O Goberno galego leva anos deixando o deseño e execución das políticas do sector en mans da asociación Clúster do Turismo de Galicia, á que dedica outros 150.000 euros para que asesore ás empresas fronte ao coronavirus
Non era unha subvención coa que "agasallar de forma moi modesta" o persoal sanitario, como anunciou inicialmente o propio Feijóo, senón unha axuda para as empresas turísticas, segundo posteriormente rectificou o daquela conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, cando todo tipo de colectivos sanitarios criticaron a iniciativa como unha “propina”. O bono turístico para que 20.000 persoas que loitaron fronte ao coronavirus gasten 250 euros en establecementos de Galicia non só está sendo coxestionado polo propio sector turístico, a través da asociación Clúster do Turismo de Galicia, senón que a Xunta destina 80.000 euros a esa entidade para a súa posta en marcha.
O Goberno galego e o seu órgano con competencias no sector, a Axencia Turismo de Galicia, dirixida por Nava Castro, leva anos deixando en mans do clúster, asociación creada en 2013, o deseño e execución das políticas turísticas galegas a través de diversos convenios nos que lle permite a posterior subcontratación das tarefas que lle encarga. Este xoves o Diario Oficial de Galicia publicou o listado de convenios asinado pola axencia da Xunta no segundo cuadrimestre de 2020 e entre eles figuran tres co clúster, un deles “para o apoio ao sector turístico na posta en marcha do programa Bono Turístico #QuedamosenGalicia” por importe de 80.000 euros.
O Goberno galego permite que a asociación de empresarios participe na selección de establecementos e no funcionamento do programa
O acordo agora identificado no DOG aínda non está dispoñible na base de datos de convenios da Xunta, pero o propio Goberno galego xa adiantou algo do que supón a coxestión do bono por parte do clúster cando o 2 de xullo publicou as condicións de adhesión das empresas ao programa.
Daquela estableceuse que a Xunta constituiría “unha comisión mixta con representantes do Clúster de Turismo de Galicia” para “a análise da documentación e ofertas dos establecementos e/ou axencias de viaxes” que quixesen adherirse ao bono. Esa comisión mixta na que participa o clúster “poderá retirar aquelas ofertas que se consideren non axeitadas, ofensivas ou que non se axusten aos obxectivos definidos neste programa”, sinalaba o Goberno galego, que indicaba que a asociación turística tamén “colaborará” coa Xunta “nas relacións coas empresas que soliciten a adhesión ao programa no seu asesoramento e resolución de dúbidas na operativa do programa”.
Case dous meses despois de abrirse o prazo de solicitudes, a Xunta di ter entregado algo máis de 14.000 dos 20.000 bonos que espera repartir ata o 30 de novembro, pero o seu ritmo vai decaendo
Agora o DOG concreta que a Xunta destinará 80.000 euros a eses traballos do clúster, o 1,6% dos 5 millóns de euros reservados para os 20.000 bonos que se esperan repartir. Aberto o prazo de presentación de solicitudes o 28 de xullo, case dous meses despois a Xunta di ter entregado algo máis de 14.000, cun ritmo que foi decaendo a medida que pasaron os días. Se nas dúas primeiras semanas se entregaran preto de 9.000, nas dúas seguintes foron menos de 2.500 e agora nas tres últimas semanas sumáronse menos de 3.000. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de novembro.
Nos últimos meses a Xunta tamén asinou outros dous convenios co clúster, un de 65.000 euros ao ano ata 2022 para subvencionar o seu funcionamento ordinario e outro de 150.000 para asesorar ás empresas turísticas fronte ao coronavirus
Pero o convenio para que o clúster coxestione o bono turístico non é o único que fai agora público a Xunta. No DOG deste xoves reflicte outros dous. Un deles é para subvencionar o funcionamento ordinario do propio clúster, con 65.000 euros ao ano ata 2022 -tras entregarlle en 2014 410.000 euros a través dunha “subvención directa para sufragar os gastos derivados do establecemento e funcionamento ordinario do Clúster de Turismo de Galicia” creado un ano antes-. O outro convenio, de 150.000 euros, vai destinado á “implementación da medida 30 incluída no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19”.
Esa medida 30 é un “programa de asesoramento e consultoría en liña para o sector turístico” co que a Xunta e o clúster queren apoiar “o desenvolvemento das empresas tras a crise sanitaria en múltiples áreas (xestión empresarial, financiamento e fiscalidade ou planificación laboral)”.