No último ano destruíronse o 15% dos empregos na hostalaría e o 27% no traballo doméstico en Galicia

A hostalaría perdeu case 10.000 postos de traballo en Galicia con respecto ao terceiro trimestre do ano 2019 CC-BY-SA Guillermo Ruíz

Os datos de emprego coñecidos nos últimos meses non amosan unha gran destrución de postos de traballo, a pesar das dificultades xurdidas da pandemia e da restricións introducidas para freala. A Enquisa de Poboación Activa publicada este martes sinala que o número de persoas ocupadas en Galicia é neste momento practicamente o mesmo que o existente en marzo e sitúase unicamente un 2% (23 mil traballadores e traballadoras) por debaixo das cifras do mes de setembro de 2019, hai doce meses. Cómpre ter en conta, iso si, que os ERTE están axudando a soster os empregos de moitas persoas, de milleiros de traballadores e traballadoras dos sectores máis afectados pola pandemia que grazas a esta ferramenta non se atopan en situación de desemprego.

Aínda que nas cifras totais de ocupados e ocupadas non se advirten grandes diferenzas coa situación que se daba antes da pandemia, o seu efecto sobre os colectivos máis precarios si se advirte xa nas estatísticas da EPA

Pero en todo caso, aínda que nas cifras totais de ocupados e ocupadas non se advirten grandes diferenzas coa situación que se daba antes da pandemia, o seu efecto sobre os colectivos máis precarios si se advirte xa nas estatísticas da EPA. Falamos das persoas que antes da crise tiñan un emprego a tempo parcial e daquelas que tiñan contratos temporais (e que polo tanto non se poden beneficiar da aplicación dos ERTE), circunstancias nas que se atopaban sobre todo persoas novas e traballadoras e traballadores do sector servizos e especialmente da hostalaría, do comercio ou do traballo doméstico. Profesións, ademais, moi feminizadas, polo que as mulleres traballadoras están a ser xa as máis afectadas pola crise motivada pola pandemia.

O número de persoas con contratos temporais caeu con moita forza no segundo trimestre. O pequeno ascenso do terceiro trimestre, que habitualmente coincide co verán e os contratos estacionais, non foi suficiente para compensalo

Nas cifras da EPA observamos como o número de persoas ocupadas que teñen un contrato temporal está moi por debaixo das cifras de hai 12 meses, cun descenso de máis de 27.000 traballadoras e traballadores nesa condición. En cambio, as persoas con contratos indefinidos medrou en máis de 18.000. 

As persoas con contratos temporais, que xa experimentaran un pequeno descenso no primeiro trimestre deste ano 2020 (últimas cifras previas á pandemia na súa maioría), caeron con moita forza no segundo trimestre (no que coincidiu a maior parte do confinamento da primavera. O pequeno ascenso do terceiro trimestre, que habitualmente coincide co verán e os contratos estacionais, non foi suficiente para recuperar todos os empregos temporais perdidos nos meses anteriores.

Dous de cada tres empregos perdidos no último ano foron ocupación a tempo parcial, un ámbito no que se destruíron máis do 10% dos postos de traballo

O efecto da pandemia é tamén moi claro se analizamos os datos en función do tipo de xornada. O número de traballadores e traballadoras con empregos a tempo completo está só 7.600 por debaixo das cifras do terceiro trimestre do ano 2019, hai doce meses, o que representa un descenso do 0,8%. En cambio as persoas con empregos a tempo parcial son hoxe 15.600 menos que hai un ano, unha caída do 10,38%. O seu número caera con forza no segundo trimestre e seguiu descendendo no terceiro trimestre.

En cambio, os empregos a xornada completa, que entre o primeiro e o segundo trimestre descenderan en máis de 21.000 traballadores e traballadoras (fronte a un ascenso de 19.000 no mesmo período do ano 2019), no terceiro trimestre experimentaron un forte ascenso (+37.200 ocupados/as), moi superior á suba do mesmo trimestre o pasado ano (+16.000).

En relación ao terceiro trimestre do ano 2019, o número de traballadores e traballadoras de menos de 25 anos cae en case 12.000 persoas e entre as persoas de 35 anos ou menos o descenso é de case 28.000

Por grupos de idade, nos últimos 12 meses descendeu de forma moi importante o número de persoas ocupadas de 35 anos ou menos, mentres que por riba de 45 anos existe unha tendencia estable e mesmo cun lixeiro ascenso nas idades máis avanzadas. Hai que ter en conta que o envellecemento da poboación leva a unha caída da poboación activa entre 18 e 35 anos, pero isto non explica a totalidade da diminución de traballadores e traballadoras destas idades.

En relación ao terceiro trimestre do ano 2019, o número de traballadores e traballadoras de menos de 25 anos cae en case 12.000 persoas. E entre as persoas de 35 anos ou menos o descenso é de case 28.000. Aumenta nestes grupos a poboación 'inactiva' (+11.000 entre os menores de 25 anos e +6.000 entre 25 e 34 anos), o que pode indicar unha renuncia á procura de emprego ante os obstáculos crecentes para atopar un posto de traballo, optando polos estudos ou outras escollas. Medra tamén o número de mozos e mozas en situación de desemprego, cun aumento de 4.000 parados e paradas por debaixo de 25 anos e outros tantos entre 25 e 34 anos.

Aumenta nestes grupos a poboación 'inactiva' (+11.000 entre os menores de 25 anos e +6.000 entre 25 e 34 anos) e medra tamén o número de mozos e mozas en situación de desemprego

Obsérvase tamén unha caída (menor) no número de persoas ocupadas entre os 35 e os 44 anos, con 10.000 traballadores e traballadoras menos que hai un ano. No grupo de idade seguinte (45-54) o número de persoas ocupadas non variou nos últimos 12 meses. Nas persoas entre 35 e 44, a diferenza do que sucede nos grupos máis mozos, este movemento non coincide cun aumento no número de parados e paradas, que mesmo descende con respecto a setembro de 2019, e tampouco na poboación inactiva.

A perda de postos de traballo foi maior entre as mulleres (-2,99%) que entre os homes (-1,27%), unha diferenza que se pode explicar pola maior precariedade do emprego feminino

No seguinte cadro obsérvanse as diferenzas existentes no número de persoas ocupadas entre o terceiro trimestre de 2019 e o terceiro trimestre de 2020, 12 meses nos que se produciu unha pequena destrución de emprego (-2,1%). A perda de postos de traballo foi maior entre as mulleres (-2,99%) que entre os homes (-1,27%), unha diferenza que se pode explicar pola maior precariedade do emprego feminino (con máis postos de traballo a tempo parcial e con contratos temporais).

Dous de cada tres empregos perdidos no último ano foron ocupación a tempo parcial, un ámbito no que se destruíron máis do 10% dos postos de traballo, o mesmo que nos empregos con contratos temporais.

No último ano destruíronse o 15,5% dos empregos de persoal asalariado na hostalaría e o 22,7% dos postos de traballo das empregadas domésticas 

O sector servizos foi o máis afectado e el corresponde a práctica totalidade dos postos de traballo perdidos nos últimos meses (-23.200). No sector primario houbo mesmo un pequeno aumento no número de persoas ocupadas, tanto no sector agrogandeiro (+400) coma no pesqueiro (+1.400). Tamén medrou o número de traballadores no sector da construción (+2.800), cun pequeno descenso na industria (-4.400). 

No sector servizos perdéronse o 3% de todos os empregos e a hostalaría foi un dos ámbitos máis afectados, cunha destrución de 7.300 postos de traballo entre as persoas asalariadas na restauración (un 15,5% do total). Entre os 'cociñeiros e camareiros propietarios' (as persoas que rexentan os locais) a destrución de emprego foi algo menor, pero igualmente importante, cun descenso de 2.600 postos de traballo (un 10% do total). Sumada á cifra anterior, resulta unha perda total de case 10.000 postos de traballo, un 14,6% do total.

Ademais, perdéronse 3.500 empregos entre os e as dependentes en tendas e almacéns. Outro dos ámbitos máis afectados foi o do traballo doméstico (maioritariamente desenvolvido por mulleres), cunha destrución de 6.500 empregos en Galicia, un 22,7% do total.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.