A primeira Enquisa de Poboación Activa (EPA) realizada por completo durante a pandemia de coronavirus amosou os primeiros efectos da crise económica provocada pola enfermidade, coa destrución de case 33 mil postos de traballo en Galicia. E todo a pesar de que os expedientes temporais de emprego presentados (que atinxen a máis de 200.000 traballadores en Galicia) conseguen de momento atenuar as consecuencias da crise, evitando que unha parte destas persoas pasen a engrosar as listas de parados e paradas.
Practicamente non se rexistrou destrución de postos de traballo entre as persoas con contratos indefinidos, pero si, e de forma moi importante, nas persoas con contratos temporais
A análise polo miúdo da EPA presentada este martes revela que os primeiros impactos polo emprego están a ser moi desiguais en función dos diferentes sectores e grupos de idade e tamén dependendo da 'calidade' dos postos de traballo. Mentres que practicamente non se rexistrou destrución de postos de traballo entre as persoas con contratos indefinidos, unha parte importante das persoas con contratos temporais si perderon a súa ocupación ao non poder acollerse ás medidas para conter a caída do emprego (ERTEs).
Así, o número de asalariados e asalariadas galegas con contrato indefinido aumentou en 9 mil no último trimestre e 8 mil no que levamos de ano; con respecto ao mes de xuño do pasado ano o incremento é de 20 mil contratos máis. Pola contra, neste tempo o número de persoas con contratos temporais descende en 30 mil no último trimestre e 40 mil no que levamos de 2020; en termos interanuais o descenso é de 45 mil persoas.
Para CC.OO. e UGT este dinámica tan diferente amosada polas persoas con contratos indefinidos e con contratos temporais demostran "os nocivos efectos da reforma laboral e precarización no emprego". Neste senso, conclúen, a extensión das medidas de axuste temporal (ERTE) "son fundamentais para salvagardar a existencia das nosas empresas, os empregos e o tecido produtivo do noso país".
Mocidade, temporalidade, servizos
As persoas que máis sofren a temporalidade do emprego son as das xeracións máis novas. E, igualmente, os contratos temporais son máis habituais no sector servizos
As persoas que máis sofren a temporalidade do emprego son as das xeracións máis novas. E, igualmente, os contratos temporais son máis habituais no sector servizos. Este sector servizos, principalmente no comercio e na hostalaría, foi ademais o que sufriu ata agora os efectos máis duros da crise económica provocada polo coronavirus.
As estatísticas contidas na última entrega da EPA amosan ese diferente impacto da pandemia sobre o emprego dos máis e das máis mozas, non rexistrándose neste segundo trimestre unha gran diferenza en función do sexo.
Así, no que levamos de ano o número de persoas ocupadas caeu de forma de moi importante entre os menores de 25 anos (-10 mil, un de cada catro postos de traballo), tamén no grupo de 25 a 34 anos (-21 mil) e no grupo de 35 a 44 anos (-15 mil). En cambio, o descenso é menor no grupo de 45 a 54 anos e na xeración de traballadores por riba de 55 ano o número de persoas ocupadas mesmo aumenta.
No que levamos de ano o número de persoas ocupadas caeu de forma de moi importante entre os menores de 25 anos (-10 mil, un de cada catro postos de traballo), tamén no grupo de 25 a 34 anos (-21 mil) e no grupo de 35 a 44 anos (-15 mil)
As cifras de parados e paradas non experimentaron cambios importantes, con pequenos ascensos no primeiro trimestre e lixeiros descensos no segundo trimestre. Con todo, estes datos agochan que un gran número de persoas anteriormente ocupadas ou desempregadas pasaron a ser consideradas como "inactivas", xa que por por confinamento non puideron iniciar unha 'procura activa de emprego' ou non estiveron "dispoñibles para traballar", condición necesaria para a aparecer como "parado" ou "parada", por ter que permanecer na casa coidando das persoas dependentes da familia.
Polo tanto, cobra máis importancia a análise dos datos de inactivos e inactivas, que amosan un grande incremento nas persoas de menos de 25 anos (+10 mil no que levamos de ano), de 25 a 34 anos (+16 mil), de 35 a 44 (+10 mil) e mesmo de 45 a 54 anos (+14 mil). En cambio, o número de persoas inactivas por riba de 55 anos diminuíu lixeiramente.
Por sectores, o terciario (servizos) é con diferenza o que sofre un maior impacto da crise, incrementada polo confinamento que afectou directamente a comercio a hostalaría. Ademais, é neste sectores onde se concentra a parte máis importante das contratacións temporais. Así, a hostalaría perdeu 6 mil postos de traballo só no último trimestre, máis de 9 mil no que levamos de ano e 17 mil con respecto ao mes de xuño do pasado ano. Unha destrución de emprego equivalente á que sufriu o comercio, con 13 mil postos de traballo menos nos últimos 12 meses e 8 mil mesmo no que levamos de ano.
A hostalaría perdeu 17 mil postos de traballo no último ano en Galicia e o comercio 13 mil
Outros ámbitos do sector servizos (información, servizos financeiros, inmobiliaria ou transportes) tamén experimentaron grandes descenso no número de traballadores nos últimos meses.
No último trimestre, tamén a industria manufactureira (-7 mil empregos) e a construción (-5 mil) sufriron unha perda de postos de traballo moi importante. Con todo, dende xaneiro o descenso é moito máis cativo e en termos interanuais mesmo hai un aumento do emprego nestes dous sectores.