O Sergas limita a dous meses a atención posparto a mulleres inmigrantes

Profesionais sanitarios dun hospital galego © Sergas

"Sanidade garante o acceso á asistencia aos inmigrantes irregulares sen recursos". Esta foi a mensaxe que, primeiro por boca do presidente da Xunta e despois a través da conselleira de Sanidade, transmitiu o Goberno galego como contraposición pública á retirada do dereito á protección da sáude a persoas inmigrantes que está en vigor dende o 1 de setembro por orde do Goberno central. Concretamente, Alberto Núñez Feijóo e Rocío Mosquera presentan como garantía de asistencia o denominado Programa Galego de Protección Social da Sáude Pública, un plan destinado a atender ao colectivo ao que o Ministerio desprotexe e que semella vir inzado de letra pequena, cando menos nas súas primeiras aplicacións prácticas.

Segundo manifesta persoal sanitario consultado por Praza Pública nos hospitais e centros de saúde aínda non se dispón do texto completo do plan, pero si dunha instrución interna coas características básicas da atención que está autorizado a dispensarlle ás persoas sen papeis que non se poden acoller a el, caso por exemplo de quen dispoña de ingresos superiores a 532 euros ao mes, quen leve menos de seis meses empadroado en Galicia ou quen si teña ingresos no seu país de orixe. Neste caso as restricións non son poucas e poden ser especialmente prexudiciais para casos concretos como por exemplo as complicacións de saúde que poida ter unha muller inmigrante despois do nacemento do seu fillo ou filla.

Segundo a devandita instrución, remitida dende a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ás xerencias do Sergas e ás xefaturas territoriais da Consellería, "as persoas estranxeiras non rexistradas nin autorizadas como residentes en España" que residan en Galicia e "non teñan nin poidan ter asistencia sanitaria polas vías regulamentadas" polo Estado nin poidan incluírse no Programa Galego de Protección Social poderán acceder á asistencia "ao embarazo, parto e posparto", pero con limitacións. Esta atención "incluirá a correspondente ás especialidades de obstetricia, xinecoloxía e atención primaria" no "período" comprendido entre "a confirmación do embarazo polo Servizo Galego de Saúde" e "ata dous meses despois da data probable do parto". Ademais, neste período terán que achegar o 40% do prezo dos medicamentos que precisen.

A atención posparto só chega ata dous meses despois da "data probable" do parto

Atendendo ao mesmo texto cabe deducir que, despois deses dous meses dende a data "probable" do parto, as mulleres inmigrantes que se atopen nesta situación quedarán baixo o resto de supostos que contempla a instrución para persoas sen residencia autorizada no Estado. Así, polo tanto, só poderán acudir a un hospital ou centro de saúde sen que se lles reclamen cartos se o fan "de urxencia por enfermidade grave ou accidente, calquera que sexa a causa, ata a situación de alta médica". Non lles acontecerá o mesmo aos nenos e nenas acabados de nacer, xa que "os estranxeiros menores de 18 anos" si "recibirán asistencia sanitaria nas mesmas condicións ca o resto da poboación protexida en Galicia", se ben tamén terán que pagar o 40% do importe dos fármacos que poidan precisar.

Neste contexto Sanidade só inclúe outras dúas excepción. Unha está relaciónada con que as persoas inmigrantes sen dereito a asistencia padezan enfermidades "que supoñan risco para a saúde da cidadanía". Neste caso a Xunta "establecerá programas específicos e emitirá instrucións sobre o procedemento de atención" e, "en todo caso, a atención sanitaria cubrirá o diagnóstico e tratamento da enfermidade ata a alta médica", así como a "dispensación farmacéutica", que se realizará no propio centro sanitario. A outra está destinada a cubrir as prestacións sanitarias para "solicitantes de protección internacional" e "vítimas da trata de seres humanos en período de restablecemento e reflexión, ata a data que consta no documento que autoriza a estadía temporal".

Profesionais sanitarios dun hospital galego © Sergas
Feijóo e Mosquera, nun acto oficial © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.