As empresas beneficiarias deixarán de cofinanciar con descontos a iniciativa, que será asumida nun 60% polo Goberno galego e nun 40% polas persoas que obteñan o bono
O bono turístico co que en 2020 a Xunta quixo “premiar o labor dos profesionais sanitarios” na loita contra a COVID-19 será aberto este 2021 ao resto da cidadanía que poderá ver como o Goberno galego subvenciona parte das súas vacacións. Se o bono do pasado ano era de 250 euros sufragados pola Xunta a cambio de que os establecementos turísticos fixesen rebaixas nos seus produtos e servizos, este ano haberá tres bonos de 250, 375 e 500 euros nos que a Xunta porá o 60% e o restante 40% correrá por conta da persoa solicitante que resulte beneficiaria, sen que as empresas turísticas teñan que cofinancialo, segundo avanzou este xoves o presidente.
As grandes liñas de funcionamento do novo bono foron expostas tras o Consello da Xunta por Feijóo, que remitiu a súa concreción a posteriores explicacións dos responsables turísticos do Goberno galego e da asociación Clúster do Turismo de Galicia, entidade privada na que o Goberno galego vén deitando o deseño e mesmo a execución das súas políticas para o sector.
Segundo avanzou Feijóo, o novo bono vai dirixido “a todos os cidadáns que non foran beneficiarios” da convocatoria do ano pasado, destinada ao persoal sanitario e que foi criticada como unha “propina” por todo tipo de representantes deses colectivos. Tras as críticas, o daquela conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, renegou da medida e atribuíulla ao departamento de Turismo, pero o convenio que a regulou seguiu reflectindo que o “premio” ao persoal sanitario era un dos obxectivos xunto co apoio económico ao sector turístico.
Feijóo espera que os bonos se poidan solicitar xa en abril e serán outorgados "por orde de entrada de cada solicitude"
A Xunta avanza que, fronte aos 5 millóns de euros que consignou para o bono do pasado ano (20.000 bonos de 250 euros), o deste ano está dotado con 2 millóns, aos que se poderían engadir outros 300.000 e 150.000 euros respectivamente cos que di que queren contribuír as deputacións da Coruña e Ourense, que sumados aos 1,3 millóns que deben achegar as persoas beneficiarias suporían "mobilizar" catro millóns de euros para "a reactivación da demanda turística interna".
Segundo o presidente, no bono de 250 euros a Xunta porá 150, no de 375 euros achegará 225 e no de 500 euros a subvención pública será de 300. Feijóo tamén avanzou que prevé que “a finais de marzo, principios de abril” poidan xa solicitarse os bonos, que serán repartidos “por orde de entrada de cada solicitude” e que poderán empregarse “ata o 15 de decembro”.