Case 5.000 persoas excluídas, erros e arbitrariedade: historia de seis anos sen sanidade universal

Operación cirúrxica nun hospital público galego © Sergas

A historia de Pedro é a do periplo dunha persoa que vive con VIH, pero atopouse coas trabas que, desde 2012, supuxo non ter permiso de residencia en España, a pesar de levar 20 anos vivindo aquí. A primeira, o medo a acudir ao hospital por estar en situación irregular. A segunda, o descoñecemento do persoal médico que, ao principio, non ofreceu a este home colombiano a atención que necesitaba, a pesar de que Galicia garante nunha normativa propia a cobertura sanitaria a quen padecen estas enfermidades. A terceira, quedar sen acceso aos fármacos cando se mudou a outras cidades en busca de traballo.

Cando regresou a Galicia e comezou os trámites para recuperar de novo a atención sanitaria, a Policía abriulle unha orde de expulsión. Finalmente, co apoio de Médicos do Mundo, conseguiu deter a súa deportación e tramitar unha autorización de residencia por motivos humanitarios. Xa con cartón sanitario, Pedro continúa co seu tratamento e seguiu mellorando. O seu caso foi documentado pola Rede de Denuncia e Resistencia ao Real Decreto de reforma sanitaria (Reder).

Hai seis anos, o 1 de setembro de 2012, entrou en vigor o decreto  16/2012 impulsado polo Goberno de Mariano Rajoy. Aquel día, miles de persoas 'sen papeis' que até daquela podían solicitar cita co seu médico de cabeceira e ser atendidas como calquera outro cidadán, quedaron dun día para outro excluídas do sistema sanitario. Borráronse os seus historiais médicos, desactiváronse as súas tarxetas sanitarias. Só serían atendidas en caso de urxencias ou cando se tratase de embarazadas e menores de idade. Máis de 870.000 tarxetas foron retiradas, segundo os datos que deu o propio Executivo.

Pedro, de orixe colombiana, padece VIH e inicialmente non foi atendido no Sergas por non ter permiso de residencia; conseguiu mudar a situación grazas a Médicos do Mundo

Este xoves o Congreso avalou a recuperación da sanidade universal que o Goberno de Pedro Sánchez puxo en marcha a través dun decreto lei. "O acceso ao Sistema Nacional de Saúde en condicións de equidade e de universalidade é un dereito primordial de toda persoa", enuncia o novo decreto, que recibiu o voto en contra do PP e a abstención de Ciudadanos. A lei elimina as figuras de persoa "asegurada e beneficiaria" que contiñan condicións que excluían aos inmigrantes residentes en España en situación irregular e recupera o dereito de todas as persoas, "nas mesmas condicións", á atención sanitaria.

Para os colectivos sociais que levan anos batallando contra as consecuencias do  decreto 16/2012, a nova lexislación é "un paso positivo", pero cara a unha meta "aínda distante" e piden ao Goberno que aprobe pronto o regulamento "para garantir a asistencia en igualdade de condicións" a todas as persoas que viven en España. "Este é un paso moi definitivo para achegarnos ao fin da exclusión sanitaria, pero o que se aprobou non implica que se elimine radicalmente calquera causa de exclusión. Aínda hai zonas de sombra", sostén Eva Aguilera, portavoz de Reder.

Este xoves o Congreso avalou a recuperación da sanidade universal que o Goberno de Pedro Sánchez puxo en marcha a través dun decreto lei

Entre elas menciona que o dereito á asistencia pública se supedite a que a persoa demostre, co empadroamento, que non se atopa en situación de estancia temporal, é dicir, que leve máis de 90 días en territorio español. "Preocúpanos que se esixa demostralo co empadroamento, porque o empadroarse é unha barreira puramente administrativa e moitas veces depende dos concellos", explica Aguilera.

"Tamén nos preocupan eses 90 días ata que poden acceder ao cartón sanitario. Vemos un baleiro no que non se garante a asistencia con cargo a fondos públicos a menores, mulleres embarazadas, solicitantes de asilo, etc.", agrega. "Esperamos que estas lagoas se emenden no regulamento".

4.755 persoas excluídas

Desde a aprobación da reforma sanitaria, as organizacións sociais comezaron a ver as súas oficinas cheas de casos de persoas a quen lles foi denegada a asistencia médica. Desde 2014, a plataforma Reder documentou os casos de 4.755 persoas que se viron excluídas desta atención, aínda que temen que os datos sexan maiores. "Foron seis anos de moito sufrimento innecesario para moitas persoas en situación moi fráxil, que sufriron o peor dos recortes. Os casos documentados non son moitos porque non son todos: son quen nalgún momento acudiron ás organizacións, pero non sabemos cantas persoas quedaron desatendidas", destaca a portavoz.

Colectivos sociais que levan anos batallando contra as consecuencias do recorte ven "un paso positivo" na reforma e instan o Goberno de Sánchez a emendar as "lagoas" para que ninguén fique fóra

Estas persoas só podían recibir asistencia en situacións excepcionais: mulleres embarazadas, menores de idade, situacións de urxencia, vítimas de trata en período de reflexión e persoas solicitantes de asilo. Con todo, a ONG denunciaron os erros sistemáticos nos centros sanitarios públicos á hora de cumprir con esta obrigación e  a confusión imperante entre o persoal médico por mor da norma. As organizacións documentaron os casos de exclusión sanitaria de 194 mulleres embarazadas, 322 menores de idade, 45 solicitantes de asilo ou 443  persoas ás que se lles denegou ou se lles facturou a atención indebidamente cando pasaron por urxencias.

En todos estes anos, houbo varios nomes propios, pero uno deles estivo presente en todas as denuncias da ONG, o de Alpha Pam, un  mozo senegalés sen cartón sanitario que morreu de tuberculose en Mallorca en 2013. O caso acabou nos tribunais e a familia recorreu o seu arquivo o pasado setembro. Outras dúas mulleres, Soledad Torrico e Jeanneth Beltrán faleceron sen poder acudir de maneira normalizada ao médico. Segundo un estudo publicado en marzo de 2018 por investigadores da Universidade Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona, durante o seu primeiros tres anos de aplicación, as restricións impostas polo decreto aumentou a taxa de mortalidade dos migrantes sen papeis nun 15%.

Os casos documentados non son moitos porque non son todos: son quen nalgún momento acudiron ás organizacións, pero non sabemos cantas persoas quedaron desatendidas

As organizacións sociais tamén se fixeron eco de casos como o de Milagros Villalobos, unha muller migrante embarazada que sufriu un aborto tras ser rexeitada varias veces por un hospital público valenciano. Ou o de Lourdes, de 71 anos, que a pesar de padecer osteorporose, diabete e hipertensión e contar con residencia legal por reagrupamento familiar, non era atendida nos centros sanitarios e sobrevivía grazas á asistencia da ONG e médicos desobedientes.

Desde 2012, moitas persoas víronse privadas de coidados esenciais. A ONG denunciaron a situación de persoas con enfermidades graves, e documentaron 68 casos de cancro, 88 casos de enfermidades cardiovasculares, 116 de diabetes, 92 de hipertensión, 68 casos de saúde mental grave ou 45 casos de VIH.

O papel da sociedade civil e as autonomías

Protesta contra a fin da sanidade universal, ante un ambulatorio compostelán en 2012 / Praza Pública 

Con todo, a reforma do PP atopouse de fronte coa resistencia de parte dos profesionais sanitarios, que se negaron a aplicar a medida e seguiron atendendo ás persoas excluídas expóndose a sancións. É o caso da Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria que promoveu un rexistro de obxectores de conciencia que superou o milleiro de adhesións.

Tamén xogaron un papel importante os grupos de información e acompañamento impulsados desde a ONG e plataformas cidadás ante a "inseguridade e a confusión" que este decreto supuxo, "o que prexudicou a persoas que si debían ser tratadas", sostén Reder. "Son moitas máis as persoas que se inhibiron de acudir á sanidade pública por temor á reposta que ían recibir. As persoas que tramitan o seu permiso de residencia o que máis temen é un posible enfrontamento coa administración pública. Que ao reclamar unha factura se xere algún tipo de conflito e te fichen", explica Aguilera.

En Galicia o Sergas artellou o 'Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública' que, segundo denunciaron entidades como o Foro Galego da Inmigración, SOS Sanidade ou Médicos do Mundo, incluía numerosas lagoas e limitacións

A resposta das comunidades autónomas, algunhas das cales se declararon insubmisas ao decreto, tamén axudou a mitigar o impacto do decreto 16/2012. A día de hoxe, agás Castela e León, Ceuta e Melilla, case todas as autonomías contan con algún tipo de normativa ou medidas para que estas persoas puidesen acceder ao sistema sanitario público, aínda que desde a aprobación destas, Reder tamén documentou decenas de casos de migrantes excluídos. Cataluña, País Vasco, Navarra, Asturias, Andalucía ou Canarias rexeitaron a norma e regularon, dentro das súas competencias, nesta liña. No caso galego, o Sergas puxo en marcha o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública, con numerosas limitacións e lagoas que denunciaron sistematicamente entidades como Foro Galego de Inmigración, SOS Sanidade pública, Médicos do Mundo, Amnistía Internacional e a Asociación Galega de Medicina Familiar

"O papel das comunidades foi determinante ao rebelarse, ao decidir non cumprir e desenvolver as súas propias normativas autonómicas, xa sexa en forma de rango de lei ou instrucións internas desde a administración. Se aplicasen o decreto a machada, o seu impacto sería moito maior", recalca a portavoz de Reder. Desde a plataforma, no entanto, apuntouse tamén aos "desequilibrios" e a arbitrariedade que causaron estes diferentes niveis de regulación: na práctica, ao seu xuízo, as persoas tiveron máis ou menos dereitos en función do lugar no que residían.

"Cando se aprobou esta medida, fíxose con toda unha batería de discurso xenófobo. A mensaxe era: 'Ti vés de fóra e xa tes que estar a morrer para poder ser atendido'"

Varios territorios e o Goberno central presentaron recursos ante o Tribunal Constitucional por diferentes motivos, como pola invasión de competencias e restrición de dereitos fundamentais. O Constitucional anulou as normas do País Vasco e a Comunidade Valenciana que trataban de garantir esta cobertura. Pola súa banda, varios organismos de Nacións Unidas e do Consello de Europa subliñaron que a reforma contravenía os convenios internacionais de dereitos humanos.

A norma de exclusión sanitaria foi defendida durante o Goberno do PP como unha medida de aforro económico, como o copago farmacéutico. Con todo, a día de hoxe,  non se probou este suposto impacto beneficioso nas arcas do Estado. Así quedou reflectido nos informes da Defensora do Pobo e tamén nun auto do Constitucional que restaurou a validez da Lei Navarra de Asistencia Sanitaria.  Pola contra, a posición do Goberno foi a de afirmar que grazas a esta normativa a sanidade española seguía sendo universal. Así o volveu defender este xoves a portavoz popular, María Teresa Angulo, quen asegurou que "foi o PP o que garantiu a sustentabilidade do sistema sanitario e garantindo o seu carácter universal, público e gratuíto".

Á espera de que se concrete o regulamento que dará forma ao decreto aprobado, para Aguilera hai un último motivo de preocupación, pero agora non só bota a vista atrás, a este seis anos, senón ao futuro. "Cando se aprobou esta medida, fíxose con toda unha batería de discurso xenófobo. A mensaxe era: 'Ti vés de fóra e xa tes que estar a morrer para poder ser atendido'. Isto deu vía libre a todas esas actitudes xenófobas que xa existían na sociedade e o propio sistema de saúde. Permitiuse que na opinión pública se asente a visión de que se pode discriminar ás persoas dun dereito humano en función da súa situación administrativa ou a súa nacionalidade. É difícil desmontar isto, e tememos que callase", sentenza.

Calcúlase que nove mil persoas perderon o seu dereito á atención sanitaria en Galicia © UGT Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.