"As cifras non menten, as grandes superficies xeran practicamente a metade dos empregos que destrúen", así falaba Miguel Agromayor, presidente da Federación Provincial de Comercio da Coruña, ao remate da manifestación que en 2010 convocou o pequeno comercio da cidade herculina. Protestaban polo prexuízo que lles estaba provocando a sucesiva apertura dun gran número de grandes superficies na cidade, denunciando que estes complexos crearan menos de tres mil empregos, pero provocaran a perda -nos seus cálculos- de case oito mil.
Galicia conta con máis de corenta grandes superficies comerciais, moitas delas abertas nos últimos anos, inmediatamente antes do inicio da crise económica, ou mesmo durante os seus peores anos. Algunha xa tivo que pechar, coma o caso de Dolce Vita, precisamente na Coruña, pero a peor parte levouna o sector do pequeno comercio, que efectivamente viu moi comprometida a súa supervivencia. Alén das estimacións concretas realizadas pola Federación Provincial de Comercio da Coruña, diversos estudos teñen constatado os efectos negativos sobre a economía local e o emprego destas grandes superficies. O informe Good Neighbours? Community impacts of supermarkets, elaborado por Friends of Earth, calculou en 2005 que o 50% do que gastamos en pequenos comercios retorna á economía local mentres que a taxa de retorno do gasto nas grandes superficies é do 5%. Tamén sinalaba que a apertura de grandes superficies non só non xeraba máis emprego nunha comunidade, senón que o efecto sobre o emprego, a medio e longo prazo, era negativo.
2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | |
---|---|---|---|---|---|---|
Comercios | 62.268 | 60.048 | 58.965 | 57.841 | 58.319 | 56.851 |
Empregos | 194.551 | 185.705 | 186.243 | 181.781 | 178.381 | 173.938 |
Volume de negocio | 40.354.106 | 36.800.942 | 39.098.390 | 40.274.038 | 38.992.420 | 38.340.151 |
Número de comercios, empregos no sector e volume de negocio total en Galicia. Fonte: INE
Dende o 2008 ata o 2013 (último ano con datos completos na Enquisa Anual de Comercio do INE) pecharon case 5.500 comercios en Galicia, perdéndose máis de vinte mil empregos. A caída semella terse freado no 2014, pero as vendas seguen estancadas. Dende o pequeno comercio e os grupos da oposición sinálase o efecto provocado pola proliferación de grandes superficies comerciais. En 2013 AGE presentou no Parlamento unha proposición non de lei encamiñada a regular a instalación e desenvolvemento das grandes superficies comerciais e, máis concretamente, a posta en marcha dun réxime tributario máis estrito para elas. A proposta contou co apoio do BNG, pero foi rexeitada pola maioría absoluta do PP. Uns meses máis tarde foi o BNG quen propuxo un imposto 30 euros por metro cadrado aos centros de máis de 2.500 metros de espazo de venda. A idea tivo o voto favorable de PSdeG-PSOE e AGE, pero novamente foi rexeitada polo PP.
Ademais do prexuízo que poden provocar directamente na economía local e no emprego, dende distintos ámbitos sinálanse outros efectos negativos dos grandes centros comerciais, por exemplo sobre o medio ambiente, "ao incrementar a utilización do vehículo privado, o tráfico e a dispersión urbana" e "a ocupación abusiva de espazos verdes e abertos das periferias urbanas", como apunta o profesor da Universidade do País Vasco, José Allende. Tamén provoca unha "paulatina desertización dos centros urbanos e da riqueza vivencial dos barrios" e bloquea "as canles de distribución dos produtores de alimentos pequenos procedentes da rexión", favorecendo monopolios e "destruíndo a produción e distribución local".