Máis beneficios para quen o queira xestionar. Esa é a decisión tomada pola Xunta para que algunha empresa privada asuma a explotación do Monte do Gozo despois de que no último ano quedasen desertos os dous concursos que convocou para tal fin. Neste terceiro o Goberno galego contempla que os beneficios anuais da adxudicataria cheguen ata os 900.000 euros nos últimos anos da concesión, uns 100.000 euros máis que no primeiro concurso. A Xunta, a través da entidade de xestión do Xacobeo, non só non aspira a mellorar os seus propios ingresos a través do canon que a empresa lle debe pagar, que permanecerá en só 85.000 euros anuais, senón que agora tamén achegará inicialmente das arcas públicas 2 millóns de euros para as obras de reforma necesarias no complexo antes da súa reapertura, investimento inicial que antes se deixaba en mans do adxudicatario.
Tras quedar desertos dous concursos para xestionar o gran albergue de Santiago, o Xacobeo fai o contrato “máis atractivo para o sector” pero rexeita mellorar os seus propios ingresos, de só 85.000 euros ao ano
O macroalbergue de peregrinos, con capacidade para 620 persoas, que a Xunta de Manuel Fraga construíu a principios dos anos 90 no Monte do Gozo, que nos últimos anos caera nun notable abandono, foi licitado sen éxito por primeira vez en xullo do ano pasado para que unha empresa privada o repare e xestione e, a cambio dos beneficios que obteña, lle entregue un canon anual ao Goberno galego. Segundo aqueles primeiros pregos de condicións, ese canon debería ser de polo menos 85.000 euros ao ano, cifra que podía ser incrementada nas ofertas que realizasen as empresas, mentres que os beneficios anuais do complexo para o operador privado oscilarían entre os 350.000 euros previstos para 2019 e os 800.000 para 2027, último ano da concesión.
Malia esas cifras, a Xunta non conseguiu que ningunha empresa amosase interese pola concesión nin no primeiro concurso nin nun posterior procedemento negociado e, segundo admitiu ante o Parlamento de Galicia, decidiu facer “máis atractivo para o sector” o contrato. Iso é o que fai co terceiro procedemento de adxudicación agora en marcha, ao que as empresas interesadas poden presentarse ata o 11 de setembro.
A empresa adxudicataria deberá realizar obras de reforma do complexo, pero mentres que no primeiro concurso esas actuacións debían correr exclusivamente pola súa conta, agora a Xunta está disposta a achegar 2 millóns de euros
As novas condicións fixadas pola Xunta aumentan de 10 a 15 anos o período concesional, ata 2033, incluíndo así un ano santo máis, o de 2032, a engadir aos de 2021 e 2027 xa incluídos no período previsto anteriormente, o que debera supoñer un incremento dos usuarios do complexo asociado ao incremento xeral de peregrinos neses eventos. Antes, a empresa adxudicataria deberá realizar obras de reforma do complexo, pero mentres que no primeiro concurso esas actuacións debían correr exclusivamente pola súa conta, agora a Xunta está disposta a achegar 2 millóns de euros, cifra que as empresas poden rebaixar nas ofertas que realicen.
A achega económica da Xunta para arranxar o complexo (non é a única na contorna, na que xa está a realizar outras actuacións de mellora por máis dun millón) así como o aumento do período concesional modifican as previsións de beneficios da concesionaria incluídos nos pregos de condicións deste terceiro concurso a respecto do primeiro. Naquel prevíanse dous primeiros anos de perdas para, no terceiro, obter un beneficio neto de explotación duns 350.000 euros, cifra que iría aumentando ata os 800.000 euros do décimo ano, o 2027. No novo concurso só se prevén perdas no primeiro ano mentres que os beneficios comezarían xa no segundo, con preto de 250.000 euros e superarían os 900.000 euros tanto en 2032 como 2033.
Estimación de ingresos e gastos previstos pola Xunta para a concesionaria do complexo do Monte do Gozo no terceiro concurso convocado
A Xunta prevía inicialmente que o complexo comezase a funcionar o pasado 1 de xullo, pero a súa incapacidade para atopar quen o xestione adía a data ata maio do ano próximo
Pola contra, malia ese incremento do beneficio e a súa achega económica inicial para reformar o complexo, a Xunta non aspira a incrementar o canon anual que a adxudicataria lle ten que pagar. Segue a ser de 70.000 euros máis IVE, uns 85.000 euros, mesma cifra que no concurso de hai un ano e que só se vería incrementada se algunha empresa así o propón na súa oferta.
Se o primeiro concurso prevía que o complexo comezase a funcionar o pasado 1 de xullo deste 2018, a demora en atopar unha empresa interesada fai que agora a Xunta fixe como data máxima de reapertura do Monte do Gozo o 1 de maio de 2019.