As bicicletas públicas da Coruña baten récords e superan por primeira vez os 250.000 usos nun ano

Estación de bicicletas de Bicicoruña © Concello da Coruña

Entre as diversas análises a respecto dos posibles cambios na mobilidade derivados da pandemia da COVID atopábanse as que auguraban un maior uso da bicicleta para os desprazamentos nas cidades. O coronavirus, primeiro, e a crise enerxética cos incrementos do prezo do combustible, despois, actuaron como aguillóns para o uso dun medio de transporte que tamén gaña pulo mediante decisións políticas dalgúns concellos mediante infraestruturas como carrís bici ou servizos, como as bicicletas públicas.

En ambos sentidos, infraestrutura e servizo, vén avanzando a cidade da Coruña nos últimos anos. Á importante extensión dos carrís no anterior mandato municipal, que segue no actual, engadíronse ampliacións e melloras do servizo BiciCoruña, a rede pública de bicicletas que vai pechar este 2022 como exercicio de récord. Non en van, segundo os datos divulgados polo Concello, cando aínda non rematou o mes de novembro as súas cifras xa superan os usos rexistrados en todos os anos anteriores e, por primeira vez, pechará un ano con máis de 250.000.

A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, fixo públco este 23 de novembro un balance que, a 23 de novembro, se situaba nos 266.701 usos. É unha cifra, salienta a mandataria socialista, que "chega tras catro meses consecutvos de récords mensuais de usos diarios" tras a renovación das condicións do servizo e a ampliación da frota de bicicletas, que actualmente conta con 172 eléctricas e 342 mecánicas en 28 estacións, "unha rede que se ampliará ata un total de 55", sinala citando as previsións da área municipal de Mobilidade.

BiciCoruña conta actualmente con 342 bicicletas mecánicas e 172 eléctricas en 28 estacións, que o Concello prevé ampliar "ata un total de 55". Dende o pasado verán está en vigor o novo sistema tarifario, cun bono anual de 40 euros e outro ocasional, de 10 euros para un mes

Salienta Rey que o Concello pon o foco especialmente nos datos de novembro, "no que habitualmente se detectaba un descenso nos usos por razóns meteorolóxicas". Neste 2022, no entanto, "recibiron 36.000 usos, o dobre do anterior teito para este mes, que estaba en algo máis de 18.000 no ano 2017", destaca. O incremento de utilización das bicicletas públicas vai en consonancia coa suba no número de persoas usuarias: de 3.058 en xuño a 5.680 en novembro.

O goberno local coruñés liga directamente este forte incremento dos usos co novo funcionamento de BiciCoruña, implantado o pasado xullo. Foi nese momento cando entrou en vigor o novo sistema de inscrición e as novas tarifas, cunha modalidade anual de 40 euros e outra ocasional de 10 euros ao mes. Dende o pasado outono, está operativo de sete da mañá a unha da madrugada.

No caso das bicicletas mecánicas, o seu uso non ten custo adicional para persoas usuarias do bono anual. Nas eléctricas está previsto que, a partir de finais de 2023, durante os primeiros 20 minutos non haxa importe adicional,  e de aí en diante o custo sexa dun céntimo por minuto ata un máximo dunha hora (pasados dez minutos, é posible iniciar un novo período de uso para quen conte co bono anual).

Mapa de estacións de BiciCoruña, nunha captura deste 23 de novembro de 2022 © BiciCoruña

O servizo ocasional, orientado a persoas que non viven de xeito permanente na Coruña, custa 10 euros e permite utilizar as bicicletas durante un mes por 0,015 euros o minuto para as bicis mecánicas e 0,03 para as eléctricas durante un máximo de dúas horas, pero sen poder volver retirar a bici da estación a continuación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.