Xunta e Deputación de Lugo lanzan bonos de desconto para fomentar as compras no pequeno comercio

Presentación do Bono Impulso da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Dende este luns poden descargarse os cupóns de desconto do programa Bono Activa Comercio, posto en marcha pola Xunta

O comercio, especialmente o local e de pequeno tamaño, leva máis dun ano sufrindo a limitación da actividade económica provocada pola pandemia. Neste momento, cando a sociedade busca deixar atrás os peores efectos da enfermidade e camiñar cara a unha certa recuperación da normalidade, as distintas administracións están a poñer en marcha iniciativas para impulsar o consumo no comercio local, especialmente a través de bonos de desconto para a cidadanía. 

Ás iniciativas de Xunta (que tamén puxo en marcha un bono turístico) e deputacións únense as lanzadas por concellos como Ames (que hai uns días pechou a súa primeira fase da campaña de tarxetas bono Merc@mes) e outros.

30 euros de desconto no Bono Activa Comercio

Dende este luns poden descargarse os cupóns de desconto do programa Bono Activa Comercio, posto en marcha pola Xunta. As persoas interesadas en beneficiarse destes bonos deben primeiro rexistrarse na web do programa e posteriormente descargar os cupóns nos seus teléfonos móbiles. A partir do 15 de maio poderán gastalos na listaxe de comercios adheridos á iniciativa (máis de 2.500 en toda Galicia, pero os establecementos poden inscribirse ata ese 15 de maio).

Imaxe do Bono Activa Comercio © Xunta

Os bonos ofrecerán un desconto máximo de 30 euros en función do valor da compra

Os bonos ofrecerán un desconto máximo de 30 euros en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5 euros, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros correspóndelles un desconto de 10 euros. O período de validez dos bonos será de tres meses desde o seu lanzamento e en cada comercio poderanse cambiar ata un máximo de 5.000 euros en descontos. 

Tal e como xa se informara, non se terán en conta os ingresos das persoas beneficiarias, pero si será obrigatorio que as persoas interesadas teñan un teléfono móbil e xestionen con e os bonos. O obxectivo da Xunta é que os bonos, cunha achega total de 10 millóns de euros, cheguen a 330.000 persoas e mobilicen ao redor de 55 millón de euros no comercio de proximidade.

17.000 bonos nominativos de 30 euros en Lugo

Pola súa banda, o Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou este luns as bases do programa Bonos Impulso, que busca xerar actividade no pequeno comercio. Poden adherirse todos os establecementos da provincia, incluídos os locais de hospedaxe. Porén, non se poderá participar para canxear lotaría, bebidas alcohólicas non alimentarias nin tabaco. 

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou este luns as bases do programa Bonos Impulso, que busca xerar actividade no pequeno comercio. Poden adherirse todos os establecementos da provincia, incluídos os locais de hospedaxe

Unha vez se coñezan os locais participantes, abrirase o prazo para que a veciñanza interesada solicite o seu Bono Impulso, que deberá gastar nos locais adheridos do concello no que resida. A institución provincial repartirá 17.000 bonos nominativos de 30 euros á cidadanía, que terán “efecto multiplicador nos negocios", destaca a Deputación, pois para poder usalos haberá que realizar unha compra ou unha consumición mínima de 60 euros.

O Presidente da Deputación, José Tomé, subliña que os bonos “son un incentivo para apoiar ás empresas, pero tamén ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”. Tomé engade que “unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles, sabémolo, por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida”. O ente provincial, que achega un investimento total de 1,5 millóns de euros, establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. 

A Deputación da Coruña aprobou este luns o pagamento das 100 primeiras axudas do plan PEL-REACTIVA 2 © Deputación da Coruña

Deputación da Coruña: axudas directas a hostalaría e axencias de viaxe

A Deputación da Coruña activou este luns un plan de 9 millóns de euros en axudas directas á hostalaría e as axencias de viaxes de concellos de menos de 50.000 habitantes

Mentres, a Deputación da Coruña activou este luns un plan de 9 millóns de euros en axudas directas á hostalaría e as axencias de viaxes de concellos de menos de 50.000 habitantes, dous dos sectores máis afectados pola pandemia. As axudas teñen unha contía fixa de 1.500 euros por persoa ou entidade beneficiaria e distribúense por orde de solicitude ata o esgotamento do crédito. Nas primeiras horas de activación deste plan, na mañá deste luns, rexistráronse 812 solicitudes e xestionáronse xa un cento delas.

A Deputación reserva outros 3 millóns de euros nos seus orzamentos para apoiar programas similares de apoio a estes sectores que impulsen as grandes cidades. As axudas súmanse aos 12,5 millóns xa concedidos no marco do programa PEL-Reactiva, impulsado pola Deputación en colaboracións con concellos coruñeses, que apoiou a máis de 5.000 autónomos e microempresas de diferentes sectores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.