″Se me quitan isto, non podería estar soa na casa porque non estaría tan tranquila″. Berta Corredoira, de 82 anos de idade, é unha das usuarias do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria que ofrece a Deputación de Lugo de maneira gratuíta, a través da súa área de Promoción Económica e Social, a veciñas e veciños dos 67 concellos da provincia. Coa garantía de que recibirá axuda a calquera hora do día, todos os días do ano, esta veciña de Taboada logrou o seu obxectivo: seguir vivindo na súa casa de sempre.
A Deputación de Lugo conta con 1.795 prazas no Servizo de Teleasistencia a Domicilio, que de maneira gratuíta favorece a autonomía e a permanencia no seu entorno a maiores de 65 anos
″A miña filla quería que marchara con eles, pero eu estiven aquí toda a vida e quero estar na miña casa. Non estaban tranquilos se non tiña axuda, e agora que teño isto eles están máis tranquilos e eu tamén porque de noite, se me pasa algo e estou soa, toco o botón e aténdenme″. O dispositivo que ten instalado na casa está vinculado ao teléfono, conta cun pequeno mando remoto que debe levar sempre con ela para pulsar o botón en caso de necesidade: momento no que se activaría unha alarma e profesionais sociosanitarios tratarían de contactar con ela e, no caso de non lograr esa comunicación, avisarían ao servizo de emerxencias para que se achegue ao domicilio.
A Deputación de Lugo renovou este Servizo de Teleasistencia Domiciliaria en febreiro deste ano cun investimento de 560.000 euros ata o 2022 e un incremento do 20% na capacidade asistencial, chegando a 1.795 persoas. Está dirixido a maiores de 65 anos ″que por razón de idade, enfermidade, risco ou vulnerabilidade física, psíquica ou concorrencia de discapacidade″, precisen deste recurso para mellorar a súa calidade de vida e apoiar a permanencia no seu entorno habitual, sexan dependentes ou non.
Para Daniel Fernández, de 87 anos, a teleasistencia é ″un seguro″ para sentir que non está só. ″Hai uns dez anos que o teño, desde que me operaron dunha cadeira, e estou moi agradecido″, conta, ″voume defendendo porque para os anos que teño estou moi ben, pero axuda que te chamen para comprobar como vas″. Aparte da central de chamadas que a empresa adxudicataria, Atenzia, ten en Madrid, o servizo conta cunha coordinadora e un técnico que se desprazan pola provincia de Lugo e realizan un seguimento da situación destes maiores.
"A miña filla quería que marchara con eles, pero eu quero estar na miña casa. Agora que teño isto eles están máis tranquilos e eu tamén", di Berta Corredoira
″Grazas a esta iniciativa, os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade, pois saben que, a pesar de ter dificultades ou vivir sos, contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia″, defendeu o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, despois de que a Xunta de Goberno da Deputación aprobase esta adxudicación. Rivera sostivo que esta prestación, xunto a outras iniciativas coordinadas desde a súa área, ″son parte da rede de protección social que creamos para contribuír á igualdade de oportunidades e suplir a deixadez de funcións da Administración que ten as competencias en materia social e laboral, a Xunta de Galicia″.
No confinamento, un dos momentos nos que as persoas maiores se sentiron máis soas pola imposibilidade de recibir visitas, as chamadas do persoal sociosanitario para comprobar o seu estado e se precisaban algún tipo de axuda foron de grande utilidade. Berta Corredoira conta que aínda que falaba coa familia, estas conversas axudárona ″a estar máis tranquila″. ″Facíame dano ver tanta cousa na televisión″, recoñece, ″e o que fixen foi escoitar moita música na casa″.
Desde o mes de marzo, a Deputación intensificou a comunicación coas 1.302 persoas maiores que nestes momentos están a empregar a teleasistencia en Lugo. ″Queremos que os nosos maiores non se sintan sós, teñan a información necesaria sobre esta nova enfermidade e saiban que deben facer no caso de sentir algún dos síntomas″, trasladou o presidente do ente provincial, José Tomé.
Aparte de facilitar recomendacións de hixiene e protección aos usuarios, levan a cabo ″un seguimento específico″ no caso de que usuarios deste servizo tiveran que realizar a proba do coronavirus e segue un ″un protocolo de seguimento especial″ durante os illamentos e se aparece un caso positivo de COVID-19. ″Chamaban con moita frecuencia para recordarme as normas e pedirme que saíra da casa o menos posible. Fun facéndoo e de momento estou ben, non noto nada de nada″, apunta Daniel Fernández.
"Chamaban con moita frecuencia para recordarme as normas e pedirme que saíra da casa o menos posible", conta Daniel Fernández
″Por unha urxencia nunca tiven que chamar, pero eles contactan comigo seguido para ver como sigo e se necesito algo. Hai pouco comprobamos de novo que todo funciona ben e veu o técnico á casa″, salienta Fernández desde a cidade de Lugo. Hai 23 anos que vive só e conta cunha ″pensión reducida″, mais celebra poder permanecer na súa casa. ″Antes, como estaba soa, tiña unha preocupación e estaba algo nerviosa, pero agora con isto estou relaxada. Durmo tranquila, como teño o aparato na mesa de noite parece que teño compañía″, di Corredoira.
Coas dificultades que supón a autonomía para as persoas de maior idade, este servizo facilita a permanencia e a integración no entorno familiar e social, sobre todo das que viven no rural. No novo contrato, a Deputación incluíu dispositivos periféricos vinculados ao terminal de teleasistencia como detectores de caídas, de gas, de fumes, de movemento e de presencia; e ata 48 terminais de ″teleasistencia móbil″ que contan cun sistema de xeolocalización e monitorización, para a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria. Ademais, incorporaron aparatos máis accesibles para persoas con dificultades de comunicación verbal ou auditiva.