As "barreiras" do Sergas para persoas inmigrantes

Varias persoas agardan nun centro médico © Alessandro Grassani

No outono de 2012 o Goberno central estaba xa inmerso na súa vaga de recortes sanitarios, un paquete que incluía a restrición do acceso á sanidade pública para as persoas inmigrantes que non tivesen regularizada a súa situación no Estado. Naquela altura a Xunta anunciaba a posta en marcha do Programa Galego de Protección Social da Sáude Pública, un programa co que, aseguraba, "garantía o acceso á asistencia aos inmigrantes irregulares sen recursos". Case dous anos despois, profesionais do ámbito sanitario alertan de que o Sergas mantén diversas "barreiras" que impiden unha asistencia sanitaria completa para este colectivo.

Médicos do Mundo vén de analizar o impacto dos dous primeiros anos de reforma sanitaria de Rajoy, un documento no que asegura que os recortes puxeron "máis vidas en risco" e no que analiza a situación para as persoas inmigrantes en cada autonomía. Despois de que, xa de inicio, a Xunta puxese obstáculos como limitar a atención posparto aos dous meses posteriores á "data probable" do parto, a organización advirte de que as medidas do Goberno galego son "insuficientes" e asegura ter constancia de "numerosos casos, mesmo menores de idade e mulleres embarazadas", de doentes "a quen se lles denega a atención sanitaria cando a precisan".

Nalgúns casos, di Médicos do Mundo, inmigrantes que acuden ao Sergas nin sequera son "informados da existencia" do programa que lles permitiría acceder á prestación sanitaria nin "sobre se cumpren os requisitos de acceso". "Ademais da falta de información nos centros de saúde sobre a existencia deste programa ou sobre com tramitar o acceso -detalla o informe- as entidades sociais aluden ás propias cifras oficiais" para alertar de que moitas persoas están a quedar fóra. "En maio de 2013 non chegaban a 1.000 as persoas que se beneficiaban do programa" e en setembro "a cifra só chegou a 1.196". "Nun inicio a Xunta apuntou que poderían chegar a ser 9.000 as persoas estranxeiras en situación administrativa irregular" en territorio galego.

A finais de 2013 o programa beneficiaba a apenas 1.000 persoas e a propia Xunta "apuntou que poderían chegar a ser 9.000" os estranxeiros en situación irregular

As denuncias de colectivos como Médicos do Mundo ou o Foro Galego da Inmigración, subliña o estudo, impulsaron a Consellería de Sanidade a unha "ampliación do prazo durante o cal se aplica o procedemento de incorporación rápida e a activación do sistema automatizado de aviso", unha operación que facilita a inclusión no programa. Así e todo, requisitos como "a obrigatoriedade do empadronamento en Galicia de maneira continuada por un período mínimo de 183 días" e "a obriga ata hai poucos mees dun documento de identificación en vigor" tamén complicaron a situación destas persoas.

"Particularmente difícil é a situación das persoas procedentes de países cos que España ten convenios bilaterais e, en función dos cales, se regula o acceso á atención sanitaria". Estas persoas, "en principio, non poderían acceder ao Programa Galego de Saúde Pública", pero "un requisito para poderen acollere a eses convenios bilaterais é dispoñer de tarxeta sanitaria no país de orixe", requisito que "gran número de persoas en situación administrativa irregular e vivindo en situación ou risco de exclusión social raramente poden cumprir". Neste caso, "estas persoas vense inmersas nun circuíto pechado que as leva dunha xanela a outra ata que se resolve a súa admisión".

Varias persoas agardan nun centro médico © Alessandro Grassani

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.