O Goberno galego esixirá ter un móbil no que descargar unha aplicación para obter un dos 330.000 bonos de 30 euros que repartirá para rebaixar o 20% as compras en pequenos establecementos
Unha semana despois de anunciar que a Xunta subvencionará vacacións repartindo entre a cidadanía bonos para establecementos turísticos nos que o 60% do importe correrá por conta das arcas públicas e o 40% da persoa beneficiaria, este xoves o presidente Feijóo informou doutra medida similar agora dirixida ao comercio local. Neste caso o Goberno galego repartirá uns 10 millóns de euros en 330.000 bonos de 30 euros cada un cos que rebaixar nun 20% as compras en pequenos establecementos, subvencións nas que non terá en conta os ingresos das persoas que as soliciten pero si que esixirá que dispoñan dun teléfono móbil no que descargar unha aplicación a través da que se xestionarán os descontos.
Hai unha década o PP criticaba ao bipartito que o "café para todos" das axudas xeralizadas como os libros de texto gratuítos tamén beneficiaba ás "rendas altas"
Hai unha década o PP criticaba axudas xeralizadas como a dos libros de texto gratuítos que a Xunta de PSdeG e BNG implantara e que os populares reverteron asegurando que o “café para todos” era inxusto porque tamén beneficiaba ás “rendas altas”. Este xoves Feijóo foi preguntado expresamente se a Xunta vai establecer algún requisito de renda para repartir os bonos de desconto no comercio ou se estes tamén poden ser para persoas de “renda elevada”. O presidente respondeu que o único que se esixirá aos solicitantes será a súa identidade, enderezo, data de nacemento, teléfono e un correo electrónico.
Os bonos desconto para o comercio local sen atender á renda das persoas beneficiarias que agora porá en marcha a Xunta serán similares a outros que xa veñen repartindo concellos de toda cor política por toda Galicia. Porén, no seu caso o Goberno galego esixirá que os interesados dispoñan dun teléfono móbil con características suficientes como para poder descargar unha aplicación a través da que se xestionará a subvención e recoñecer códigos QR nos establecementos adheridos.
Á espera de que a Xunta concrete o funcionamento dos bonos, o que avanzou este xoves o presidente é que permitirán descontar ata o 20% do valor da compra, de xeito, exemplificou, que en compras de 50 euros o bono permitirá pagar 10 euros, pero en compras de 30 euros, dixo, o desconto sería de 5 euros. Feijóo tamén indicou que os bonos terán unha validez de só tres meses e deberán gastarse antes do 30 de xuño. Segundo dixo, os 10 millóns de euros públicos que a Xunta destina aos bonos permitirían “unha mobilización total de 55 millóns de euros”.