Da bici ao skate: máis espazo público para o lecer da rapazada da Mariña tras a COVID

Mónica Freire, deputada responsable da área de mocidade da Deputación de Lugo, na senda ata Illa Pancha en Ribadeo © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-vicedepulugo2-ca2467b.jpeg

A área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo mellora as zonas de lecer infantís de varios concellos da provincia e ten en marcha unha senda ciclable en Ribadeo ata o Faro da Illa Pancha

"Quixemos acondicionar espazos de lecer para os cativos e a rapazada pensando na pandemia e en formentar o uso dos espazos públicos ao aire libre", explica a deputada responsable da área de Mocidade da Deputación de Lugo, Mónica Freire, que desde o ente provincial liderou a mellora dos parques infantís nos concellos de Ribadeo, Trabada e Muras e a creación dunha zona de skate en Barreiros. 

Ademais, a área que dirixe Mónica Freire ten en marcha un plan para conectar cunha senda ciclable o Faro da Illa Pancha coa vila de Ribadeo. Un percorrido moi empregado pola mocidade no tempo de lecer, mais tamén moi empregado para pasear. "A idea é gañar espazo para os peóns e darlle prioridade ás bicicletas na estrada", sinala a deputada.

A deputada provincial no CEIP Antía Cal Vázquez de Muras tras as melloras realizadas no patio © Deputación de Lugo

"A mocidade e os máis pequenos quedaron un pouco esquecidos coa pandemia da COVID-19 e pensamos en facer un esforzo para devolverlles algo despois de todo o que lles pedimos", di a deputada

Os espazos públicos de calidade foron unha prioridade para área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo neste ano marcado pola crise do coronavirus. No concello de Barreiros, o departamento de Mónica Freire cofinanciou a creación dunha pista de skate na parte traseira do teleclub de San Cosme. Instaláronse módulos e rampas que permiten facer skate dunha forma máis segura neste espazo que xa era un punto de encontro para as mozas e mozos da vila

"A mocidade e os máis pequenos quedaron un pouco esquecidos coa pandemia da COVID-19 e pensamos en facer un esforzo, na medida das nosas posibilidades, para devolverlles algo despois de todo o que lles pedimos nestes meses", salienta a deputada provincial. Con esta intención, a área de Mocidade financiou a renovación completa do parque infantil de Trabada. Convertíndoo nun espazo máis seguro, agora cun peche para separar o parque dos coches, con xogos novos para nenos e nenas de ata nove anos de idade.  

Outra das actuacións da área de Medio Rural e Mocidade realizouse no patio do CEIP Antía Cal de Muras, onde se instalaron dameiros, solos, areeiros, cadeiras e bancos para mellorar os tempos de lecer do alumnado deste colexio rural. En Ribadeo, os traballos centráronse na ampliación do parque Rafael Fernández Cardoso,  moi empregado pola rapazada dada a súa ubicación, preto do instituto Dionisio Gamallo Fierros e da Escola de Oficial de Idiomas. Ademais de case duplicar a superficie do recinto, instaláronse novos elementos lúdicos, renovouse o pavimento e instalouse un valado de peche.

"Do confinamento quedounos clara a necesidade de desfrute e aproveitamento dos espazos de lecer. A idea da área de Mocidade foi por aquí, sempre desde as nosas capacidades, e baseándonos nas necesidades de cada concello", defende Mónica Freire, quen aposta por mellorar as vilas para a mocidade. "Non todos os cidadáns teñen o perfil para o que están deseñadas as cidades, que é un perfil masculino de idade media que ten coche e se move nel no día a día. Hai moita máis diversidade e hai que ter en conta esa heteroxeneidade para poder entender as necesidades", engade.

A Deputación de Lugo proxecta unha senda ciclable entre a praia dos Bloques de Ribadeo e o Faro da Illa Pancha que agardan ter rematada para a Semana Santa

No vial ata Illa Pancha, un "espazo emblemático" de Ribadeo, a área dirixida por Mónica Freire proxectou un carril bici e mais a implementación dunha serie de rúas como bici-rúas para crear así unha senda ciclable entre a praia dos Bloques e o Faro da Illa Pancha. "En Ribadeo é importante porque unimos isto ao comezo da senda do antigo tren mineiro, co que damos continuidade a un espazo que se utiliza moito", salienta Mónica Freire, quen apunta que a actuación contempla esa prioridade para as bicicletas na estrada cara a Illa Pancha. 

Isto será case un "proxecto piloto" das bici-rúas en Ribadeo, que a deputada agarda poder espallar a outras zonas da provincia. "Será unha proba para comprobar como funciona, pero cremos que vai saír moi ben", augura, despois do éxito de iniciativas como as "zonas cativas", que identifican con círculos de cores as proximidades dos centros escolares para aumentar a precaución dos condutores. A previsión pasa por comezar as obras a mediados de xaneiro, para poder ter todo listo na Semana Santa de 2022.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.