Inés Rey poderá gobernar A Coruña co BNG e a Marea Atlántica desaparece

Inés Rey, durante un mitin da campaña CC-BY-SA PSOE Coruña

Cumpríronse os prognósticos: o PP gañou as eleccións pero a socialista Inés Rey volverá ser alcaldesa na Coruña. Tamén, como estaba previsto, precisará de pactos, aínda que os resultados fan albiscar xa un acordo co BNG. PSdeG e nacionalistas suman maioría absoluta logo de que a candidatura da actual rexedora sumase 11 edís -dous máis que hai cantro anos- e tras unha suba do Bloque, que pasou de 2 a 4 edís. 

No resto da esquerda, a hecatombe: a Marea Atlántica, que gobernou entre 2015 e 2019, quedou sen representación ao rozar pero non alcanzar o 5% e perder os seis representantes que mantiña; Por Coruña, a suma de Podemos e EU -que optaron por acudir en solitario tras deixar o espazo municipalista- tampouco conseguiu concelleiro ningún. A división volveu pasar factura. 

Inés Rey poderá volver gobernar co apoio do BNG malia a vitoria do PP; a Marea Atlántica desaparece afectada pola división do antigo espazo municipalista

O PP, como hai catro anos, volveu gañar os comicios e mesmo subiu en apoios, con sete puntos máis e sumando tres novos edís, aproveitando tamén a desfeita de Ciudadanos, que pasou do 5,8% dos votos e un edil a non alcanzar nin o 0,5% desta vez. Volveron vencer os populares, con Miguel Lorenzo como cabeza de lista, pero quedaron moi lonxe da maioría absoluta que, desde que Carlos Negreira a lograra en 2011, non se volveu dar na Coruña. 

Miguel Lorenzo (PP), votando o 28M © PP A Coruña

Impúxose con amplitude a maioría progresista na Coruña, aínda que con moitas diferenzas con respecto a hai catro anos. O PSdeG de Inés Rey calcou case resultados, cun lixeiro avance de case punto e medio pero dous edís máis, pasando de 9 a 11. 

O Bloque, pola súa banda, dobrou apoio, alcanzando case o 15% dos votos e sumando dous representantes máis, situándose como a única alternativa do PSdeG para o acordo. Haberá, agás sorpresa, goberno de coalición para que a esquerda siga gobernando a cidade, aínda que nin Inés Rey nin Francisco Jorquera, cabeza de lista dos nacionalistas, especificaron como será ese pacto. 

O gran derrotado é o espazo municipalista que hai catro anos acudiu unido coa Marea Atlántica e que tiña aínda seis edís no consistorio. Quedou sen ningún. A propia Marea acadou o 4,87% dos votos, non chegou ao 5% e desapareceu do Concello. 

Francisco Jorquera (BNG), votando o 28M CC-BY-NC-SA BNG

Por Coruña, a suma de Podemos e EU, formacións que formaban parte da Marea nas súas orixes, quedou en pouco máis do 4% e tampouco obtivo representacións. A suma de ambas candidaturas suma perto do 10%, porcentaxe que garantiría representación, pero ambas quedaron sen nada e cun futuro incerto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.