Ribadeo crea a súa propia moeda, a 'Pancha', para apoiar o comercio local

As 'panchas' poderán usarse entre o 5 de abril e o 5 de maio © Concello de Ribadeo

Ribadeo terá a partir desta semana a súa propia moeda, a Pancha, dentro dunha iniciativa do Concello e de Acisa (Asociación de Comerciantes, Industriais, Serviczos e Autónomos de Ribadeo) para apoiar o comercio polo miúdo. A partir deste xoves poderán canxearse nas oficinas de Abanca, obtendo 40 panchas por cada 30 euros entregados, como incentivo para gastar eses cartos en compras nas tendas de proximidades. Posteriormente, as panchas poderán usarse entre o 5 de abril e o 5 de maio en todos os comercios que se adhiran á campaña.

A partir deste xoves poderán canxearse, obtendo 40 panchas por cada 30 euros entregados

En total, haberá 1.000 packs de 40 panchas para os cidadáns e cidadás de Ribadeo que queiran cambialos. De momento son xa 50 os establecementos que participarán na iniciativa e espérase que nos vindeiros días se incorporen máis, ata sumar un número maior.

Nos últimos meses, o comercio local de Ribadeo e de toda a Mariña lucense puxo en marcha distintas iniciativas para subliñar a complicada situación polo que atravesa o comercio polo miudo ante a presión das grandes superficies, as grandes cadeas e as compas por Internet. En novembro as tendas da Mariña apagaron as súas luces para amosar como sería unha vila sen comercio local, facendo fincapé na importancia económica e social que o comercio de proximidade ten para o desenvolvemento das vilas nas que se asenta.

 "Hai que ter ollo co que facemos, co que fomentamos, coas decisións que se toman a nivel particular e por parte das administracións públicas. Todos somos partes da roda e todos temos que axudarlle a andar á roda”, dicía hai uns meses José Carlos Paleo, presidente da Federación de Comercio A Mariña.

As 'panchas' poden cambiarse dende este xoves CC-BY-SA Acisa

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.