A finais do pasado 2020, a Xunta anunciou que o seu "plan de choque" para contribuír a reactivar o sector turístico na pandemia incluiría un seguro para cubrir gastos médicos e de aloxamento a turistas que contraesen a COVID en Galicia. Para contratalo, o Goberno galego puña sobre a mesa 1,2 millóns de euros. Finalmente, a Vicepresidencia primeira -da que agora depende a Axencia de Turismo- dota con ata 1,4 millóns de euros un contrato que tramita dende finais de xaneiro e ao que optan cinco aseguradoras.
A Xunta prevé ter vixente o 'seguro COVID' para turistas cando menos ata finais de febreiro de 2022 cunha eventual prórroga de 9 meses máis que elevaría o custo ata a contorna dos 2,4 millóns de euros
As compañías Axa, Ergo, Europ Assistance, Surne e a aseguradora do Real Automóvil Club de España (RACE), Unacsa, presentáronse como candidatas ao contrato dun seguro que a Xunta prevé ter activo o 1 de marzo deste 2021 e estendelo, cando menos, ata finais de febreiro de 2022. Ese límite, agrega, sería prorrogable por ata nove meses, o que elevaría o custo para o erario ata a contorna dos 2,4 millóns de euros, estima.
Segundo consta nos pregos de condicións do contrato, a Xunta explica ás empresas que o obxectivo de contratar un "seguro de asistencia en viaxe incluíndoa a cobertura fronte á COVID-19" pretende "fomentar o turismo, tanto nacional como internacional". Faino ademais "en aras da necesaria optimización de recursos públicos e de prestar a necesaria garantía de saúde dos viaxeiros".
Así, a empresa gañadora do contrato terá como asegurados a "todos os turistas" que teñan "residencia fóra de Galicia e se aloxen nun establecemento turístico galego contemplado na lei de turismo -por exemplo, un hotel, unha pensión ou un albergue-. Se durante a súa estancia no país se contaxian do coronavirus, pasarán a ter cubertos gastos médicos de ata 5.000 euros no rango máis alto da cobertura, segundo a cal os primeiros 100 euros correrían a cargo do turista.
O seguro para turistas financiado pola Xunta cobre gastos médicos, de posible prolongación da estancia hoteleira por hospitalización ou corentena e traslado ao lugar de orixe
Ademais, o seguro contempla sufragar ata 1.000 euros por turista infectado pola COVID-19 en concepto de "gatos de prolongación de estancia nun hotel", xa sexa despois dunha hospitalización a causa do coronavirus ou no caso de que lle prescriban unha corentena. Esta cláusula inclúe "gastos de prolongación de estancia en hotel dun acompañante (non familiar) ou da unidade familiar do asegurado".
Adicionalmente, se fose preciso que o turista fose trasladado ao seu lugar de orixe tras contaxiarse, a aseguradora asumiría gastos por ata 15.000 euros. Contempla a mesma cobertura no caso de falecemento. O seguro fixa como excepción que o asegurado chegue a Galicia xa infectado pola COVID-19, que viaxe transgredindo un eventual peche perimetral de Galicia -como a actualmente vixente- ou, sen peche, que se traslade a territorio galego cando haxa unha recomendación oficial de non facelo.
O contrato inclúe, ademais, unha partida de 120.000 euros para publicitar o seguro "entre os establecementos turísticos e os seus destinatarios". Aínda que a poboación que resida en Galicia non se pode beneficiar da póliza, 35.000 euros financiarán anuncios de vinte segundos en emisoras de radio que emitan en territorio galego e outros 35.000 sufragarán "banners nas edicións dixitais dos xornais galegos". Os 40.000 restantes terán que dedicalos a "banners en webs de ámbito nacional, social ads en redes sociais e plataformas de vídeos e música", como Spotify ou YouTube.
Esta contratación chega case unha década despois de que, en aplicación do paquete de recortes do Goberno de Mariano Rajoy, o Sergas (como o resto de servizos sanitarios do Estado) limitase a asistencia sanitaria á poboación inmigrante en situación administrativa irregular. Aquel recorte foi revertido a mediados de 2018, tras a moción de censura que desbancou o Executivo de Rajoy e propiciou o primeiro mandato de Pedro Sánchez.