Lanzado hai un mes, o 28 de xullo, nas primeiras dúas semanas pedírono preto de 9.000 persoas, pero nas dúas seguintes menos de 2.500
Preto de 9.000 solicitudes nas dúas primeiras semanas e menos de 2.500 nas dúas seguintes. Así variou o ritmo de peticións do polémico bono de 250 euros para que o persoal sanitario gaste en hostalaría e turismo en Galicia que a Xunta activou hai agora un mes, o 28 de xullo. Unha idea anunciada polo propio Feijóo antes das eleccións galegas que fixo que o conselleiro de Sanidade pedise desculpas e a atribuíse a iniciativa ao departamento de Turismo cando todo tipo de colectivos sanitarios comezaron a criticarla como “propina” ou “frívola”.

O bono, coxestionado pola patronal turística, ten reservados 5 millóns de euros, ampliables, que de entrada permiten conceder ata 20.000. O prazo de solicitudes abriuse o martes 28 de xullo e se non se esgotan antes os cartos poderán seguirse pedindo ata o 30 de novembro. Dúas semanas máis tarde de lanzarse, o mércores 12 de agosto, a Xunta informaba no contador que habilitou na web de Turismo de que xa o pediran 8.970 persoas. Pero outras dúas semanas e pico despois, na tarde deste 27 de agosto, ao cumprirse un mes desde a apertura do prazo, só se sumaran outras 2.500 peticións, ata un total de 11.396.
A Xunta ofrece o bono, unha tarxeta de Abanca de 250 euros, a persoal sanitario e de servizos sociais que traballase entre o 15 de marzo e o 15 de xuño
Segundo as condicións establecidas pola Xunta, poden pedir a subvención, que se concreta nunha tarxeta de Abanca precargada con 250 euros, "persoas empregadas públicas, tanto persoal funcionario, estatutario ou persoal laboral, fixo ou temporal" que traballen "no sistema público de saúde de Galicia", tanto se dependen da Consellería de Sanidade como do Sergas ou doutra das súas entidades dependentes. Tamén está aberto ás peticións de "persoal empregado público destinado nos centros residenciais de maiores, discapacidade e menores calquera que sexa a súa categoría laboral". A condición para ambos colectivos é que estivesen "prestando servizos dentro do período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xuño de 2020".