"O impacto estimado é significativamente maior nas rexións máis expostas a sectores relacionados con hostalaría e restauración, como as insulares. Noutras comunidades autónomas, que tenden a coincidir con aquelas onde a fabricación de vehículos ten un peso significativo, o impacto tamén sería máis elevado". É unha das principais conclusións dun dos primeiros estudos do Banco de España sobre o impacto económico da crise do coronavirus por comunidades autónomas e tamén a nivel da zona euro.
Un estudo do Banco de España advirte de que as autonomías con "maior peso" dos sectores do turismo e fabricación de coches padecerán maior "deterioro" da súa economía por mor da covid-19
O traballo, elaborado por Elvira Prades Illanes e Patrocinio Tello Casas, estima o impacto económico da paralización da actividade xeral para conter os contaxios do coronavirus, cun escenario curto de 8 semanas e outro máis prolongado, de 12. En ambos, o impacto previsto para a economía galega está por riba da media estatal e as autoras advirten, non obstante, que as súas estimacións non teñen en conta os diferentes ritmos de desconfinamento. [A Xunta asume o dilema: anima ao retorno do turismo e advirte de que suporá risco de rebrote do coronavirus]
O efecto económico "do peche total ou parcial directo dos distintos sectores son idénticos en todas as comunidades autónomas", pero "o impacto sobre o valor engadido" de cada unha é diferente. Porque, explican, "depende do peso que cada sector teña na súa estrutura produtiva" e das conexións entre sectores económicos. É dicir, do "arrastre" no conxunto da actividade económica.
Tanto na estimación de confinamento curto como na elaborada cun escenario máis longo, o impacto en Galicia é superior á media estatal
Aínda que, sinala o estudo, resulta "difícil identificar plenamente os sectores responsables das diferenzas" entre territorios, si existen liñas xerais que coinciden. "Nas comunidades autónomas nas que os sectores turístico, de fabricación de vehículos e de servizos de transporte teñen un maior peso na súa estrutura produtiva son as que experimentarían" maior "deterioro" da súa actividade económica durante as restricións de mobilidade pola covid-19, "independentemente da súa duración". [O impacto laboral do coronavirus destrúe emprego en Galicia a máis velocidade que o inicio da anterior crise]
Sobre esta base, o estudo indica que para o suposto de confinamento prolongado (ata 12 semanas), o impacto medio na economía do Estado roldaría o 9,1%. Pero ata unha decena de autonomías, entre elas Galicia, superarían o 10% (-10,2%, no caso galego) e dúas, Canarias e Euskadi, ata o 11%.
Así e todo, as autoras tamén advirten de que a incerteza xeral afecta tamén a este tipo de estimacións, tanto polos datos que manexan como polo propio carácter do que está a acontecer. En calquera caso, conclúen, "as estimacións ilustran que unha perturbación común, como a covid-19, pode ter un impacto dispar" en función da estrutura económica de cada autonomía.
Expectativa ante o plan da UE para a reconstrución
Mentres os diversos indicadores e estudos, dende o Foro Económico de Galicia ao Banco de España, advirten da fonda crise económica que vén e diversas entidades sociais xa perciben a crueza da súa repercusión social, boa parte das expectativas a nivel continental están postas no plan da Unión Europea para a reconstrución. Este mércores coñeceuse algo máis dese plan, sobre o que inevitablemente pesa a sombra dos rescates e préstamos da anterior crise económica, condicionados a fortes recortes.
A Comisión Europea procura acougar advertindo de que o seu plan non é equiparable aos rescates da anterior crise, cos seus 'homes de negro' a velar pola aplicación dos recortes
Como informa Andrés Gil para eldiario.es, desta volta a UE está a ultimar tres plans e a súa primeira fase ten tres partes: 200.000 millóns en avais do Banco Europeo de Investimentos para as empresas; 100.000 do programa SURE para financiar ERTE; e 240.000 millóns do MEDE sanitario, o fondo de rescates da UE reconvertido para paliar a pandemia. En total, 540.000 millóns para os Estados membros ante os que o Goberno de España xa anunciou que se quere acoller ás axudas para financiar os ERTE.
Polo momento, o Executivo español non tería tanta présa por recorrer ao MEDE sanitario. Aínda que polo momento as súas condicións son só utilizar eses fondos para "gastos da pandemia directos ou indirectos", sobre este fondo de rescates aínda pairan as imaxes da troika, dos homes de negro enviados aos Estados na anterior crise para supervisar que se aplicaban os recortes esixidos, xa fose nos países rescatados por completo, como Grecia ou Portugal, ou nos que tiveron rescates bancarios, caso de España.
A proposta presentada pola Comisión Europea é denominada 'Next Generation EU' e implica 750.000 millóns de euros, 500.000 deles en transferencias e os restantes, en préstamos
Tras estas primeiras accións chegaría a que foi a gran novidade dos últimos días, a proposta presentada este mércores pola Comisión Europea: 750.000 millóns de euros baixo a denominación Next Generation EU. Serían fondos que o propio Executivo comunitario captará nos mercados financeiros e deles, 500.000 millóns serían transferencias e outros 250.000, préstamos. [Nesta ligazón, o discurso íntegro da presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, na presentación do plan ante o Parlamento Europeo]
A intención principal, "apoiar aos Estados membros con investimentos e reformas para afrontar a crise". "Reformas", o sinónimo de "recortes" da anterior crise. Se cadra por iso, o comisario de Finanzas, Paolo Gentiloni, se apresurou a aclarar que este "non é un programa de axuste cun nome distinto", xa que "son os países os que deseñan que proxectos queren financiar con este plan, é o Estado membro o que ten a tixola polo mango".
Polo momento, en calquera caso, isto é só unha proposta. Con fortes apoios, dende os principais grupos da Eurocámara e os países do sur á presidenta do BCE e, moi probablemente, Francia e Alemaña. Todo isto deixaría nunha posición minoritaria aos Países Baixos e os seus aliados. O 19 de xuño estará sobre a mesa da xuntanza de xefes e xefas de Estado e de Goberno e require unanimidade.