Galicia, no 'podio' de persoas dependentes sen atender

Atención a unha persoa dependente CC-BY-SA Asociación Sarela

Unha "aplicación efectiva da Lei de Dependencia". Unha redución "en dous terzos do tempo de tramitación" para "compatibilizar a atención ás persoas máis castigadas cun uso racional dos recursos". "Vamos blindar os servizos públicos; na educación, máis educación; en sanidade, máis asanidade, en servizos sociais, máis servizos sociais; en dependencia, máis dependencia". Son algunhas das frases máis repetidas dende o Goberno galego a respecto da súa aposta pola atención ás persosa dependentes, palabras que, no caso do presidente da Xunta, adoitan vir acompañadas cunha comparación coas demais autonomías na que, a xuízo do Executivo, Galicia sae gañando. Fronte a este optimismo oficial o Tribunal de Cuentas vén de facer público o seu informe de fiscalización sobre o control da Lei da Dependencia e revela, entre outros datos, que Galicia ocupa un posto nun podio nada honroso: o das persoas dependentes sen atender.

Segundo o organismo fiscalizador con data de 31 de decembro de 2013 había en Galicia, segundo datos da propia Xunta, un total de 56.835 persoas que xa recibiran cadanseu ditame favorable para accederen a unha prestación derivada da Lei de Dependencia, xa sexa económica ou de servizo -unha praza nunha residencia ou nun centro de día, por exemplo-. Destas, máis de 18.000 permanecían no que se dá en chamar "limbo da dependencia". Así as cousas, máis do 31% das persoas dependentes cuxa necesidade está acreditada están a agardar por que a Consellería de Benestar realice a devandita "aplicación efectiva" da lei.

A finais de 2013 estaban a agardar máis de 18.000 persoas dependentes

As táboas comparativas incluídas no informe de Cuentas revelan que, no momento da elaboración desta fiscalización, ese 31% situaba a Galicia como a terceira comunidade con maior porcentaxe de dependentes sen atender, por tras de Canarias (52,74%) e a Región de Murcia (39,27%). Non obstante, o resultado galego é peor. O goberno rexional murciano, informa Cuentas, ten "suspendida" a incorporación de datos ás bases estatais e na fase de alegacións informou de que non lle corresponde o 39,27%, senón que ten agardando o "20% das persoas dependentes con dereito a prestación". Isto implicaría que a Xunta é o goberno autonómico co segundo peor resultado.

Tras as alegacións de Murcia o resultado galego é o segundo peor do Estado

Esta preocupante radiografía é o lado escuro doutras cifras habitualmente máis publicitadas, os prazos medios de recoñecemento da prestación, isto é, o tempo transcorrido dende que unha persoa solicita a axuda e a Xunta lle responde que ten dereito a ela. Neste caso Galicia está nos postos de cabeza xa que, con 90 días de media, só unha autonomía, La Rioja, responde máis rapidamente -faino en 86 días de media-. Ademais, segundo recolle o Tribunal de Cuentas, tomando como mostra o primeiro cuadrimestre de 2013 unicamente foron tramitados fóra de prazo 7 de expedientes, cun atraso de 45 días sobre os 6 meses que marca a normativa vixente.

O financiamento

Os recursos propios da Xunta para financiar a dependencia son o 27% do total

A fiscalización do Tribunal de Cuentas detense tamén no financiamento da atención á dependencia nos diferentes territorios do Estado e contrasta, tamén neste punto, con algúns argumentarios oficiais. O tribunal aprecia "unha gran disparidade entre as comunidades autónomas" no que atinxe ao "peso relativo das achegas no financiamento da dependencia". Así, por exemplo, as autonomías que "maiores recursos propios destinan á dependencia" son Madrid, Extremadura e Castilla La Mancha, "atopándose no caso contrario Andalucía, Galicia e a Región de Murcia". Do mesmo xeito, especifica, "as autonomías que maiores recursos propios destinan á dependencia e cuxa orixe non procede de fondos transferidos polo Estado son Madrid, Extremadura e Castilla-La Mancha". Galicia, di, está "no outro extremo".

Tomando neste caso como como referencia o exercicio económico do ano 2012 Cuentas explica que, dos máis de 300 millóns de euros que supuxo a Lei de Dependencia en Galicia, o 25,73% chegou dende o IMSERSO e o 46,79%, dos recursos adicionais inxectados polo Estado en función da lei 22/2009. Os recursos da autonomía, neste caso, pesan só un 27,48% que contrasta, por exemplo, co 73% de Madrid, o 63% de Extremadura ou o 60% de Castilla-La Mancha.

As achegas de recursos propios por parte das autonomías está ligadas, en maior ou menor medida, coa imposición de copagamentos. No caso galego as taxas ás que teñen que facer fronte as persoas usuarias do sistema de atención á dependencia afectan, esencialmente, a "servizos residenciais e de atención diurna ou nocturna, servizos de atención a domicilio e teleasistencia". De novo tomando como referencia 2012 a Xunta ingresou uns 12 millóns de euros por estes copagamentos.

Atención a unha persoa dependente CC-BY-SA Asociación Sarela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.