o mesmo exercicio matemático cos resultados do 28M, o PP gañaría un escano chegaría aos 11, mentres que o PSdeG perdería 2 e quedaría con 8 nunha recomposición no ámbito da esquerda no que o gran beneficiado sería o BNG, con 4 escanos que suporían bater o seu propio récord, situado en 3 na lexislatura 2000-2004.
Por circunscricións, a suma de PSOE e BNG superaría ao PP en Pontevedra (3 escanos socialistas e 1 nacionalista fronte a 3 do PP) e e empatarían na Coruña (4 do PP, 3 do PSdeG e 1 do BNG). A situación tamén sería de empate entre bloques en Lugo e Ourense; en ambos casos, o PP obtería 2 dos escanos en xogo, mentres que PSdeG e BNG lograrían cadanseu representante.
Cómpre ter en conta, en calquera caso, que o comportamento electoral da poboación rara vez se reproduce en convocatorias de ámbitos diferentes. Ademais, con total seguridade tanto nas inminentes eleccións xerais como nas galegas haberá mudanzas nas candidaturas, a comezar por unha eventual oferta única no espectro que o 28M representaron as esfareladas mareas e candidaturas de Unidas Podemos.