O PP foi a forza máis votada en 191 concellos, o PSdeG en 82 e o BNG en 26
O PP foi o partido máis votado nas eleccións municipais deste 28M en Galicia, superando en nove puntos ao PSdeG-PSOE (38,45% fronte a 29,17%). A pesar do ascenso popular, que mellorou en cinco puntos o seu resultado de hai catro anos, a esquerda conservará a maior parte do seu poder territorial, aínda que polo camiño perderá a Deputación de Pontevedra e a cidade de Ferrol. Porén, as eleccións municipais non son unha, senón que se compoñen de 313 carreiras noutras tantas localidades. E aí, nese microcosmos de competicións electorais todos os partidos tiveron triunfos e derrotas na noite do domingo, en función da comarca, do tipo de concello e de batallas singulares.
Como é habitual, o PP foi a forza máis votada nunha parte importante dos concellos do país, sumando nesta ocasión 191 vitorias, case dúas de cada tres. O PSdeG foi a segunda candidatura con máis triunfos, un total de 82. E o BNG foi o máis votado en 26 concellos, o que lle permitirá incrementar o seu número de alcaldías.
O PP obtivo todos os concelleiros en Beariz e Quintela de Leirado, o PSdeG fíxoo en Pedrafita do Cebreiro e o BNG en Verea
Ademais, formacións como Alternativa dos Veciños foron as máis votadas en Oleiros ou Carral, Democracia Ourensana foino na cidade das Burgas, Terra Galega en Narón, Rianxo en Común en Rianxo, Sadamaioría en Sada, Unidade por Cambre en Cambre e Camiña Sarria e Galicia Sempre, unidas na marca de Contamos, obtiveron a vitoria en Sarria e Becerreá.
No outro extremo, Ponteceso ou Ponteareas terán a seis forzas políticas distintas representadas no seu pleno
A xornada electoral deixa algúns concellos cun resultado moi axustado e outros nos que será necesario o entendemento entre varias forzas para acordar unha investidura ou formar Goberno. E, en cambio, hai algunhas localidades nas que algunha forza política obtivo a totalidade dos edís, como Beariz (87% de voto do PP), Quintela de Leirado (89% para o PP), Pedrafita do Cebreiro (77% para o PSdeG) ou Verea (87% para o BNG). No outro extremo, Ponteceso ou Ponteareas terán a seis forzas políticas distintas representadas no seu pleno.
PP
Negueira, Verea e tamén Pedrafita do Cebreiro son os tres únicos concellos nos que o PP non terá representación
O PP obtivo o seu mellor resultado en pequenas localidades rurais do interior de Lugo e Ourense, como Quintela de Leirado, Beariz, Boborás, Friol, Guntín, Cualedro, Baralla, Os Blancos ou Muíños, concellos onde superou o 80% dos votos. Con todo, é no Porriño -grazas ao seu espectacular resultado nesta vila- onde vai sentar máis concelleiros no pleno municipal, un total de 16 dos 21 que conforman a corporación.
No outro extremo, os populares non chegaron ao 10% dos votos en Negueira de Muñiz, Meaño, Vimianzo, Barro e Verea. Negueira, Verea e tamén Pedrafita do Cebreiro son os tres únicos concellos nos que o PP non terá representación.
É no Porriño -grazas ao seu espectacular resultado nesta vila- onde o PP vai sentar máis concelleiros no pleno municipal, un total de 16 dos 21 que conforman a corporación
Con respecto ás eleccións do 2019, o PP mellorou o seu resultado en cinco puntos porcentuais, sumando máis de 50.000 votos aos recibidos hai catro anos. Porén, este incremento non se distribuíu de forma uniforme en todo o país, cunha mellora máis importante nas cidades (vinte mil votos máis) e nas vilas entre 10 e 50.000 habitantes (25 mil votos máis). En cambio, nos concellos máis pequenos os populares mantiveron o seu resultado, experimentando mesmo un levísimo descenso nas localidades de menos de dous mil habitantes.
O PP mellorou o seu resultado en 165 concellos, entre os que destacan as subas experimentadas en Baiona, Tui, As Pontes, Culleredo, Arzúa, O Porriño, Allariz, Ribadumia e Gondomar. E tamén en localidades máis pequenas, como San Xoán de Río (onde os populares 'ficharan' o alcalde para as súas listas), Castroverde, Cerdido ou Castrelo de Miño.
O mapa amosa a mellora experimentada polo PP no Baixo Miño e na área metropolitana de Vigo, que lle permitiu acadar o Goberno da Deputación de Pontevedra, e tamén na comarca de Lugo
O mapa amosa a mellora experimentada polo PP no Baixo Miño e na área metropolitana de Vigo, que lle permitiu acadar o Goberno da Deputación de Pontevedra, e tamén na comarca de Lugo. Porén, tamén reflicte un gran número de concellos onde os populares experimentaron descensos, especialmente na provincia de Ourense.
Entre os concellos nos que o PP perdeu máis votos están Boiro, Sada, A Fonsagrada, Quiroga, Vimianzo, Barro e Meaño, Muxía, Carnota, Padrón ou Mondoñedo.
PSdeG
Os socialistas obtiveron representación en 271 dos 313 concellos galegos
Non foi unha boa noite, en xeral, para o PSdeG. Os socialistas perderon 70 mil votos e case catro puntos. Mesmo así, conservaron unha gran parte do seu poder territorial, tanto nas cidades coma na Galicia vilega. Sobrado, Ribeira de Piquín, Pedrafita do Cebreiro, Calvos de Randín, Vimianzo, Entrimo e Mesía foron os concellos nos que os socialistas obtiveron un mellor resultado, superando o 70% dos votos en todos eles.
No outro extremo, aparecen Sarreaus, As Somozas, Sandiás, San Cristovo de Cea, Cualedro, Mazaricos, Piñor, Vila de Cruces, Porqueira, Monterrei, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Avión, Vilar de Santos, Verea, Xunqueira de Ambía, Montederramo, Beariz, A Bola ou Vilariño de Conso, onde o PSdeG acadou menos do 5% dos votos. En conxunto, os socialistas obtiveron representación en 271 dos 313 concellos galegos
O mapa amosa a evolución do resultado do PSdeG, concello a concello, con perdas significativas en amplas zonas do país, pero tamén con melloras claras na comarca de Pontevedra, O Salnés ou A Fonsagrada
O mapa amosa a evolución do resultado do PSdeG, concello a concello, con perdas significativas en amplas zonas do país, pero tamén con melloras claras na comarca de Pontevedra, O Salnés ou A Fonsagrada, un punto clave para manter o goberno da Deputación de Lugo.
Os socialistas aumentaron de forma clara o seu número de votos en Coristanco, Vimianzo, Cee, Boiro, Sanxenxo, Moraña, Barro, Rianxo, Sarria, Santa Comba ou a cidade de Pontevedra.
En cambio, as súas perdas máis importantes chegaron en Mazaricos, Vila de Cruces, Meaño, Becerreá, Laxe ou O Porriño. En termos cuantitativos (número de votos) o concello no que o PSdeG perdeu máis apoios foi Vigo, con preto de vinte mil sufraxios menos. Aínda así, Abel Caballero obtivo un triunfo incontestable.
BNG
O Bloque obtivo o seu mellor resultado en Verea e Vilar de Santos, con ao redor do 80% dos votos, e tamén en Santiso, Moeche, Mondariz-Balneario e Toques, por riba do 60%
O BNG foi o gran triunfador da noite electoral en Galicia. Os nacionalistas melloraron o seu resultado global en máis de catro puntos, cun ascenso de máis de 50 mil votos. O Bloque fíxose coa alcaldía de Santiago de Compostela e probablemente conquistará outras de grande importancia, como Cangas, asentando o seu dominio na península do Morrazo.
O Bloque obtivo o seu mellor resultado en Verea e Vilar de Santos, con ao redor do 80% dos votos, e tamén en Santiso, Moeche, Mondariz-Balneario e Toques, por riba do 60%. Os nacionalistas acadaron representación en 224 concellos galegos. En cambio, en 16 dos concellos dos que se presentou, o BNG non chegou ao 5%
Os nacionalistas acadaron representación en 224 concellos galegos
O mapa revela ascensos xerais do BNG en gran parte de Galicia, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. Destaca o seu aumento nas cidades de Ourense e Santiago, e tamén en vilas como Nigrán, Cangas, Marín, Ribeira ou Viveiro e en concellos como A Baña ou Cabana de Bergantiños.
Con todo, o BNG tamén empeorou os seus resultados nuns 80 concellos, entre os que destacan Rianxo, Poio, Sada, Cerceda, Vilaboa ou Fisterra.