Adeus aos coches en senllas rúas emblemáticas dos centros da Coruña e Lugo

Tránsito peonil na rúa Nova da Coruña este 31 de maio, primeiro día sen tráfico de coches © Concello da Coruña

"Esta crise visibilizou o absurdo e a inxustiza do reparto do espazo que había nas cidades a prol dos coches". A mediados de maio de 2020, no inicio do desconfinamento tras o peche total pola COVID-19, o responsable de mobilidade de Greenpeace, Adrián Fernández, realizaba esta reflexión no marco dunha análise sobre a pandemia como punto de inflexión no deseño das cidades

Naquelas semanas, diversos concellos urbanos, tamén en Galicia, afirmaban estar dispostos a dar novos pasos en materias como a mobilidade, favorecendo novos espazos peonís e ciclistas en detrimento do automóbil privado. Xa fose afondando no traballo xa iniciado ou encetándoo en zonas nas que isto aínda non sucedera.

Nesta liña, os gobernos da Coruña e Lugo avanzaban daquela algúns dos seus plans, que esta semana avanzaron concretando senllos fitos. Ambos especialmente simbólicos por implicar a retirada do tránsito continuo de coches en dúas emblemáticas rúas do centro de ambas cidade: a coruñesa rúa Nova e a contorna da Mosqueira na lucense Rolda da Muralla.

"Devolvemos a rúa Nova ás persoas"

Inés Rey, alcaldesa da Coruña, e o edil de Mobilidade da cidade, Juan Díaz Villoslada, supervisando os traballos no primeiro día de peonalización da rúa Nova © Concello da Coruña

O peche aos coches da rúa Nova da Coruña fai parte do proxecto para peonalizar uns 11.000 metros cadrados na contorna dos Cantóns. Entre as mudanzas, a instalación de "bancos e elementos verdes" na antiga área de carga e descarga

No caso da Coruña, a peonalización da rúa Nova é parte dun proxecto xa iniciado para "recuperar", na céntrica contorna dos Cantóns, uns 11.000 metros cadrados en espazo "que o coche foi quitando", resumía hai un ano o goberno local. O pasado luns, cando a peonalización da rúa Nova foi efectiva, a alcaldesa da cidade encadraba a decisión na "procura dun urbanismo máis amable, máis sustentable, que contribúa ao calmado do tráfico e a potenciar outras formas de mobilidade persoal", subliña Inés Rey.

"A peonalización supón recuperar preto de 1.500 metros cadrados para as persoas", resalta Rey. Cun pavimento de plataforma única que propicia que non sexan precisas obras de máis envergadura para a peonalización, as principais mudanzas físicas consistiron na retirada dos semáforos e na eliminación das liñas que delimitaban prazas de aparcadoiro. A continuación, a antiga área e carga e descarga "transformarase nunha praza onde se instalarán bancos e elementos verdes", resalta o edil de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada.

De agora en diante, sinala o Concello da Coruña, "pola rúa Nova só se permitirá a entrada de vehículos para carga e descarga" de 6 a 11 da mañá en sentido de circulación contrario ao que tiña esta rúa antes da peonalización. Isto é, coa entrada pola rúa San Andrés e a saída polo Cantón Grande. Mentres, detalla, "os vehículos que entren na cidade pola avenida de Alfonso Molina deberán desviarse por Juana de Vega se queren dirixirse á rúa San Andrés".

Mosqueira peonil cadrando coas novas liñas dos autobuses urbanos de Lugo

A Mosqueira, unha das áreas máis representativas da Muralla, transformarase nunha "praza peonil multiusos", con "zonas verdes e espazo para actividades culturais e de lecer"

No caso de Lugo, a peonalización da Mosqueira supón liberar dos coches unha das contornas máis representativas da Muralla, a do único cubo que conserva dous dos arcos da construción romana. "En Lugo temos algo único, unha muralla romana completa. Debe deixar de ser unha macro rotonda para os coches", resumía hai un ano en declaracións a Praza.gal o tenente de Alcaldía e responsable da área de Mobilidade do Concello lucense, Rubén Arroxo, para explicar os obxectivos de plans coma este.

Esta peonalización si implicará obras de alcance, xa adxudicadas a finais de 2020 por algo máis de medio millón de euros e cun prazo de execución duns 8 meses, ata o vindeiro outono. O que durante décadas foi unha vía con dous carrís para automóbiles virará nunha "praza peonil que será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de lecer", sinala o goberno local. Entre os seus obxectivos, "respectar a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira" que se conserva no lugar. 

Rubén Arroxo, tenente da Alcaldía e responsable de Mobilidade do Concello de Lugo, na noite do 31 de maio ao 1 de xuño de 2021, na que a contorna da Mosqueira quedou definitivamente cortada ao tráfico © Concello de Lugo

A peonalización da Mosqueira implica tamén un profundo cambio na mobilidade das rúas da contorna que si conservan tráfico de coches, con cambios de sentido en varias rúas ou o funcionamento como rotonda do cruce entre a rúa Vilalba e a avenida Ramón Ferreiro. Antes do comezo das obras tamén desapareceu un carril de circulación da rúa Galicia o que, xunto co resto de mudanzas, "permite gañar máis de cen prazas de estacionamento na contorna do centro da cidade", resalta Arroxo.

A entrada en vigor dos cambios no tráfico rodado e peonil do centro de Lugo produciuse o 1 de xuño, o mesmo día en que entraron en funcionamento as novas liñas dos autobuses urbanos. "É o maior cambio na mobilidade nos últimos anos", resalta o edil lucense, quen sinala como eixos do novo modelo o "reforzo das conexións entre os barrios e o centro da cidade, cunha frecuencia de 30 minutos nos barrio e de 10 no eixo norte-sur, onde se atopa a maior parte da poboación". As novas liñas pódense consultar nesta ligazón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.