A Coruña: Inés Rey busca consolidarse na alcaldía á fronte da maioría dunha esquerda máis dividida

Panorámica da cidade da Coruña © Concello da Coruña

En maio de 2011, coas prazas tomadas polas acampadas do 15M e as asembleas populares agromando en cada barrio, o PP conseguía ser a forza máis votada nunhas eleccións municipais na Coruña e acceder á alcaldía da man de Carlos Negreira. Era a primeira vez que os populares vencían nuns comicios locais e que unha forza de dereita gobernaba a cidade desde a fin do franquismo. En 2015, a revolta cidadá que supuxera aquel maio de catro anos antes e a irrupción de novas forzas políticas como AGE agromou na Coruña cunha confluencia municipalista, a Marea Atlántica, que superou o 30% dos votos, liderou amplamente a esquerda e colocou a Xulio Ferreiro na alcaldía. 

Eses oito anos foron o único período desde a Transición no que A Coruña non foi gobernada por un alcalde ou alcaldesa do PSOE, que nas últimas eleccións municipais de 2019 volveu situarse á altura do PP para liderar unha maioría progresista máis que consolidada na cidade. 

A rexedora Inés Rey liderou estes catro anos un goberno en solitario con apoios puntuais da Marea e do BNG e todas as enquisas -que xa non se poden publicar desde este luns 22 de maio- albiscan un escenario moi semellante para despois deste 28M, malia a división que pasa factura á esquerda do PSOE e a unidade que arredor do PP supón na dereita a máis que previsible desaparición de Ciudadanos, que obtivera unha edil nos últimos comicios. 

Buscará a rexedora renovar mandato logo dunhas eleccións, circunstancia que non acontece na Coruña desde a época de Francisco Vázquez, que sumou case 23 anos á fronte do Concello. 

Agás sorpresa maiúscula, Inés Rey volverá ser alcaldesa; queda por saber se o PSdeG será a lista máis votada e cales serán os pactos á esquerda, cun espazo aínda máis dividido

Falta por saber se os socialistas traducen ese apoio crecente que indican as enquisas nunha vitoria nos comicios e cales son as súas posibilidades de pacto ou acordo á esquerda así que as urnas definan a reestruturación dun espazo en continua mudanza. A confluencia que supuxo a Marea Atlántica chega agora dividida, co espazo municipalista liderado por Xan Xove dunha banda e Podemos, coligado con Esquerda Unida (Por Coruña) e cun ex-concelleiro no goberno da Marea como José Manuel Sande como cabeza de cartel, por outra. 

Os inquéritos auguran unha baixada importante da Marea, que no entanto mantería representación, e poñen aínda en dúbida que a formación morada entre no consistorio logo dunha división fraguada xa durante o último mandato municipal, cando unha concelleira de Podemos que se presentara polo espazo municipalista decidiu abandonar o grupo municipal. Ao tempo, un BNG liderado por Francisco Jorquera, sabedor de que ben seguro mellorará resultados, que apunta a colocarse como terceira forza, pero pendente de se cumpre ou non coas optimistas expectativas.

Inés Rey (PSdeG) e Miguel Lorenzo (PP) reparten propaganda electoral na Coruña CC-BY-SA PSOE Coruña / PP Coruña

Miguel Lorenzo, candidato do PP, pelexa contra esa maioría progresista e contra o baixo grao de coñecemento que lle dan as enquisas. Por iso, se cadra, virou moitas das súas mensaxes á liorta política estatal, identificando votar a Inés Rey con dar un apoio a Pedro Sánchez ou seguindo a estratexia popular de mesturar ETA e Bildu cuns comicios municipais. Unha campaña local centrada en debates que parecerían utópicos non hai tantos anos pero que agora son o eixo: mobilidade sostible, zonas verdes, acceso á vivenda... Tempos novos. 

A reordenación da fachada marítima volve ser na Coruña un eixo dun debate político marcado tamén pola mobilidade sostible ou o acceso á vivenda

Un deles, o da reordenación da fachada marítima da cidade, o futuro dos 400.000 metros cadrados de terreos públicos no centro da cidade que quedarán liberados co traslado dos vellos peiraos a Punta Lagosteira, en Arteixo. Un proxecto aínda sen definir cando están a piques de se cumprir 20 anos desde que en 2004 PP e PSOE pactasen pagar a obra do porto exterior vendendo o solo para construír pisos, hoteis e comercios. Dúas décadas máis tarde, non hai partido que defenda aquela operación urbanística. Populares e socialistas, tampouco. 

A Marea presume de ter freado a privatización e lembra que o propio Ferreiro liderou manifestacións para evitar a venda dos terreos. Tanto o movemento municipalista como o BNG reclaman ao Estado a condonación da débeda que mantén o Porto ou que achegue o equivalente para un futuro consorcio que proxecte os futuros usos dos terreos. E aí está a cuestión: os 300 millóns que a Autoridade Portuaria debe no caso de non vender.

Nunha cidade cunha das densidades de poboación máis altas de España e algúns barrios con taxas semellantes ás máis masificadas de Europa, o espazo que se abre agora nos peiraos é clave. Tamén a vivenda, outro dos temas que centran o debate na campaña. Mentres a alcaldesa reprocha á Xunta e ao PP a nula construción de pisos protexidos e gaba as propostas nesa liña do Goberno de Pedro Sánchez, Marea e BNG poñen o foco na importante suba dos prezos nos alugueiros, no impacto que provocan as vivendas turísticas no mercado inmobiliario -e na ausencia de solucións-, así como na falta de oportunidades. 

A alta densidade e o escaso tamaño da cidade inflúen tamén á hora de abordar as políticas de mobilidade, outro dos temas de campaña agora que o Executivo central vén de aprobar a ampliación de Alfonso Molina, a principal vía de entrada dunha urbe que é a que máis usa o transporte público en Galicia e que absorbe milleiros de coches desde a área metropolitana diariamente.

Precisamente, a fin no vindeiro ano da concesión dos buses urbanos á compañía que desde ha décadas xestiona -non sen polémica- o transporte público na Coruña acende un debate no que Marea e BNG avogan pola creación dunha empresa municipal, unha proposta á que se nega o PSOE, que responde destacando a importante rebaixa no prezo so billete ou o espectacular aumento e mellora do servizo público de bicicletas, con máis de 7.000 persoas usuarias activas, récords constantes de usos diarios e incremento de quilómetros de carril bici.

Outra mudanza radical na mobilidade coruñesa, non sen problemas, da que presume o actual goberno do PSOE, polo pulo dos últimos anos; e o anterior da Marea Atlántica, por ter impulsado a modernización do servizo e a inclusión de bicicletas eléctricas a través dunha convocatoria de fondos europeos. Outra aposta máis, compartida por case todos os partidos, de gañar espazos para as persoas e quitárllelos aos coches. 

Xan Xove e o ex-alcalde Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), Francisco Jorque (BNG) e José Manuel Sande (Por Coruña), en actos de campaña CC-BY-NC-SA MA | BNG | Por Coruña

Dese novo modelo de cidade presume Inés Rey, que advirte de 55.000 metros cadrados "gañados para a cidadanía" e das peonalizacións para unha cidade "máis humana, máis amable e con mellor calidade de vida". Un marco -o da mobilidade sostible, a humanización das rúas ou o aumento de zonas verdes- que nada ten que ver co de algúns anos atrás, o que non impide á actual alcaldesa insistir na recuperación do "orgullo coruñés" e en apostar tamén por grandes e importantes eventos. 

A futura chegada da Aesia e o desenvolvemento futuro da Cidade das TIC marcarán o futuro económico e empresarial da cidade

A confirmación de que A Coruña será a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e as expectativas que abre xunto ao desenvolvemento da Cidade das TIC, nos terreos da antiga Fábrica de Armas, son ademais as dúas áncoras sobre o que a urbe basea o seu futuro económico e empresarial arredor das novas tecnoloxías e a comunicación. 

Queda agora saber cal será a liña que marque o Concello nun mandato no que a vivenda, o futuro da fachada marítima, a consolidación dunha nova mobilidade ou a chegada desa axencia estatal serán claves. Será, agás sorpresa maiúscula, coa socialista Inés Rey recuncando na alcaldía, pero tamén coa seguridade de que precisará ao BNG ou á Marea -ou a ambos- para gobernar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.