De volta aos balnearios tras o parón pola COVID, o Lugo Termal agarda "máis inscricións ca nunca"

Balneario que participa do programa Lugo Termal © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinoprende2-0b45877.jpeg

A Deputación de Lugo busca co Lugo Termal que lugueses e luguesas se acheguen aos balnearios da provincia, promovendo o benestar social e a reactivación económica do sector 

"Todo apunta que este ano haberá máis inscricións que nunca", celebra o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón. O programa Lugo Termal xurdiu no ano 2012 co obxectivo de "potenciar o benestar social e o envellecemento activo dos veciños e veciñas" da provincia, e, ao mesmo tempo, "impulsar o turismo termal como un atractivo para dinamizar a actividade económica". 

Interrompido polo inicio da pandemia da COVID-19, o Lugo Termal chega este ano a máis xente. "Ampliamos o número de prazas ata as 1.320 (1.000 na modalidade de estancia e 320 na modalidade sen estancia)", salienta o deputado provincial. "Abrimos o período de inscricións en agosto e xa temos as prazas case esgotadas. Xa se superaron as 500 solicitudes, a maioría ocupa dúas prazas".

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (2º esq.), e o deputado Pablo Rivera (1º der.) na visita ao balneario de Lugo coa alcaldesa da cidade © Deputación de Lugo

As augas termais son un recurso para mellorar a saúde, e afeccións de todo tipo, que se empregan dende a época dos romanos. "Os tres balnearios da provincia –o das termas no Balneario de Lugo, o de Augas Santas en Pantón e o de Río Pambre en Palas de Rei– contan con augas sulfuradas bicarbonatadas sódicas", explica Pablo Rivera Capón. 

Por iso, Lugo Termal é unha iniciativa que fomenta o benestar e o turismo. "A idea é aproveitar a rede de establecementos termais da provincia que empregan augas mineromedicinais con fins terapéuticos e preventivos para a saúde. O que fixemos foi facer estes espazos, e os seus tratamentos, accesibles á veciñanza por medio de descontos", apunta o deputado. 

"Lugo Termal permite que toda a veciñanza coñeza a rede de balnearios da provincia"

"Esta medida permite que toda a veciñanza, con independencia da súa idade, coñeza a rede de balnearios da provincia", conta Pablo Rivera Capón. "Non esquezamos que para participar, o solicitante deberá estar empadroado en calquera dos 67 concellos e ser maior de 50 anos, pero non é necesario que o seu acompañante cumpra estes requisitos".

Así, o programa Lugo Termal, que se desenvolve nos tres balnearios da provincia dotados de medios axeitados, augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde, é unha actividade que "favorece a autonomía dos maiores da provincia na medida na que promove o seu benestar". Pero tamén permite que os máis novos se acheguen a estes espazos.

Instalacións do balneario de Augas Santas en Pantón © Deputación de Lugo

O deputado provincial asegura que traballan "cun modelo público que pon no centro as persoas"

"Na Deputación temos unha amplísima rede pública de protección social coa que buscamos favorecer a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, a conciliación, e tamén o envellecemento activo, ademais de dinamizar a economía", lembra Rivera Capón.  

O deputado debulla que desta rede forman parte o Servizo de Teleasistencia 24 horas, a colaboración cos concellos para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e, como piar principal, os centros de atención a maiores. "Hoxe temos abertas seis residencias, en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro; acabamos de poñer en marcha a de Meira e o vindeiro ano estarán en funcionamento tamén as de Navia de Suarna e Ribas de Sil", sinala.

"Estes centros funcionan cun modelo público que pon no centro as persoas, favorecendo que se sintan como no seu fogar –engade–. De maneira paralela, pero dentro deste conxunto de políticas sociais, impulsamos iniciativas como o Lugo Termal, que é un programa para maiores, evidentemente, pero non só para eles, senón máis amplo", afirma o responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.