O Consello de Ministros aprobou este martes a Estratexia Estatal pola Bicicleta, coa que pretende "impulsar este modo de transporte desde todos os seus ámbitos: mobilidade cotiá, ocio, deporte, turismo e cadea de valor da industria".
A Estratexia Estatal pola Bicicleta propón unha trintena de accións ata 2025 no ámbito laboral, turístico, industrial ou de ocio para impulsar o uso da bicicleta
Impulsado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), o documento consta de perto de trinta accións englobadas en dez áreas temáticas que abranguen o ámbito escolar, laboral, loxístico ou económico, potenciando o mercado estatal de fabricantes e provedores de servizos ciclistas, e que se pretenden desenvolver ata 2025.
O obxectivo é aumentar o uso da bici en detrimento do coche e axudar así no cumprimento do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, que pretende en en 2030 un 35% das viaxes que hoxe se realizan en vehículos privados de combustión se fagan usando fontes non emisoras e que o 20% destes sexan a pé ou en bicicleta.
"Nun sistema descarbonizado e eficiente, o papel da bicicleta preséntase como unha opción de transporte absolutamente sustentable, que ademais incide na mellora da saúde", explica o Mitma. Velaquí algunhas das medidas máis destacadas da súa estratexia para o fomento e incremento do uso da bici:
Infraestrutura ciclista
O Ministerio pretende a creación dunha rede de vías interurbanas en toda España e apoiar os municipios para que constrúan vías urbanas, elaborando uns "criterios básicos" como referente técnico para deseñar vías segregadas.
O Ministerio de Transportes pretende elaborar uns "criterios básicos" para as vías segregadas e unificar o seu deseño e sinalización
Así, prevé "crear redes continuas, cómodas e seguras para a comunicación urbana, periurbana e interurbana en bicicleta, deseñando as redes viarias aptas para o ciclismo segregado, integrado, o en vías 2-1, oonde sexa necesario". Ademais, pretende "unificar e optimizar criterios de deseño, sinalización ou tipoloxías de vías" e "dispor de estacionamentos públicos seguros en sitios clave".
Bicicletas en trens e autobuses
A Estratexia Estatal pretende tamén ampliar a rede de servizos públicos de bicicletas e facilitar que estas poidan levarse a bordo do transporte público (tren, autobuses, metro ou tranvía). Tamén busca a conexión das estacións do devandito transporte coas redes de carrís bici e "potenciar a integración tarifaria entre o transporte colectivo e os sistemas de bicicleta pública".
Aparcadoiros para bicis nas vivendas
Do mesmo xeito, a Estratexia pretende que en edificios de vivendas, oficinas e comercios se dispoña de espazos para o estacionamento das bicicletas e "implantar medidas para o calmado do tráfico de vehículos a motor en espazos urbanos compartidos".
A Estratexia estudará cambios normativos para obrigar á inclusión de aparcadoiros obrigatorios nas novas vivendas e espazos comunitarios nas vellas
Entre as medidas prevese fomentar a inclusión de aparcadoiros para bicis en vivendas de nova construción, incluíndo "o estudo da viabilidade de introducir modificacións normativas ao Código Técnico de Edificación para a inclusión de aparcadoiros obrigatorios". Tamén se pretende analizar a posibilidade de mudanzas normativas como a da regulación das comunidaes de veciños para asignar espazos comunitarios para deixar as bicis.
Tamén, elaborar guías para facilitar a instalación destes aparcadoiros en vivendas, comercios, oficinas, edificios públicos e centros docentes, así como estudos sobre a posibilidade de implantar axudas para impulsalos. Do mesmo xeito, o Ministerio pretende elaborar plans para implantar aparcabicis en espazos veciñais compartidos e de proximidade nos barrios.
Retribución en especie e desgravacións fiscais
Entre as apostas do Goberno central está a de considerar a bicicleta retribución en especie ou "pagamento que reciben algúns empregados polo servizos prestados en forma de bens e servizos", que actualmente "non recolle entre os supostos o uso da bici en propiedade ou a través do alugueiro de bicis públicas". O Ministerio di que estudará a modificación da normativa fiscal para incluír a mobilidade en bicicleta ao traballo dentro das rendas en especie, o que permitiría equiparala ao transporte público ou aos gastos de combustible por usar coche. Tamén pretende facilitar desgravacións na súa compra.
"A facilitación da compra podería lograrse mediante desgravacións fiscais ou por acordos entre empresas, produtores/distribuidores de bicicletas e entidades financeiras", di o documento.
Título oficial de técnico de bicicletas
Entre as actividades de formación que prevé o Goberno central está a posibilidade de crear un título oficial a nivel estatal de técnicos e mecánicos de bicicletas e unha especialización en cicloturismo "como unidade de competencia na formación de guía de turismo activo". Neste programa incluiranse nocións de circulación, mecánica básica, ecoloxía, primeiros auxilios ou meteoroloxía.
Ademais, prevese a "sensibilización" nas autoescolas aos condutores de vehículos a motor.
A bicicleta no currículo escolar
Unha das estratexias pola que aposta o documento é a de fomentar "actividades escolares con bicicleta, dentro da educación física curricular ou doutras actividades relacionadas coa natureza e a concienciación medioambiental".
O documento prevé "a inclusión da seguridade viaria e da bicicleta no currículo escolar mediante a formación práctica en mobilidade ciclista desde a infancia"
Pero ademais, prevé "a inclusión da seguridade viaria e da bicicleta no currículo escolar mediante a formación práctica en mobilidade ciclista desde a infancia e o fomento de proxectos educativos relativos á mobilidade en bicicleta". Neste contexto, o Ministerio aposta tamén pola promoción do "camiño escolar seguro" aos colexios.
Clúster de innovación, comercios especializados e cicloloxística
O documento do Ministerio prevé a creación dun clúster de innovación e desenvolvemento empresarial para "impulsar a iniciativa industrial e tecnolóxica en torno á bicicleta", ademais de crear un club de marca de comercios especializados para "fomentar a colaboración entre puntos de venda e talleres para conseguir unha maior influencia como sector, estándares de calidade máis homoxéneos e unha maior profesionalización".
Por outra banda, aposta por un programa de desenvolvemento da cicloloxística para "impulsar a actividade loxística baseada no uso da bicicleta como solución eficiente e ecolóxica para a distribución de mercadorías, especialmente no tramo de última milla urbana".
Referencia en cicloturismo
A Estratexia aposta por España como "referente internacional do cicloturismo" ao nivel de Francia, Alemaña, Austria ou Holanda. Para conseguilo proponse consolidar e impulsar a oferta, desestacionalizar o sector e desenvolver rutas que contecten destinos recuperando e dotando de equipamento vías verdes e camiños.
Cambio cultural: sensibilización, formación e comunicación
Un dos obxectivos é conseguir un maior incremento no uso da bicicleta e un "cambio cultural favorable cara á mobilidade sustentable". Para logralo, o Goberno central cre "imprescindible" un intenso labor de "difusión, sensibilización e formación", centrando a mensaxe na vantaxe do uso da bici fronte a outros medios de transporte.