O persoal máis precario do comercio, a hostalaría ou a limpeza perdeu 30.000 empregos en Galicia por mor da pandemia

Aquelas persoas empregadas en condicións máis precarias sufriron máis a perda dos seus postos de traballo CC-BY-NC-SA CIG
Publicidade
Publicidade

No ano 2020 destruíronse 15.100 empregos en Galicia, segundo revelan os datos da Enquisa de Poboación Activa, coñecidas este xoves. Non semella unha gran diminución, tendo en conta a crise derivada da pandemia de Covid-19, aínda que cómpre ter en conta o impacto dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), aos que se acollen neste momento 34.000 persoas en Galicia, e que evitaron o incremento do número de persoas non ocupadas. 

Aquelas persoas empregadas en condicións máis precarias (con contratos temporais, a tempo parcial, nomeadamente de menor idade e sobre todo no sector servizos...) sufriron máis a perda dos seus postos de traballo

Porén, neste escenario aparentemente sólido hai colectivos que se viron moito máis prexudicados. En esencia, aqueles grupos de traballadores e traballadoras nunha situación máis estable (persoas con contratos indefinidos, habitualmente de máis idade...) resistiron de momento o impacto da crise, en parte porque ata agora puideron beneficiarse dos ERTE presentados. En cambio, aqueles cidadáns e cidadás empregadas en condicións máis precarias (con contratos temporais, a tempo parcial, nomeadamente de menor idade e sobre todo no sector servizos...) si sufriron a perda dos seus postos de traballo.

Os traballadores e traballadoras nunha situación máis estable (persoas con contratos indefinidos, habitualmente de máis idade...) resistiron de momento o impacto da crise, en parte porque ata agora puideron beneficiarse dos ERTE presentados

Así, o numero de traballadores e traballadoras cun contrato indefinido medrou en Galicia ao longo do ano 2020, comparando os datos do derradeiro trimestre de 2019 e o derradeiro trimestre de 2020, pasando de 654 mil a 660 mil persoas. En cambio, o número de persoas que teñen un contrato temporal descendeu de forma moi importante (de 229 mil a 211 mil). O recorte no número de empregos temporais foi especialmente abrupto no segundo trimestre (marcado por un duro confinamento domiciliario e a paralización de moitas actividades económicas), e aínda que no segundo semestre do ano se recuperou algo, non chegou ao nivel co que rematara o 2019.

O mesmo sucede ao falarmos dos empregos a xornada completa, que se mantiveron estables neste 2020 (pasaron de 943 mil a 940 mil), pero non así os traballos a xornada parcial, que caeron de 153 mil a 141 mil. A caída do segundo trimestre (que continuou no terceiro) no puido ser remontada do derradeiro trimestre do ano.

Publicidade
Publicidade

A poboación máis nova foi a máis afectada pola destrución de emprego neste ano, precisamente por ser a que en maior medida conta con contratos temporais, a media xornada e no sector servizos. O número de persoas ocupadas en Galicia de menos de 25 anos pasou de 41 mil a 31 mil nos últimos doce meses. E tamén descendeu a cifra de persoas ocupadas entre 25 e 34 anos (de 189 mil a 173 mil) e de 35 a 44 anos (de 328 mil a 315 mil). En cambio, o número de traballadores e traballadoras de máis idade si medrou.

O número de persoas de menos de 30 anos que figuran como 'inactivas' pasou de 163 mil a 178 mil

Esta evolución está influída en parte polo progresivo envellecemento da poboación galega, pero este factor explica só unha pequena parte destes cambios.

Cómpre salientar que o número de persoas de menos de 30 anos que figuran como desempregadas en Galicia non medrou demasiado no último ano (pasou de 32.400 a 36.900). Pero si o fixo a cifra daqueles e aquelas que figuran como inactivas, é dicir, que non teñen un emprego e non o están a buscar de forma activa (pasou de 163 mil a 178 mil). Unha parte destes mozos e mozas regresaron aos estudos, ante as perspectivas negativas para a consecución dun emprego.

As mulleres sufriron máis a destrución de emprego, pola maior temporalidade e a feminización dalgúns dos sectores máis afectados

Para a poboación máis nova o segundo trimestre do ano 2020 foi o máis negativo en termos de emprego, cunha destrución de case 45.000 postos de traballo entre os e as menores de 35 anos. O segundo semestre supuxo unha leve recuperación, especialmente entre o grupo entre 25 e 34 anos, pero claramente insuficiente para chegar aos niveis que se rexistraban o pasado ano nestas mesmas datas.

Publicidade
Publicidade

Tamén as mulleres sufriron máis a destrución de emprego neste ano 2020, debido principalmente á maior taxa de temporalidade entre as traballadoras e á feminización e prercariedade dalgúns dos sectores máis afectados pola crise ligada á Covid-19. Mentres que entre os varón a porcentaxe de postos de traballo perdidos foi do 1%, entre as mulleres galegas foi case o dobre (1,81%).

A industria galega perdeu nos últimos 12 meses un 5% de todos os empregos, uns 9.000 postos de traballo

Por sectores económicos, o impacto foi moi diferente nuns e noutros no conxunto deste ano 2020. Así, en comparación cos datos de hai 12 meses, o sector primario gañou catro mil traballadores en Galicia (especialmente na pesca) e tamén o fixo moi levemente a construción. En cambio, tanto a industria como o sector servizos víronse moi afectados, perdendo 9.000 e 11.000 empregos respectivamente. 

A industria galega, que mantiña unha tendencia de recuperación dende o ano 2013, perdeu nos últimos 12 meses un 5% de todos os empregos.

O sector servizos, amplamente maioritario en Galicia, é o que sufriu unha maior destrución de emprego en termos absolutos, aínda que non relativos (-1,41%). Trátase dun sector moi diverso e dentro del algúns colectivos aparecen como os máis afectados pola crise. 

Nos 'representantes, axentes comerciais e afíns' destruíronse 6.400 empregos (o 18% do total), no sector das empregadas domésticas uns 6.300 (o 23%) e entre os asalariados e asalariadas da hostalaría uns 6.100 (un 15%)

Así, nos 'representantes, axentes comerciais e afíns' destruíronse 6.400 empregos (o 18% do total), no sector das empregadas domésticas uns 6.300 (o 23%), entre os asalariados e asalariadas da hostalaría (excluídos os propietarios e propietarias) uns 6.100 (un 15%), no colectivo de 'outro persoal de limpeza' uns 3.000 empregos (10%), entre os e as 'dependentes en tendas en grandes almacéns' uns 2.300 (un 5%), entre os e as empregadas administrativas con tarefas de atención ao público uns 2.800 (un 10%) e entre outros e outras empregadas administrativas uns 3.100 (un 15%). Todos estes colectivos suman ao redor de 30 mil postos de traballo perdidos.

Publicidade
Publicidade

Dende hai meses a Enquisa de Poboación Activa inclúe información sobre o número de persoas que traballan dende os seus fogares, unha práctica de teletraballo que medrou durante o primeiro confinamento da pasada primavera e que algunha empresas mantiveron nos meses seguintes. Con todo, a EPA amosa que o número de traballadores e traballadoras que puideron acollerse a esta fórmula foi en realidade moi pequeno mesmo no segundo trimestre do ano e que nos meses seguintes aínda se reduciu moito máis.

No segundo trimestre apenas 180 mil persoas 'teletraballaron' en Galicia, un 17%. No terceiro trimestre a cifra reduciuse ata os 139 mil traballadores e traballadoras e no terceiro baixou aínda máis ata os 129 mil (un 12%)

Así, no segundo trimestre apenas 180 mil persoas 'teletraballaron' en Galicia, un 17%. No terceiro trimestre a cifra reduciuse ata os 139 mil traballadores e traballadoras e no terceiro baixou aínda máis ata os 129 mil (un 12%). A porcentaxe de persoas que puideron teletraballar é máis pequena entre as xeracións máis novas (13,8% no segundo trimestre, 10,4% no derradeiro trimestre) e en cambio medra entre os traballadores entre 35 e 55 anos (19% no segundo trimestre, 13,4% no cuarto trimestre), sendo máis reducida no grupo de empregados e empregadas de maior idade (16,3% no segundo trimestre, 9,57% no último trimestre).

Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.