As bicis que te levan polas dúas beiras do Miño

Representantes institucionais da AECT, dos concellos e da Deputación de Pontevedra, cruzando pola ponte internacional de Valença a Tui nas bicicletas do proxecto E-Bike Rio Minho © Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

Case unha trintena de concellos das dúas beiras do Miño conforman, xunto coa Deputación de Pontevedra, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) que, nos últimos anos, vén desenvolvendo diversas iniciativas transfronteirizas en diversos eidos, dende os máis simbólicos aos mais prácticos ou reivindicativos, caso por exemplo das xestións para reclamar a fin dos atrancos á veciñanza transfronteiriza durante a pandemia. É neste contexto no que a entidade vén de presentar "o primeiro servizo de xestión real verdadeiramente transfronteiriza de toda a Península Ibérica": o servizo de préstamo de bicicletas eléctricas E-bike Rio Minho

Da man das eurocidades Tui-Valença, Tomiño-Cerveira e Salvaterra-Monção, representantes institucionais dos concellos e das entidades supramunicipais de ambas beiras da raia, así como veciñanza da zona, presentaron esta semana este servizo, que bota a andar con 46 bicicletas. Todas elas poden ser utilizadas de balde tanto para desprazamentos habituais como para visitas puntuais á contorna.

As comitivas ciclistas xuntáronse en Valença (na imaxe), dende onde partiron cara a Tui para presentar o proxecto E-Bike Rio Minho © Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

O Largo dos Comboios de Valença foi o punto de chegada de varias comitivas ciclistas que saíron de todas as localidades participantes e despois, pedalearon conxuntamente ata a contorna da antiga alfándega de Tui. A presidenta da Deputación pontevedresa, Carmela Silva, encadra o proxecto na aposta da AECT Rio Minho por "transformar o territorio para mellorar a vida da xente" mediante "ideas concretas". Esta, explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, é "unha iniciativa piloto" con "vocación de ampliación". "Estase a traballar na consecución de máis fondos comunitarios para aumentar o número de bicicletas e ancoraxes", así como o espallamento do proxecto alén das eurocidades.

O servizo E-Bike Rio Minho, impulsado pola entidade que agrupa concellos da raia e á Deputación de Pontevedra, é de balde, bota a andar con 46 vehículos.Pódese usar dende as eurocidades Tui-Valença, Tomiño-Cerveira e Salvaterra-Monção

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que a inauguración do proxecto E-Bike Rio Minho ten por tras de si tamén unha esperanza: que pola histórica ponte internacional "circulen unicamente bicicletas e persoas a pé". Con ese "reto" concorda tamén o seu homólogo da outra beira, o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Vaz, quen admite que non será doado a curto prazo. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agrega que "a UE valora cada vez máis estes proxectos que cosen a fronteira", agora cunhas bicicletas que, augura, "van ser moi usadas". Rui Teixeira, director da AECT, ve no proxecto E-Bike Rio Minho "um passo pequeno, mas muito importante no ámbito da sustentabilidade" e tamén do turismo.

Funcionamento do servizo

O uso destas bicicletas transfronteirizas é gratuíto. Para utilizalas cómpre achegarse á Casa do Concello de Tomiño, á Oficina de Turismo de Tui ou á casa consistorial ou á oficina turística de Salvaterra para obter o cartón de persoa usuaria. Tamén é posible acceder vía aplicación móbil, "realizando un depósito con tarxeta que se devolve ás 48 horas" se non hai danos na bicicleta.

Estacións e área de uso das bicicletas do proxecto E-Bike Rio Minho © AECT Rio Minho

Unha vez realizado o trámite, na eurocidade Tui-Valença as 14 bicicletas dispoñibles pódense retirar e aparcar as bicicletas na praza da inmaculada de Tui ou na estación ferroviaria e a piscina municipal da vila portuguesa. En Tomiño-Cerveira dispoñen de 16 vehículos e teñen como lugares de referencia a Praza do Seixo, na banda galega, e na Praza do Município e mais a avenida das Comunidades Portuguesas, en Cerveira. en Salvaterra-Monção os puntos de referencia son o parque da Canuda e mais Lodeira e a Praza Deu la Deu, respectivamente. Máis información, no mapa que acompaña estas liñas e no web do proxecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.