O proxecto ′O que non arde′, impulsado pola área do Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, que nunha primeira edición interpelou os concellos para fomento da prevención dos incendios forestais, céntrase agora en servir ″de apoio á xestión e mantemento das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, e das faixas laterais das vías de titularidade municipal, que se atopen dentro dos límites dos terreos titularidade de comunidades veciñais de montes en man común″.
″Queriamos chegar a máis beneficiarios, por iso nos diriximos ás comunidades de montes, xa que na provincia de Lugo hai máis de 920, sinala a deputada responsable da área de Medio Rural, Mónica Freire (BNG). ″Os comuneiros ao final son veciñas e veciños, polo que o abano de beneficiarios aos que podemos chegar se multiplica″, engade, pois entre obxectivos do plan está a intención de que se entenda o monte como un todo, e a prevención como a única vía para rematar cos lumes, máis alá da extinción.
"Entendemos que os animais nun monte veciñal son un ben fixo e queríamos premiar este tipo de actividades", salienta a deputada provincial
A solución tiña que ser sostible, desde a Deputación de Lugo non querían sacar outra liña de axudas para desbrozar e escolleron o silvopastoreo como alternativa ecolóxica. ″Entendemos que os animais nun monte veciñal son un ben fixo e queríamos premiar este tipo de actividades, algo que as comunidades de montes puideran ter e utilizar de forma recorrente para a prevención dos incendios. Por iso non limitamos en canto ao tipo de animas, pois sabemos que cada comunidade de montes ten a súa casuística″, explica Mónica Freire.
As comunidades de montes poden solicitar achegas ata o día 28 de outubro para pastoreo con gandería extensiva no ámbito de influencia das faixas de xestión de biomasa e nos laterais das vías municipais, así como para elaborar e regular plans de aproveitamento silvopastoril. ″Decatámonos de que soamente hai 15 comunidades de montes inscritas con estes plans de silvopastoreo e, se non o teñen, non poderán beneficiarse das axudas da PAC por terreos nos que se fai aproveitamento de pastos con gando a partir do ano que vén″, apunta a deputada.
"Cantas máis comunidades de montes o pidan mellor, porque significará que funciona e que estamos solucionando problemáticas reais", di a responsable de Medio Rural na Deputación
O que non arde, que se inspira no filme de Oliver Laxe O que arde, o filme en galego máis visto da historia nas salas de cinema, tamén ofrece a posibilidade de optar a axudas destinadas á investigación da propiedade ou á resolución de discrepancias catastrais, que repercutan na mellora organizativa e estrutural destas entidades de xestión en común da propiedade. En total, as achegas poden chegar, en función das accións para as que se soliciten, ata os 6.900 euros.
″A convocatoria saíu cunha cantidade inicial de 70.000 euros, pero somos sensibles a que se existe unha demanda real se poida ampliar. Co cal, cantas máis comunidades de montes o pidan mellor, porque significará que funciona e que estamos solucionando problemáticas reais″, salienta a responsable de Medio Rural no ente provincial.
Todas as as comunidades cuxos montes estean inscritos no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común poden inscribirse. No caso de arrendamento total ou parcial do monte, ou cesión parcial do mesmo para o seu aproveitamento individual por parte dalgúns comuneiros, para a realización dun aproveitamento de pastos por gando en extensivo, os arrendatarios e comuneiros poderán acollerse ao programa.
"Queremos intentar que a Xunta entenda que ten a obriga de dar apoio aos concellos na loita contra os lumes", di Mónica Freire
″Hai unha obriga, por parte dos concellos, a xestionar esas faixas de protección porque a Xunta o trasladou así nunha instrución aclaratoria da lei de prevención de incendios do ano 2007. Pero o que se omite desde a Xunta é a colaboración económica ou con recursos″, critica a deputada, quen lembra as grandes diferencias entre concellos para destacar que moitos non poden asumir este labor.
″Ao final, estamos diante dun debate social, pero tamén entre Administracións. Queremos intentar que a Xunta entenda que, se efectivamente a loita contra os lumes está entre as súas prioridades, a prevención é a base para que non haxa incendios e ten a obriga de dar eses apoios aos concellos. Nós asumímolo dentro das nosas posibilidades″, destaca Mónica Freire.