O 2020 foi un ano nefasto para o comercio local, ao igual que para outros sectores. O confinamento da pasada primavera e as limitacións introducidas noutros momentos prexudicaron a súa actividade e a difícil situación económica que comezan a vivir moitas persoas, así coma a incerteza xeral sobre o futuro inmediato, está a provocar un descenso nas compras, que estes establecementos tamén están a notar.
O 2020 foi un ano nefasto para o comercio local. O comercio polo miúdo en Galicia acumula un descenso na súa do 4,1% na súa cifra de negocio ata o mes de novembro
Así o amosan as estatísticas xerais do comercio polo miúdo en Galicia, que acumula un descenso na súa do 4,1% na súa cifra de negocio ata o mes de novembro (no conxunto do Estado a caída é máis do dobre: -8,6%). Os meses de marzo, abril e maio presentaron caídas moi importantes que a recuperación experimentada entre xuño e outubro reverteu só en parte. Novembro, coincidindo coa segunda onda da pandemia, volveu empeorar os rexistros e as perspectivas para este Nadal (mes no que se concentra unha parte importante da facturación anual de moitos comercios) non son boas.
Ao negativo contexto xeral únese a crecente competencia de xigantes como Amazon, AliExpress e outras plataformas de distribución, que durante os últimos meses estenderon o seu negocio aproveitando o incremento das vendas online, nas que o comercio local está comezando a operar, pero nunha posición de clara desvantaxe.
Nesta situación, as entidades que agrupan ao comercio local de moitas zonas de Galicia puxeron en marcha nas últimas semanas varias iniciativas de promoción coa que buscan atraer consumidores e consumidoras, subliñando a importancia de apoiar o tecido comercial de cada lugar, garantía do sostemento da economía en moitas cidades, vilas e concellos pequenos.
As entidades que agrupan ao comercio local de moitas zonas de Galicia puxeron en marcha nas últimas semanas varias iniciativas de promoción coa que buscan atraer consumidores e consumidoras
Unha desas iniciativas son os Días Azuis do comercio galego, impulsada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, que inclúe (entre as persoas que mercaran no comercio local) o sorteo de 16.200 euros en premios a través de tarxetas pre-pagamento de 150 e 300 euros que deberán ser empregadas para volver mercar en establecementos tradicionais galegos. Outra é Lugo é Capital, lanzada polo Concello de Lugo co apoio da Federación Galega de Comercio e centrada nos establecementos da cidade lucense, con actividades promocionais, bonos-regalo.
Falamos con José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, sobre a situación do sector no remate deste ano 2020 marcado pola pandemia, as expectativas de cara á campaña de Nadal e ao vindeiro ano 2021.
O ano 2021 será máis negativo que o 2020. Hai que devolver os créditos que se pediron, hai que comezar a pagar os aprazamentos de pagamento que houbo, hai que recoller o persoal que está nos ERTE e todo isto implica uns gastos moi importantes
Como se presenta a campaña de Nadal? Está a servir ou servirá para recuperar parte do perdido durante os últimos meses?
É o final dun ano moi malo. Estivemos moitos meses pechados, despois veu a reapertura e a cousa volveu subir un pouquiño pero despois a situación volveu empeorar. En relación ao ano pasado o comercio minorista galego estamos perdendo un 5,8% dos ingresos. O Black Friday tampouco serviu porque achegou moi pouco e mesmo de cara ao Nadal as vendas están sendo moi contidas. Está a ser un ano moi difícil e vai ter as súas consecuencias nos vindeiros meses.
Cales poden ser esas consecuencias? Como se presenta o inicio do ano 2021? Haberá moitos negocios que non poidan resistir?
O peor vai vir no ano 2021, que será máis negativo que o 2020. Isto é así porque hai que devolver os créditos que se pediron, hai que comezar a pagar os aprazamentos de pagamento que houbo, hai que recoller o persoal que está nos ERTE e todo isto implica unha cantidade de gastos moi importante. E tal como están sendo agora mesmo as vendas moitos comercios non van poder enfrontar, porque non están tendo ingresos suficientes. Polo tanto, hai moitos comercios que van ter que pechar a persiana para non volver abrila.
"Non necesitamos máis créditos e empréstitos, necesítanse axudas directas ou a supresión de determinados impostos"
Que lle pedides ás distintas administracións? Que medidas poderían axudar ao pequeno comercio?
Non necesitamos máis créditos e empréstitos, necesítanse axudas directas ou a supresión de determinados impostos. E, ademais, necesitamos rematar coa incerteza que existe na sociedade. As nosas tendas están cheas de produtos e o que queremos é darlles saída. Doutro xeito, non poderemos facer fronte á situación.
"Hai moita inseguridade e desconfianza, hai moita xente que está en ERTE e que non sabe se vai poder volver e manter o seu emprego. E iso provoca un retraemento nas compras que afecta ao comercio"
A xente pensa dúas veces antes de facer un gasto importante polo que poida vir no futuro inmediato?
Hai moita inseguridade e desconfianza, hai moita xente que está en ERTE e que non sabe se vai poder volver e manter o seu emprego, hai xente sen ingresos. E iso provoca un retraemento nas compras que afecta ao comercio, como tamén afecta á hostalaría e a outros negocios.
Outro factor que inflúe na diminución das vendas é que a xente ten medo de ir aos comercios, pola posibilidade de que haxa aglomeracións e o perigo de contaxios. Os comercios cumprimos totalmente a normativa e as recomendacións das autoridades sanitarias e a proba é que aquí non se orixinaron gromos nin houbo contaxios nas tendas. Polo tanto a xente pode estar tranquila e pode entrar o mesmo a mirar que a comprar sen risco.
"O comercio ten un peso moi importante no PIB de calquera localidade. Se o comercio se destrúe, destrúese a economía local"
As compradoras e compradores están concienciadas da importancia de mercar no comercio local, como unha forma de soster a economía da súa veciñanza?
O comercio ten un peso moi importante no PIB de calquera localidade. Se o comercio se destrúe, destrúese a economía local, dende logo. O consumidor está moi sensibilizado coa necesidade de apoiar ao pequeno comercio, ao comercio local. O que pasa é que é unha compra pequena, non chega ás cifras doutros anos, porque a xente se coida moito de gastar de máis polo que poida vir por diante o vindeiro ano.
"Os comerciantes temos que subirnos á venda por Internet, que é o que está en auxe. Ten que haber unha plataforma moi forte na que todo o comercio local poidamos estar unidos para poder facer fronte a eses grandes monstros cos que temos que competir"
Notades o efecto crecente da competencia de Amazon e outras plataformas? Como pode o comercio local competir no mercado da venda online, que non vai deixar de medrar?
Os comerciantes temos que subirnos á venda por Internet, que é o que está en auxe agora mesmo, e polo tanto aí temos que estar. Dende a Federación lanzamos a plataforma comerciogalicia.es, que está funcionando moi ben.
O que se está facendo mal é que todo o mundo monta a súa plataforma: cada concello, cada deputación..., ao final o resultado é que uns aos outros nos estamos facendo a competencia. O que ten que haber é unha plataforma moi forte na que todo o comercio local poidamos estar unidos para poder facer fronte a eses grandes monstros cos que temos que competir.
"Non sei se Amazon paga todos os impostos que ten que pagar, pero dende logo non repercuten nas nosas localidades"
É posible competir de igual a igual con Amazon?
É impensable competir con Amazon e outras plataformas, pois eles contan cunha serie de vantaxes. Para empezar, nós pagamos aquí todos os nosos impostos. Non sei se Amazon paga todo o que ten que pagar, pero dende logo iso non repercute nas nosas localidades. Nós temos que ofrecer o mellor servizo e as máximas facilidades. E a iso sumarlle o noso valor: a calidade do produto, o coñecemento, a relación co cliente, a proximidade.