A Golpe de Pedal, ConBici, Verdegaia, ADEGA, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Vigo Histórico, Mulleres Bicivisibeis e Fridays for Future veñen de lanzar unha campaña para fomentar o uso da bicicleta este verán en Vigo, especialmente para achegarse ás praias, propoñendo unha serie de itinerarios baixo o título de 'Vigo Ciclábel'.
As nove entidades solicítanlle ao concello de Vigo a posta en marcha dunha serie de vías ciclistas seguras para fomentar a mobilidade en bicicleta que conecte a cidade coa franxa litoral
As nove entidades solicítanlle ao concello de Vigo a posta en marcha dunha serie de vías ciclistas seguras para fomentar a mobilidade en bicicleta que conecte a cidade coa franxa litoral, ademais doutras medidas destinadas á pacificación do tráfico e, igualmente, piden unha campaña específica a prol da bici para os desprazamentos aos areais de Vigo.
Así, propoñen crear corredores ciclistas na avenida de Europa, na avenida de Samil e na avenida de Beiramar, dedicando un carril de ida e outro de volta á mobilidade exclusivamente en bicicleta. Ademais solicitan implementar ciclocarrís na rúa Tomás Alonso, rúa Camilo Veiga, avenida da Atlántida, avenida da Florida, rúa de Tomás Paredes, rúa do Río e rúa de Canido, mediante a redución da velocidade máxima a 30km/h en todos os traxectos, e a colocación de lombos na calzada como medida de pacificación do tráfico rodado a motor.
Apostan tamén por reducir o número de estacionamentos para coches nas principais praias da cidade e polo aumento da frecuencia do transporte público
A súa vez, a campaña aposta por reducir o número de estacionamentos para coches nas principais praias da cidade como medida de disuasión do uso de vehículos a motor, ademais de habilitar puntos de estacionamento de bicicletas ao longo de todas as zonas de praia de Vigo. Esta medida, ademais, actuaría como regulador de afluencia e evitaría a masificación das praias de Vigo durante a “nova normalidade” causada pola emerxencia sanitaria da Covid-19. De xeito complementario, avogan tamén polo aumento da frecuencia do transporte público, outra medida eficaz para reducir o uso de coches para ir á praia.
"En plena emerxencia climática e ecolóxica, faise máis que necesario adoptar medidas urxentes que faciliten e potencien outros medios de mobilidade sostibles, como é a bicicleta", sinalan, lembrando ademais que a bicicleta "é unha grande aliada ante a emerxencia sanitaria"
A campaña “á praia en bici” tamén pretende concienciar sobre os beneficios ecolóxicos de usar a bicicleta como medio de transporte na cidade. "Durante o verán, a zona litoral de praias de Vigo, que abrangue principalmente desde Alcabre até Canido, é receptora de milleiros de desprazamentos de vehículos a motor co fin de realizar un uso recreativo dos areais da cidade. Esta afluencia masiva de persoas dá lugar a un aumento considerable do tráfico rodado a motor, incrementando as emisións atmosféricas, así como a contaminación acústica e os atascos", destacan.
"En plena emerxencia climática e ecolóxica, faise máis que necesario adoptar medidas urxentes que faciliten e potencien outros medios de mobilidade sostibles, como é a bicicleta", sinalan, engadindo que "polo mesmo motivo, tamén é preciso fomentar o uso do transporte público, así como incrementar o número de frecuencias e liñas dos autobuses urbanos da cidade".
Por último, engaden, que a bicicleta "é unha grande aliada ante a emerxencia sanitaria", pois "a bicicleta é o mellor medio de transporte individual para os desprazamento diarios dentro das cidade e vilas, xa que permite manter a distancia social, ademais de evitar atascos, contaminación e ruído" e lembran que moitas cidades europeas están a facer unha aposta moi importante pola mobilidade sustentable nestes momentos, aproveitando precisamente as novas necesidades xurdidas da necesidade de evitar contaxios de coronavirus.
A proposta de 'Vigo Ciclábel' únese á iniciativa 'Biciminuto ao traballo', lanzada pola asociación A Golpe de Pedal
A proposta de 'Vigo Ciclábel' únese á iniciativa 'Biciminuto ao traballo', lanzada hai unhas semanas pola asociación A Golpe de Pedal, pertencente á Coordinadora estatal ConBici. Trátase dun mapa de redes ciclables en toda a cidade olívica para fomentar os desprazamentos diarios en bicicleta. O obxectivo desta iniciativa céntrase especialmente na mobilidade ao traballo (máis tamén para a compra, os recados e os coidados das persoas), destacando que "a bicicleta é o medio de transporte máis áxil nos desprazamentos de porta a porta, en vilas e cidades".
Atravesar toda a cidade en bicicleta levaría ao redor de 43 e 47 minutos
Dispón de 25 tramos, identificados coa súa quilometraxe e tempo de percorrido, que se poden agrupar á súa vez en 12 corredores seguros para poñer en práctica na cidade e que permiten percorrela de leste a oeste e de norte a sur con diferentes alternativas. Con esta rede, destacan, "é posible chegar á maioría de zonas industriais e de servizos da cidade en bicicleta de maneira pausada".
Atravesar toda a cidade en bicicleta levaría ao redor de 43 e 47 minutos mentres que os itinerarios medios máis habituais na cidade son de 20-30 minutos. A velocidade media de desprazamento é de 13,5 Km/h, dentro dun rango de 9 a 19 km/h segundo o itinerario.
Hai ano e medio o vigués Alexandre Mouriño presentou unha proposta de rede de ciclovías para a cidade olívica, como traballo de fin de Master en Arquitectura e Urbanismo na Escola Superior Gallaecia (Vila Nova de Cerveira). "O cambio na repartición modal do transporte que están a vivir as grandes cidades do mundo deberíase comezar a aplicar, aínda que con anos de atraso, na cidade máis importante de Galicia", destacaba Mouriño en entrevista en Praza.gal.