Este venres chega o Black Friday, unha xornada de rebaixas e descontos que foi incorporada de forma moi recente no noso país procedente dos Estados Unidos, onde se celebra ao día seguinte do Día de Acción de Grazas. En realidade, hai comercios que estenden venres negro durante varios días, engadíndose ademais o luns seguinte o coñecido como ciber monday, con reducións de prezos nas compras online. Dende hai un tempo o pequeno comercio vén alertando do prexuízo que lles provoca o Black Friday, que as grandes cadeas utilizan como ferramenta para atraer clientes e moitas veces para desfacerse de inventario de tempadas anteriores. Ademais, critican o dano que estas rebaixas provocan na importante campaña de compra de Nadal.
Dende hai un tempo o pequeno comercio vén alertando do prexuízo que lles provoca o Black Friday
Nas últimas semanas as asociacións de comerciantes da Mariña levaron a cabo accións para concienciar a poboación sobre a importancia que o comercio local ten para a economía das vilas nas que se asenta. E tamén o Concello de Pontevedra lanzou a campaña Namorados dos días de cores para contrarrestar os efectos do Black Friday.
No Salnés as tendas locais de Vilagarcía e Cambados tamén puxeron en marcha unha campaña para sensibilizar os e as habitantes destes concellos sobre as vantaxes de mercar no comercio polo miúdo, pechando os establecementos e apagando as súas luces, con mensaxes como "imaxina un pobo sen comercio", "ti fas posible o comercio local" ou "xuntos conseguiremos que o comercio teña vida".
As tendas do centro de Vilagarcía pecharon para alertar do efecto que tería a desaparición do comercio local | Zona Aberta
Esta semana, ademais, os establecementos asociados á Asociación de Comerciantes de Cambados e á Asociación de Comerciantes Zona Aberta de Vilagarcía posicionáronse de forma rotunda contra o Venres Negro, anunciando que non participarán nesta xornada de rebaixas e colocando carteis nos que se le: "Porque cremos en ti, que mercaches onte e o farás mañá, por todo iso non ao Black Friday".
Alerta de que "a desaparición do pequeno comercio crearía un efecto dominó con outros sectores como a hostalaría", provocando "a desertización do centro urbano" e "un gran impacto económico"
Zona Aberta destaca os efectos prexudiciais do Black Friday para a campaña de nadal que se inicia inmediatamente despois e cualifica a iniciativa de "falta de respecto" para as persoas que realizan as súas compras ao longo de todo o ano. Lembra, ademais, que xa hai unha tempada de rebaixas establecida (nomeadamente a partir de xaneiro e no verán) e lembra que nos Estados Unidos a existencia do Black Friday ten sentido porque non existen outros períodos de rebaixas. A entidade pide a concienciación e a colaboracións da clientela á que lle demanda que siga confiando "nas tendas de toda a vida".
A asociación subliña "a importancia do pequeno comercio na vida dos distintos concellos da comarca". "Hai que lembrar as bondades dun sector que aluma a nosa cidade todas as noites e mantén bonitas nosas rúas todo o día", destaca e alerta de que "a desaparición do pequeno comercio crearía un efecto dominó con outros sectores como a hostalaría", provocando "a desertización do centro urbano" e "un gran impacto económico".
Acción levada a cabo polo comercio local de Vilagarcía | Zona Aberta