A interpretación flexible das súas propias restricións por parte Xunta non permite aínda a anunciada reactivación do Monte do Gozo, que deberá agardar co resto da programación que está a reformular o Goberno galego tras a ampliación do Ano Santo a 2022
As entradas e saídas en Santiago están restrinxidas polo coronavirus desde as 3 da tarde do 30 de outubro, hai agora tres meses, e o mesmo sucede con toda Galicia desde o 23 de decembro, hai máis dun mes. Neste tempo, o 8 de xaneiro Compostela pasou ao nivel máximo de restricións e este mércores 27 fixérono todos os concellos de Galicia, perimetrados individualmente e coa hostalería pechada. Porén, no que vai de mes de xaneiro e polo tanto de Xacobeo 2021 son máis de medio cento os peregrinos que seguiron chegando a Santiago.
Comparadas estas cifras cos máis de 62.000 peregrinos que se rexistraron só no mes de agosto de 2019, a chegada de persoas polos camiños de Santiago é anecdótica e non permite aínda a anunciada reactivación do Monte do Gozo, que deberá agardar co resto da programación cultural que está a reformular o Goberno galego tras a ampliación polo Papa do Ano Santo a 2022.
En decembro, con Santiago pechada desde máis dun mes antes, expedíronse 99 compostelas, máis da metade a persoas que declararon comezar o camiño fóra de Galicia
Tras o peche de Santiago o 30 de outubro, durante todo o mes de novembro a Oficina do Peregrino, que segue aberta na rúa Carretas, a poucos metros da catedral, expediu un total de 586 compostelas das que só 23 o foron a peregrinos residentes en Galicia, fronte a 327 estranxeiros, mesmo de fóra de Europa. En decembro a cifra baixou a 99 compostelas en todo o mes, das que só 24 foron para galegos ou galegas fronte a 36 estranxeiros. Nese mes de decembro, coa cidade pechada desde máis dun mes antes, máis de medio cento de peregrinos declararon que comezaran o camiño nalgún punto fóra de Galicia. E durante este xaneiro, primeiro mes do Xacobeo, continuou o goteo ata máis de medio cento de compostelas expedidas.
As chegadas de peregrinos a Santiago malia o peche da cidade e mesmo de toda Galicia están amparadas na interpretación que fai a Xunta das súas propias restricións para que estas non afecten a persoas que estean a facer o camiño e poidan acreditalo con selos. A normativa consolidada de restricións recompilada pola Xunta non inclúe ningunha referencia á peregrinación, pero si contempla como excepcións á posibilidade de entrada ou saída dos concellos pechados ou do conxunto de Galicia para o “retorno ao lugar de residencia” así como “a circulación en tránsito” con destino a outros lugares. E a Xunta interpreta esas excepcións de xeito que “calquera persoa que estea facendo o camiño, e que poida acreditalo con selos, pode entrar e durmir en Santiago” como lugar de paso para o retorno ao seu domicilio.
A Xunta interpreta que as persoas que acrediten con selos que están facendo o Camiño poden chegar a Santiago en tránsito cara aos seus lugares de residencia, excepción contemplada nas restricións
Malia a esa interpretación da norma, a realidade é que a peregrinación a Santiago neste comezo do Ano Santo e do Xacobeo está a ser anecdótica. Lugares que en anos anteriores, xubilares ou non, servían de termómetro da chegada de visitantes a Compostela amósanse desertos neste comezo de ano. Como o gran albergue de peregrinos do Monte do Gozo, que tras anos de abandono a Xunta quería impulsar novamente neste 2021.
Xestionado en concesión por unha empresa privada, o Goberno galego realizou diversas obras de mellora para facer máis atractivo o recinto tanto para os peregrinos que se poidan albergar nel como para a cidadanía en xeral, con arranxos no parque que o rodea con novas piscinas públicas e a ampliación do auditorio para grandes concertos e festivais. A chegada do coronavirus fixo que as obras deixasen de ter présa e co 2021 xa comezado aínda quedan pendentes remates de traballos tanto no albergue como no auditorio.
A paralización do mercado da peregrinación tamén se nota nos albergues privados da cidade, con moitos deles pechados e mesmo en venda pero con outros abertos a medias -con carteis remitindo a un número de teléfono para supostas reservas- á expectativa de captar algún dos peregrinos que seguen chegando ao amparo das excepcións.
A Xunta está a reprogramar as actividades do Xacobeo ampliado a 2022 e di que neste primeiro semestre de 2021 vai concentrar as súas accións en Galicia, "con especial incidencia no rural onde o Camiño representa unha oportunidade para fixar poboación"
Mentres, tras o anuncio da Igrexa de que o Ano Santo tamén se estenderá a 2022 malia que o día 25 de xullo só coincide en domingo neste 2021, condición empregada ata agora para fixar o xubileo relixioso, a Xunta traballa na reprogramación dos seus plans para o seu Xacobeo civil. O Goberno galego xa asumira unha caída do 90% dos ingresos dos albergues públicos, para os que estimaba máis de 400.000 estancias durante todo o ano que nos orzamentos para este 2021 xa adaptados á pandemia acabou reducindo a apenas 35.000.
No eido cultural e da difusión do Xacobeo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hai uns días no Parlamento que a reprogramación das actividades vai concentrar as accións neste primeiro semestre do ano no propio territorio galego, “con especial incidencia no rural onde o Camiño representa unha oportunidade para fixar poboación a través do impulso de iniciativas sustentables”. “A celebración do Xacobeo avanzaría así apoiada nas ferramentas dixitais e abarcando un maior territorio a medida en que a evolución da pandemia o permita, con actuacións previstas no territorio nacional e Portugal no segundo semestre do ano e coa vista posta na promoción internacional e nas accións que impliquen a un maior número de participantes de cara ao 2022”, explica a Xunta.