Cos pés na Terra e os produtos na nube: 100 tendas locais galegas nas que mercar online

Posto de venda de Muuhlloa en Arzúa ecolóxica © Muuhlloa

A web inclúe polo de agora un cento de tendas, pero que continúa en actualización, incorporando novos comercios e produtos

Este venres celébrase o black friday, unha xornada de descontos no comercio nacida hai algunhas décadas nos Estados Unidos e que pouco a pouco gaña peso tamén en Galicia. En boa medida funciona como un día para que os comercios (sobre todo os de gran tamaño) se liberen de parte do seu stock de produtos antes das semanas de nadal. E vén sendo criticada polo comercio pequeno e local, incapaz de competir con estes descontos e que ve como pouco a pouco vai perdendo espazo ante as grandes superficies e as compras por Internet a través de plataformas como Amazon ou AliExpress.

Coincidindo con esta data, a axencia Arela Comunicación Sostible decidiu lanzar unha selección de pequenas tendas galegas que realizan vendas online. É un xeito de competir co black friday e, en xeral, coa dura competencia que exerce o gran comercio. Unha forma, tamén, de dar a coñecer a produción de calidade elaborada por profesionais locais, e de facilitar o contacto co consumidor final. Pensado, ademais, nas compras de Nadal e Reis.

"Os xigantes do comercio online captan a maior parte das compras na rede e os usuarios deixamos de comprar nas nosas tendas de proximidade"

Cos pés na Terra e os produtos na nube é o nome da paxina, que aparece dividida en seccións: agasallos, alimentación, artesanía, beleza, decoración, libros, mascotas, nenas e nenos, xardín, xogos... A web inclúe polo de agora un cento de tendas, pero que continúa en actualización, incorporando novos comercios e produtos. 

Dende Arela destacan que "as compras online e as tendas en liña forman parte do noso día a día como consumidores" e que na actualidade "os xigantes do comercio online captan a maior parte das compras na rede e os usuarios deixamos de comprar nas nosas tendas de proximidade porque consideramos que é máis rápido e fácil comprar en Amazon, AliExpress…". 

Interior de 'Mamá Limón', en Lugo, unha das tendas incluídas na listaxe © Mamá Limón

"Existe un tecido moi importante de pequenos e medianos ecommerce distribuídos por toda a xeografía galega, creando postos de traballo e contribuíndo ao futuro de lugares pequenos"

"Queremos amosar que hai alternativas", din, subliñando que en Galicia hai empresas "que están traballando moi duro para ter visibilidade, con ideas moi boas e con produtos de gran calidade". E engade que "compartir esta listaxe de tendas en liña galegas, comprar e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local", pois "existe un tecido moi importante de pequenos e medianos ecommerce distribuídos por toda a xeografía galega, creando postos de traballo e contribuíndo ao futuro de lugares pequenos".

Así, na listaxe aparecen tendas de Paderne, Nigrán, A Illa de Arousa, Cervantes, Betanzos, Lalín, Vedra, Muxía, Cambados, Allariz, Verín, Vilar de Barrio, A Fonsagrada, Vilardevós, Chantada, Malpica, Carnota, Bueu, Monterroso, Tomiño, Fisterra, Moaña, Poio, Melide, Viana do Bolo, Bergondo, Fene ou Mondoñedo, ademais de, por suposto, as sete grandes cidades. 

Na súa web, Arela ofrece tamén consellos dirixidos aos pequenos comercios para "optimizar a súa tenda en liña para vender en black friday". E lembra que "entramos na tempada clave para o comercio electrónico e as tendas en liña. Tres meses (novembro, decembro e xaneiro) nos que se concentran as campañas máis importantes do ano (Black Friday, Nadal e Rebaixas)".

Interior de 'A pita cega', en Vigo, outra das tendas incluídas na listaxe © A pita cega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.