A crise xerada polo coronavirus destrúe outros 33 mil empregos en Galicia

O sector servizos, pero tamén a industria e a construción, foron os máis afectados pola caída do emprego CC-BY-SA Luscofusco

O efecto da crise xerada pola pandemia de coronavirus é cada vez máis evidente das cifras de emprego e outros indicadores económicos. Se a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre recolleu xa algúns deses primeiros efectos (aínda que só os producidos na segunda metade de marzo), os datos do segundo trimestre, coñecidos este martes, afondan nas mesmas tendencias, coa destrución doutros 33 mil empregos, que sumados aos 13 mil do estudo anterior suman unha cifra de 46 mil persoas ocupadas menos en Galicia, en relación co dato de comezos de ano. O dato probablemente sexa maior, pois o dato de ocupación de xuño adoita ser especialmente bo, polo efecto do verán.

Unha gran parte das persoas ocupadas ou que estaban en procura activa dun posto de traballo pasaron directamente á inactividade, pois o confinamento impediulles buscar emprego

O dato de paro reflectido pola EPA (142.500 persoas buscando emprego en Galicia) é paradoxalmente inferior ao rexistrado en marzo (156.800). A razón é que unha gran parte das persoas ocupadas ou que estaban en procura activa dun posto de traballo pasaron directamente á inactividade, pois o confinamento impediulles buscar emprego ou non estiveron "dispoñibles para traballar" por ter que permanecer na casa coidando das persoas dependentes da familia.

O número total de persoas inactivas aumentou en 47 mil persoas neste trimestre. A cifra total acada o seu máximo dende finais do ano 2002. O número aumento en proporcións semellantes en homes e mulleres, pero chama a atención especialmente o incremento do número de persoas inactivas nas mulleres entre 45 e 54 anos, que aumentou un 24,1% no que levamos de ano (nos homes fíxoo un 14,8%).

O descenso no número de persoas ocupadas está, ademais, atenuado polos ERTE aplicados no último trimestre, pois as persoas que se acolleron a esta figura aparecen aínda como ocupadas. Segundo as especificacións de Eurostat para o caso dos ERTE, os suspendidos de emprego clasifícanse como ocupados cando existe unha garantía de reincorporación ao posto de traballo, unha vez finalizado o período de suspensión, indica o IGE nunha nota.

En total, o número de persoas ocupadas en Galicia (1.050.400), aínda que se sitúa 46 mil persoas por debaixo do dato de decembro e 48 mil por debaixo do indicador de xuño do pasado ano, é moi semellante (lixeiramente superior mesmo) aos datos do ano 2017.

A cifra de persoas ocupadas descende máis entre os homes (-22 mil) que entre as mulleres (-11 mil). A diferenza concéntrase especialmente no grupo de idade entre os 35 e os 54 anos, no que os homes perden 10 mil empregos e as mulleres tan só 2 mil. De igual xeito, hai grandes diferenza por sexo na evolución do número de persoas paradas, que non experimenta variación no caso dos homes e en cambio descende en 14 mil no caso das mulleres.

Das 1.081.000 persoas que en marzo estaban ocupadas, 40.500 pasan a estar en paro e 37.200 a ser inactivas

O INE e o IGE ofrecen información sobre os fluxos da poboación activa entre un e outro trimestre a partir dos datos da EPA. Neste cruce de cifras, pode observarse como en Galicia das 1.081.000 persoas que en marzo estaban ocupadas, 40.500 pasan a estar en paro e 37.200 a ser inactivas. De igual xeito, das 150.700 que estaban en paro, só 29.200 obtiveron un emprego, 71.400 continúan no paro e 50.100 pasan a estar inactivas. Mentres, moi poucas das persoas antes inactivas pasan a estar ocupadas (17.700), mentres que 30.700 pasan a estar no paro.

O comercio pasou a empregar en Galicia a 292 mil persoas a finais do pasado ano a dar traballo na actualidade a 272 mil, vinte mil persoas menos en seis meses

Por sectores, o número de persoas ocupadas descende en todos, pero especialmente no sector servizos (-19 mil persoas), pero tamén na industria (-7) e na construción (-5). Dende o comezo do ano a destrución do emprego no sector terciario é con moita diferenza a máis importante. En decembro había 771.300 persoas traballando nos servizos e na actualidade a cifra é de tan só 728.600.

O comercio pasou a empregar en Galicia a 292 mil persoas a finais do pasado ano a dar traballo na actualidade a 272 mil, vinte mil persoas menos en seis meses, un descenso no que non se inclúen os ERTES, que están axudando a soster as cifras de persoas ocupadas.

Por grupos de idade, a crise está afectando especialmente ás xeracións máis novas. Mentres que o número de persoas ocupadas de mais de 55 anos non experimentou ningunha variación neste trimestre e mesmo se incrementou dende comezos de ano, por debaixo dos 25 anos de idade destruíronse 1 de cada 4 empregos. As persoas entre 25 e 44 anos supoñen o groso da caída da ocupación, que baixou en 21 mil persoas no último trimestre neste grupo de idade.

O emprego no sector servizos foi un dos máis afectados CC-BY-SA Guillermo Ruíz

Reaccións dos sindicatos

A CIG subliña que hai que tomar os datos da EPA con "cautela", polas distorsións provocadas pola propia pandemia tanto na realización de entrevistas como sobre todo polo efecto de incremento de persoas rexistradas como "inactivas" entre aqueles e aquelas que están sen emprego. 

Neste momento hai en Galicia 57.100 fogares con todas as persoas en desemprego e 38.900 fogares sen ingresos

O sindicato nacionalista subliña que "calquera alternativa para encetar a recuperación pasa pola derrogación da reforma laboral e pola adopción con urxencia dun plan de emprego e de industrialización en Galiza que reverta o desmantelamento do tecido produtivo". Neste senso a central denuncia a "inacción da Xunta ante a grave crise industrial, social e demográfica" que sofre o país, amplificada nos últimos meses

CC.OO. fixo un chamamento a poñer en marcha en Galicia un "plan urxente de recuperación económica e social" centrado na creación de postos de traballo de calidade, pois "o emprego de calidade é a mellor protección social". 

O sindicato fai fincapé en que segundo os últimos datos da EPA neste momento hai en Galicia 57.100 fogares con todas as persoas en desemprego e 38.900 fogares sen ingresos. O número de fogares onde non entra ningún ingreso medra en 6.200 respecto do trimestre anterior e en 12.500 desde o segundo trimestre de 2019. Así mesmo, chama a atención sobre "os nocivos efectos da reforma laboral e precarización no emprego", que fai que sexan as persoas con contrato temporal "as que están a pagar o axuste no emprego con 31.000 asalariados e asalariadas menos neste trimestre".

O emprego temporal é o máis afectado pola destrución de postos de traballo, con 31.000 menos no último trimestre e 47.500 en termos interanuais

UGT tamén incide en que foron as persoas cun emprego temporal as que en primeiro lugar viron destruído o seu posto de traballo, ao non poder acollerse ás medidas para conter a caída do emprego. O emprego temporal cae en 47.500 en termos interanuais, dende xuño do pasado ano. Para o sindicato, isto amosa "unha das principais debilidades do noso mercado laboral: a forte inestabilidade pola reforma laboral que sofren os traballadores con contratos temporais".

UGT chama a "reconstruír o noso país aplicando medidas económicas e  laborais que protexan ás persoas que perderon o emprego, seguen sen poder acceder a un ou se viron afectados por unha redución de ingresos". Neste senso, conclúe, a extensión das medidas de axuste temporal (ERTE) "son fundamentais para salvagardar a existencia das nosas empresas, os empregos e o tecido produtivo do noso país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.