Á feira cun só clic: Son de Lugo xunta a produtoras agroalimentarias da provincia nunha tenda dixital

Presentación da plataforma Son de Lugo, con produtores participantes e a deputada de Medio Rural, Mónica Freire (5ª pola esquerda) © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-son-de-lugo-a1f740a.jpeg

Dos lácteos ao peixe, das carnes e embutidos ás verduras e á froita. Unha ducia de produtores únense en Son de Lugo para comercializar os seus produtos frescos 

Achegar aos pequenos produtores agroalimentarios da provincia de Lugo a calquera particular. Con esta intención nace Son de Lugo, unha plataforma de venda por internet que xurdiu das dificultades derivadas da pandemia e da determinación das pequenas empresas do agro lugués para que a calidade dos seus produtos estea ao alcance da xente, viva onde viva. ″Das nosas mans á túa casa″, aseguran.

Hortalizas, verduras e froita, lácteos e queixos, pescado, carne de porco e de tenreira, embutidos, legumes, especias, herbas aromáticas e infusións, viño e tamén cosmética. Todo isto nun mesmo sitio web, como ir de feira a golpe de clic. Faise un pedido e Son de Lugo garante que a entrega producirase nun máximo de 10 días na dirección indicada.

José Antonio Díaz, presidente da cooperativa A Carqueixa, coas súas vacas nos Ancares © Son de Lugo

″Incidiremos no recoñecemento do valor intrínseco dos proxectos de emprendemento agrogandeiro", sinala a responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo

A área de Medio Rural da Deputación de Lugo apostou pola difusión desta iniciativa e o peso recae na cooperativa A Carqueixa, que xestionará a xestión directa dos pedidos. ″Imos axudar na parte técnica co apoio dos nosos técnicos, pero sobre todo coa promoción″, di a responsable desta área, que tamén abrangue Mar e Mocidade, Mónica Freire. ″Incidiremos no recoñecemento do valor intrínseco dos proxectos de emprendemento agrogandeiro de carácter familiar, co fomento da diversificación produtiva en pequenas producións artesanais, tradicionais e manufacturas dos produtos primarios que permitan xerar ingresos por rendas complementarias á fronte das granxas, como punto de partida para obter un valor engadido que asegure unha renda xusta e digna polo seu traballo″, engade.

A Carqueixa suma 200 gandeiros e gandeiras dos Ancares, máis dunha vintena deles segue a practicar a transhumancia, un desprazamento estacional dos animais tan antigo coma os propios camiños. Presidida por José Antonio Díaz, esta cooperativa fundada en 1994 deu o paso cara a comercialización directa do seu produto en 2019 na procura dun prezo digno que recoñecese os valores da súa Ternera Galega Suprema e que axudase a fixar poboación na zona. Agora tamén lidera esta iniciativa aportando a súa experiencia acumulada.

"A xente ten que valorar que isto é un produto diferenciado", asegura Mario Rouco, de Céltico

En Son de Lugo pódese ir á carnicería e escoller pezas de vacún de A Carqueixa, pero tamén mercar o embutido por excelencia de Navia de Suarna, a androlla, os butelos da Montaña, chourizos, lombo, cecina, lingua ou panceta en Embutidos Suarna. E máis carne, neste caso de porcos celtas, en Céltico. ″A xente ten que valorar que isto é un produto diferenciado. O boca orella chegábanos, pero para medrar precisas máis opcións″, destaca Mario Rouco, impulsor de Céltico no concello de Muras.

Despois de cinco anos de andaina na granxa O Castro de Sianda aplicando a gandería extensiva, apostou en febreiro de 2020 por comercializar directamente os seus produtos. ″Somos partidarios de seguir neste tipo de liñas que son individualistas, que é moi difícil que che pidan moita carga, para non ter problema de aguantar os pedidos. Aínda que nós non só traballamos cos porcos que temos na nosa explotación, temos tres explotacións que son colaboradoras e seguen as mesmas indicacións da Asoporcel (Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta)″, explica Rouco, cuxos porcos celtas pasan a tarde nun bosque de carballos, bidueiros e castiñeiros da serra do Xistral.

En canto ao peixe, O almacén do peixe especialízase no pescado de ría e no bonito de Burela e en Novomar apostan pola pescada do pincho de Celeiro. Non en van, a empresa de Fernando Bouza está no propio Porto de Celeiro e lánzase á venda directa por internet con este proxecto ″porque agora é obrigado estar aí″. ″Xa reservamos unha parte do almacén para isto. Nós mercamos na lonxa, traémolo aquí e preparamos o pescado como nos diga o cliente, despois envasámolo ao baleiro con frío e sae por transporte urxente″, explica Bouza.

Terras da Mariña achega as fabas de Lourenzá e outros legumes e pronto se incorporará tamén Terras de Miranda, que vende sobre todo faba e pataca e xa contaba cunha tenda online pero ″isto é a maiores, para participar cos produtores da zona″. Así o explica Ana Fernández, responsable do departamento de márketing da empresa, que viu como o seu negocio se centraba moito na venda a particulares coa situación vivida no primeiro ano de pandemia. Tamén hai mel da aldea de Pena da Nogueira, grazas á participación de Alberto Uría e o seu El País del Abeyeiro.

"Moitas asociacións de produtores que nos fixeron chegar a problemática que estaban a vivir coa baixada de prezos e a diminución do consumo polo peche da hostalería", di a deputada 

No apartado de lácteos, de sobra recoñecidos, están os queixos da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Ulloa de Arqueixal, e mais os queixos San Simón da Costa de Don Gabino. O viño está a cargo de Proencia Adegas, unha empresa familiar que aposta pola uva Mencía e a DOP Ribeira Sacra. A parte das herbas e infusións lévana Chusa Expósito, Carmela Valiño e Anxos Orqueira, de Milhulloa, desde Palas de Rei. E a cosmética vén da man de Muuhulloa , a unión da Granxa Maruxa, en Monterroso, e Milhulloa que uniron forzas para lanzar a primeira cosmética ecolóxica galega elaborada con leite de vaca acabado de muxir.

″Durante a pandemia, pero sobre no confinamento, houbo moitas asociacións de produtores que nos fixeron chegar a problemática que estaban a vivir coa baixada de prezos e a diminución do consumo polo peche da hostalería. Cando nos presentaron este proxecto pensamos que encaixaba á perfección porque é algo que repercute directamente no prezo de venda, xa que non hai intermediarios co cliente. Ademais, é un bo escaparate para promocionar estes produtos″, asegura a deputada Mónica Freire.

O pescado fresco do Almacén do Peixe © Son de Lugo

"Para que o rural poida seguir vivo temos que coller todas as ferramentas que ao noso dispor", salienta Mónica Freire

A plataforma quere ser un escaparate para persoas que residen fóra de Galicia, mais tamén para quen aínda vivindo no país non ten acceso a estes produtos en concreto. Son de Lugo está baseado na escalabilidade, de tal maneira que irá medrando e adaptándose para ir respondendo ás necesidades no tempo, e mais na sostibilidade, pois busca o retorno das accións realizadas para convertelo en rendible.

O piar fundamental deste proxecto, segundo manifesta a deputada do BNG responsable de Medio Rural, é o deseño da estratexia de márketing atendendo a ″catro piares que farán que sexa rendible: a definición do produto, a importancia do prezo, a canle de distribución e a comunicación″.

″Hai que adaptarse ao século XXI e ás novas tecnoloxías e aproveitar tamén esta oportunidade. Hai que converter as debilidades e as amezas en fortalezas e en oportunidades. E para que o rural poida seguir vivo temos que coller todas as ferramentas que ao noso dispor (e se non as temos, implementalas). A venta online está, é unha realidade, e temos que ir cara aí tamén″, debulla Mónica Freire, que tamén defende as feiras e mercados tradicionais, de proximidade, e con canles curtas de distribución.

Caixa de produtos de Terras de Miranda © Son de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.