Un total de 180.500 persoas traballou en Galicia no seu domicilio nalgún momento durante o segundo trimestre do ano, entre abril e xuño
Máis do 80% da poboación activa galega non puido traballar desde a casa durante o confinamento. Son os datos que se tiran da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada este martes e que engadiu, excepcionalmente, preguntas específicas sobre o teletraballo e información específica co gallo da crise pola covid-19.
Segundo os datos achegados polo INE, un total de 180.500 persoas traballou no seu domicilio nalgún momento durante o segundo trimestre do ano, entre abril e xuño, meses que na súa maioría coincidiron co estado de alarma declarado o 14 de marzo e co confinamento.
Só o 13,8% da poboación activa en Galicia exerceu o teletraballo máis da metade dos días que traballou
Foi, xa que logo, o 17,2% da poboación activa a que nalgún momento exerceu o teletraballo en Galicia, aínda que en diferente medida. 145.000 persoas teríano feito durante ese trimestre máis da metade dos días que traballaron (13,8%), mentres que 35.500 só ocasionalmente (3,4%).
En definitiva, e tamén segundo os datos da EPA, 855.800 persoas en activo en Galicia durante o trimestre do confinamento non traballaron "ningún día" desde a casa, o que supón o 81,4%, mentres que 14.100 responderon non saber.
A porcentaxe de xente que puido exercer o teletraballo en Galicia é semellante á do conxunto do Estado, aínda que algo inferior. En España, algo máis do 19% da poboación activa traballou desde a casa nalgún momento durante ese segundo trimestre de 2020, mentres que o 16,2% fíxoo máis da metade do tempo que se mantivo ocupado.
Estes datos semellan coincidir cos que, tamén achegados polo INE, reflectiron que Galicia reducira a súa mobilidade durante o confinamento un chisco por baixo da media estatal.
Precisamente, o pasado 15 de outubro, o pleno do Congreso convalidou os decretos leis que regulan o teletraballo no sector privado e no público, intentando pór orde nunha situación que por novidosa, aínda que minoritaria, nunca foi abordada a fondo.
Precisamente, e tal e como lembraba neste artigo o sindicalista Clodomiro Montero, as longas xornadas foron unha das maiores queixas daquelas persoas obrigadas a teletraballar nos últimos meses. Ademais, e segundo a EPA, as horas extras non pagadas incrementáronse un 21% durante o confinamento malia a existencia da obriga de rexistro e do dereito á desconexión dixital.