“Sen comercio local non hai vida”. Ese é o lema elixido para a protesta que o comercio local de Ourense levou a cabo neste mércores 20, no que moitos establecementos pecharon as súas portas e apagaron as súas luces pola tarde; e os seus propietarios, traballadores e cidadanía en xeral participaron na concentración que percorreu as rúas do centro da capital.
Foi a Federación Provincial de Comercio de Ourense (FCO) quen convocou os locais ao peche, nunha iniciativa que callou principalmente na capital pero que se estendeu pola maioría de comarcas e vilas. “Apoia o teu comercio local”, din tamén os carteis que adornan xa boa parte dos escaparates dos establecementos que secundan a protesta, que rematou na Praza Maior con arredor dun milleiro de persoas.
O obxectivo é “facerlles ver á cidadanía e ás administracións que ocorrería se o comercio desaparecese"
Un dos obxectivos, como ocorreu nunha mobilización semellante celebrada na Mariña hai tan só uns meses, era o de “facerlles ver á cidadanía e ás administracións públicas que ocorrería se o comercio chegase a desaparecer”. Segundo a FCO, o comercio local da cidade e da provincia atópase “nas súas horas máis baixas” e piden ás institucións que actúen xa.
Os datos son claros. Atendendo ás estatísticas achegadas polo IGE, o número de traballadores afiliados á Seguridade Social no sector do pequeno comercio na provincia de Ourense situouse en xaneiro deste ano en 10.680 persoas, case 300 menos que a media de cotizantes en todo 2018, case 500 menos que en 2017 e 600 por baixo de 2016.
No caso do emprego por conta propia no sector, a evolución é tamén negativa. O número de afiliados autónomos no pequeno comercio no pasado xaneiro na provincia quedou en 3.659, fronte aos 3.747 de media do pasado ano. Son, tamén, 420 menos que os de hai tres anos. Ademais, os peches de establecementos foron constantes nos últimos tempos.
O número de traballadores no pequeno comercio en Ourense baixou en 600 en tres anos; o de autónomos, en 420
Para a FCO, son varias as causas que provocan que o comercio local estea “agonizando e pouco a pouco desaparecendo da vilas e cidades”: uns impostos locais que consideran “excesivos”, a suba continua da cota de autónomos ou a “desregularización das rebaixas desde hai uns anos, algo que só favorece ás grandes cadeas”. Ademais, piden “regularización” para a venda ambulante de manteros nalgunhas localidades.
A federación comercial cre que é “hora de dar un golpe na mesa” para facerlles ver ás administracións que “o comercio local é un dos maiores xeradores de riqueza das cidades, que xera postos de traballo, que dá seguridade nas rúas e crea movemento”. “Sen comercio local non hai vida”, insiste.
A Federación de Comercio sinala os impostos locais "excesivos", a suba da cota dos autónomos ou a desregularización das rebaixas como principais causas da situación
Ademais de solucións ás causas que os comerciantes consideran fundamentais, desde a FCO tamén se pide un gravame do 20% ás vendas online e que repercuta no Concello desde o cal se realiza a compra", así como "plans específicos de revitalización do comercio nos barrios e zonas afastadas do centro, onde case a metade dos locais comerciais están baleiros co impacto negativo que isto supón para os propietarios e para a imaxe e a vida das vías públicas".
“Sen nós a cidade paralízase e todos perden, desde os concellos que deixan de cobrar os seus impostas ata as familias que perden o emprego, pasando polos propietarios que deixan de cobrar o seu alugueiro ou a propia Seguridade Social”, conclúe a Federación.